Xeración/AGN.
Esta mañá uns 190.000 nenos galegos volveron recordar como soa un espertador. Comezou o curso escolar para os alumnos de educación infantil, primaria e educación especial. O número exacto de bocas bocexantes, de mochilas ó lombo, é 189.383, o que segundo as estadísticas da Consellería de Educación son 2.982 rapaces máis que o ano pasado.
Na franxa de educación infantil incorporáronse 1.485 alumnos máis que o curso pasado. En total, este ano cursarán esta etapa 61.233 nenos, dos que 42.415 estudarán en centros públicos, 18.644 farano en concertados, e só 1.649 estudarán en colexios privados.
En primaria hai 1.514 rapaces máis, o que supón un total de 125.124 matriculados. Deles, 85.468 realizan os seus estudios nun centro público, 37.197 nun concertado, e 2.459 nun privado.
Pola contra, este ano houbo unha pequena baixada -17 alumnos menos- en educación especial. Cursarán esta modalidade un total de 1.551 rapaces en Galicia.
Polémica coas horas lectivas
As vacacións de verán non foron precisamente tranquilas para o profesorado e a Consellería de Educación. A decisión de eliminar a xornada reducida nos meses de xullo e setembro foi moi mal recibida pola maioría dos mestres. Segundo os datos presentados pola CIG, case catro de cada cinco mestres prefiren voltar ó modelo tradicional, que contempla menos horas no primeiro e no último mes do curso.
Os sindicatos tamén denunciaron na última semana o incumprimento dos compromisos acadados entre Educación e os mestres, segundo os cales as horas lectivas semanais de cada mestre se reducen de 25 a 21, e a presenza dos profesores nos centros baixa de 30 a 25 á semana.
O obxectivo da Consellería que dirixe Laura Sánchez Piñón é que o calendario escolar garanta para o alumnado unha xornada escolar de 5 horas diarias durante todo o curso.
Non obstante, os centros educativos tiveron a oportunidade de solicitar unha modificación da xornada escolar nos meses de setembro de 2007 e xuño de 2008, coa fin de poder agrupar esas cinco horas de xornada lectiva diaria no horario de mañá. Pero hai centros, que en función das súas necesidades e dispoñibilidades, terán clases tamén pola tarde, con horarios de entrada e saída distintos en cada caso.
Galego no ensino
Tamén durante este curso se comezará a aplicar o Decreto polo que se regula o galego no ensino. Unha norma que establece, como novidade principal, o uso da lingua galega na metade das materias. PSdeG, BNG e PPdeG traballaran man con man neste documento, mais cando se daba por segura a aprobación por unanimidade, os 'populares' botáronse atrás, asegurando que o Decreto atentaba contra a liberdade lingüística dos alumnos e dos pais.
LOE
Este será tamén o ano no que comecen a impartirse as novas ensinanzas marcadas pola Lei Orgánica de Educación. Este curso, a normativa afectaralle a un total de 93.000 alumnos galegos de primeiro e segundo de primaria e de primeiro e terceiro de educación secundaria obrigatoria (ESO).
A nova Lei tentará desenvolver unha atención máis personalizada por parte dos profesores e un reforzo das matemáticas, a lectura e a lingua. As novas tecnoloxías tamén terán un protagonismo destacado, ó considerarse competencia básica do alumnado.
A normativa estatal establece que os escolares estuden inglés dende os seis anos, en lugar de a partires dos oito, como acontecía ata agora.
O curso 2007-2008 inclúe outras novidades na ensinanza de idiomas, como a anticipación da primeira lingua estranxeira dende os tres anos nos centros que o soliciten. Ademais, a partires deste curso, ofertarase a segunda lingua estranxeira, con carácter común, en primeiro e segundo da ESO. Ata o momento, esta materia era optativa.
Comedores
Outra das novidades deste curso é a apertura dos comedores dende o primeiro día de clases. Serán 538 os centros que dispoñan este ano do servizo. Deles 388 os xestiona directa ou indirectamente a Consellería de Educación, mentres que os 150 restantes os atenden as Asociacións de Nais e Pais de Alumnos.
Deste xeito, o número total de alumnos e usuarios do servizo de comedor elévase a 58.916, o que representa tamén unha subida respecto ó curso pasado, neste caso do 6.901 comensais.
406 profesores máis
No curso 2007-2008 impartirán clases nos centros públicos da ensinanza non universitaria galega 31.020 docentes, dos que 14.797 son mestres e 12.277 son profesores de secundaria. Isto supón un incremento de 406 docentes máis en relación co curso anterior.
Ademais, funcionarán na comunidade autónoma 1.251 centros, dos que 500 pertencen á provincia da Coruña, 174 á de Lugo, 147 á de Ourense e 430 á de Pontevedra.
12/09/2007