Datos de interés

  • Sábado 04.07.2009

Acordo por unanimidade

Aprobada por unanimidade a comisión de investigación do Gaiás


Etiquetas: PSdeG, PPdeG, BNG, Parlamento, Cidade da Cultura

Mónica Sequeiro. AGN (Santiago).

O Pleno do Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade a creación dunha Comisión de investigación sobre a Cidade da Cultura. Finalmente analizaranse "todas as actuacións da Administración pública" respecto a esta obra "desde o seu inicio en 1999 ata a actualidade". Así, a Comisión estudará tanto a xestión do anterior goberno do PPdeG como a do actual executivo bipartito.

Os tres grupos parlamentarios foron capaces de chegar a un acordo a este respecto, pese ás diferenzas iniciais sobre o obxecto e o período a investigar. Así, a este primeiro pleno do período de sesións tralas vacacións chegábase con  dúas propostas para constituír a comisión: unha do PPdeG e outra conxunta de BNG e PSdeG.

"Amiguismo e despilfarro"
Pese ao acordo unámime para crear a Comisión do Gaiás, o Pleno non estivo exento de críticas e polémicas. Os socios do goberno criticaron a actuación do Executivo do PPdeG respecto á Cidade da Cultura. En base ao informe do Consello de Contas falaron de "despilfarro, indefinición do proxecto, amiguismo e intereses familiares" na xestión e adxudicación das obras-

O voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, recriminou que o PP "colocase a xente de confianza" á fronte do proxecto. Aymerich denunciaba así que arquitecto coordenador do proxecto fose Alfredo Díaz Grande, marido da que daquela era conselleira de Familia, Pilar Rojo. Criticou ademais a elección de Ángel Currás (irmán do ex-titular de Educación, Celso Currás), como director xerente da Fundación da Cidade da Cultura.

Aymerich foi aínda máis lonxe ao engadir que "como tributo obrigado a Génova colocaron a Manuel Fernández Balboa", cuñado do presidente do PP, Mariano Rajoy.

"Obras paralizadas"
Pola súa banda, o grupo 'popular' considera que é o actual presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, quen ten que dar explicacións. O voceiro de cultura do PPdeG, Ignacio López-Chaves, considera a Touriño responsable de converter o Gaiás "nun caos". Ademais, advertiu que o actual Goberno "quererá liliputizar a Comisión, porque non lle interesa aclarar o que sucede con estas obras que levan dous anos paralizadas".

Sobre as acusacións verquidas por socialistas e nacionalistas sobre o "amiguismo" nos cargos da Fundación da Cidade da Cultura, López-Chaves non se pronunciou e limitouse a defender o proxecto do Gaiás comparándoo con outros como o Guggenheim, de Bilbao, ou a Cidade das Artes e as Ciencias de Valencia, que tamén "tiveron oposición dos agoreiros do fracaso" e agora son un éxito.

Próximos pasos
Así as cousas, a Comisión de investigación ten todas as trazas de converterse nun pulso entre o goberno e a oposición por centrar a atención ben no período da adxudicación e primeiros anos do proxecto, ben nos dous últimos anos. Polo de agora, o único acordo foi crear este órgano parlamenario. O resto, tanto o plan de traballo para a investigación como os seus prazos e os nomes dos comparecentes terán que ser froito dun novo acordo entre os grupos.

A partir de agora, establécese un prazo para que os grupos parlamentarios designen os seus representantes na comisión. A composición que terá que ser ratificada pola Mesa do Parlamento para posteriormente convocar a reunión constituínte do novo órgano parlamentario.

11/09/2007

5'0 (4 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso