Xeración /AGN (Santiago).
A Consellería de Cultura solicitou formalmente o amparo da xustiza para que o persoal técnico da Xunta poida acceder ao Pazo de Meirás e inspeccionar o interior do edificio.
O letrado do Goberno galego depositou esta mañá no rexistro dos xulgados do Contencioso-Administrativo da Coruña unha solicitude para que o poder xudicial "determine o lugar, día e hora" na que os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio poidan entrar no Pazo ou que lle permita á Consellería de Cultura fixar esa data.
Coa presentación desta solicitude, Cultura quere "facer valer o seu dereito" de inspección ante a "obstrución" dos propietarios á entrada dos técnicos, segundo informou o departamento. A xuízo da Consellería, a lexislación estipula que Patrimonio ten dereito a acceder ao pazo como parte do Patrimonio Cultural Galego, segundo establece o artigo 26.1 da Lei de Patrimonio de Galicia.
Así mesmo, Cultura lembra no escrito que a entrada ao pazo "é o único medio" para avaliar o estado de conservación e mantemento do pazo, así como para investigar se o pazo reúne as condicións axeitadas para a súa posible declaración como Ben de Interese Cultural (BIC).
A Consellaría enfatiza que se trata dunha inspección exclusivamente técnica e que se salvagardará o dereito á intimidade das persoas propietarias.
Conflito polémico
Dende a consellería aseguran que a propietaria do pazo, Carmen Polo Franco, respondeu "de xeito positivo" nun principio á solicitude de inspección do pazo efectuada por Cultura.
Así, nun escrito dirixido a Patrimonio con data de 19 de xaneiro, a herdeira de Francisco Franco afirma: “terei moito gusto en facilitar o acceso ao mesmo a esa Dirección Xeral aos efectos de comprobar o seu estado de conservación, que procurei que fose o correcto”. Porén, os intentos levados a cabo pola Consellaría para fixar unha data e poder realizar así a inspección resultaron infrutuosos por mor da falta de resposta da propietaria.
Esta decisión comunicóuselle nun burofax enviado aos propietarios cunha semana de antelación, pero ese día, un avogado que se identificou como voceiro da propietaria comunicoulle ao equipo de inspección, integrado por unha arquitecta, un arqueólogo e unha historiadora da arte, que non podían acceder ao recinto.
Ante a obstrución, a Consellería iniciou a apertura dun expediente sancionador que pode ter como consecuencia unha sanción de até 60.000 euros.
10/09/2007