Datos de interés

  • Venres 21.11.2008

Contra as canteiras

21.000 firmas para que O Courel sexa Parque Natural


Etiquetas: O Courel, medio ambiente

A asociación ecoloxista SOS Courel entregou esta mañá no Rexistro da Xunta as 21.000 sinaturas que recolleron logo dunha campaña que persegue a declaración de Parque Natural para este enclave do interior lucense. Piden que a Xunta non obstaculice a iniciativa, e que non reserve zonas para a explotación mineira.

Betti Vázquez (Santiago).

A asociación ecoloxista SOS Courel entregou hoxe no Rexistro Xeral da Xunta as 21.000 sinaturas que recolleron logo de varios meses de campaña para conseguir a declaración de Parque Natural para esta zona do interior lucense.

O que perseguen é a presentación dunha Iniciativa Lexislativa Popular para que o conxunto montañoso courelán sexa considerado espazo protexido na súa totalidade, fronte á actual proposta do Goberno galego, que deixa fóra o sur do enclave para continuar coa explotación de varias pizarreiras.

O colectivo pídelle á Xunta que non obstaculice a declaración concedendo licencias de explotación mineira que non fan senón destruír o contorno. As firmas conseguidas son máis ca sufientes para que a proposta sexa tramitada no Parlamento.

Os concellos positivamente afectados pola iniciativa serían Pedrafita, Quiroga, Pobra do Broullón, O Incio, Folgoso do Courel e Samos. Segundo sinalou o portavoz de SOS Courel, Orlando Álvarez, en declaracións á Radio Galega, "hai que facerlle entender á xente que a Xunta pode facer un parque con restriccións innecesarias que van en contra da habitabilidade do contorno, e que botarían fóra á xente".

Pola súa banda, o presidente da asociación ecoloxista, Xosé Ramón Rodríguez Ríos, asegurou que o obxectivo das sinaturas é conseguir "a protección fronte ás actividades perxudiciais nesta zona, a de maior diversidade de Galicia".  E lembrou que se esta zona ostentase o título de Patrimonio Natural "non correría perigo pola actividad mineira, porque as empresas non poderían extraer nada aquí".

Unha loita que arranca no 2004

O Courel pasou a formar parte da Rede Natura no 2000 e a primeira campaña emprendida polos ecoloxistas en defensa da zona, no 2004, foi respondida pola Xunta cunha proposta para a súa declaración como Parque Natural.

Pero a iniciativa non convenceu, xa que incluía unicamente 1/5 do conxunto. Non se tiña en conta a conca enteira do río Ferreiriño nin a metade sur da conca do Lor, onde estaba prevista a instalación de tres novas canteiras e a legalización da Canteira da Campa, en funcionamento aínda daquela pese a unha orde de peche que databa do 2002 e que nunca chegou a cumprirse.

A canteira foi legalizada o pasado xuño, facendo oídos xordos das protestas de cidadáns e de comités ecoloxistas. SOS Courel denunciou que a declaración de impacto ambiental non contemplaba a ocupación do río Loruda, e que a situación da explotación "acurralada por bosques de castiñeiros centenarios, aldeas, ríos e a estrada comarcal" está nun lugar imposible de aceptar.

Foi precisamente esta decisión da Xunta, que prioriza os intereses mineiros sobre os ambientais, unha das razón que levaron ós ecoloxistas de SOS Courel a emprender mobilizacións en defensa deste espazo. Pero non foi a única.

A declaración do Courel como Parque Natural, segundo a proposta da Xunta, non incluiría a parte sur co conxunto montañoso, deixando fóra enclaves tan emblemáticos como Froxán, Vilar, Vilamor, Santa Eufemia, o Pliegue Tombado de Campodola. A maiores, o Proxecto de Lei de Ordenación da Minaría de Galicia, aprobado o 21 de xuño, deixa a porta aberta para a declaración de Folgoso do Courel de Concello mineiro, pola súa dependenza deste sector.

O chamamento cidadán feito pola asociación ecoloxista tivo a súa resposta. Aínda que para a presentación dun proxecto de lei son necesarias unicamente 15.000 firmas, foron 21.000 as persoas que asinaron o seu compromiso co Courel.

10/09/2007

4'2 (12 votos)

COMENTARIOS

#1 galicecos
10-09-2007 22:43

Paréceme moi triste que se teña que chegar ó extremo de ter que acadar as sinaturas de 21.000 persoas para que isto da natureza (que é cousa sen importancia) sexa tido en conta, mália estar no governo dos partidos de ¿esquerdas?. Xa empezo a ter serias dúbidas ó respecto e estou a pensar que unha vez se sentan na cadeira de mando esquéncense dos principios que os levaron a poñer o cú nela.

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Momento da entrega das 21.000 sinaturas para salvar o Courel. Foto: Pepe Ferrín.AGN
Momento da entrega das 21.000 sinaturas para salvar o Courel. Foto: Pepe Ferrín.AGN

Información relacionada

Buscar máis información sobre




Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso