Xeración/AGN.
O secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, debullou esta mañá, fronte 6.000 simpatizantes, as liñas de actuación que seguirá o seu goberno para o próximo curso político, e aproveitou para facer un balance dos seus primeiros dous anos como presidente da Xunta.
Na 'Festa dos socialistas', celebrada nas instalacións de Fexdega, en Vilagarcía de Arousa, Touriño revisou as actuacións en materia de sanidade, destacando a posibilidade de que os médicos poidan acceder ó historial clínico dos seus pacientes, o que sucederá antes de final de ano. Isto completa a contratación de 144 novos profesionais sanitarios no Servizo de Saúde.
O líder dos socialistas galegos tamén lembrou a súa promesa de construír 2.200 vivendas de protección oficial, que ó seu xuízo "quedou superada coas 6.632 edificadas nos últimos dous anos".
Apoio do Estado
En presencia do secretario de organización do PSOE, José Blanco, Touriño reiterou a súa promesa de que Galicia recibirá, por terceiro ano consecutivo, un 8% da inversión prevista nos próximos Orzamentos Xerais do Estado.
Blanco, pola súa parte, sumouse ó ambiente festivo ó declarar que ninguén vai recoñecer á comunidade galega "pola modernización que está facendo o Goberno de España". O secretario de organización do PSOE reiterou que o Executivo central "cumpre os seus compromisos", tralo que pediu o voto para os seus nas próximas eleccións xerais, en marzo de 2008.
Unha ollada atrás
Touriño aproveitou para realizar un balance dos seus dous anos á fronte da Administración autonómica, período do que subliñou a súa positiva evolución económica e o avance no proceso do diálogo social. En concreto, asegurou que o Executivo galego xa ten creado 83.000 empregos, fronte ós 35.000 prometidos cando tomou posesión do seu cargo.
Ademais, referiuse á gratuidade dos libres de texto e á figura dos acompañantes, que viaxan cos alumnos máis pequenos no traxecto entre as súas casas e o centro educativo, e que xa chega a tódalas familias que precisan del.
09/09/2007