M.S. AGN (Santiago).
O curso político comeza oficialmente a próxima semana co pleno no Parlamento de Galicia e varios cambios con respecto á primeira parte da lexislatura. A principal novidade son os relevos nos grupos do BNG e o PPdeG derivados das eleccións municipais. Dous deputados deixan os seus escanos e serán sustituídos por mulleres, ambas das listas de Lugo.
Deste xeito, a presenza feminina no Parlamento galego chega xa á terceira parte do hemiciclo, 25 mulleres dun total de 75 parlamentarios, unha cifra aínda lonxe da paridade que propugna o Goberno.
De tódolos xeito, o protagonismo das mulleres na vida parlamentaria é cada vez maior, como o demostrou o nomeamento de Dolores Villarino como a presidenta da Cámara galega a comezos da lexislatura.
Paridade provincial
Só a Provincia de Lugo, grazas á incorporación das dúas novas deputadas, alcanza o límite que establece a Lei, unha porcentaxe non inferior ao 40 por cento. Dos 15 parlamentarios en representación da provincia lucense, a paridade é case plena, con sete mulleres fronte a oito homes. Aparte de Lugo, Ourense e Pontevedra, rozan a terceira parte, mentres que A Coruña se queda no 25%.
As dúas incorporacións ao Parlamento galego chegan da "canteira" da política municipal. A deputada popular, Isabel García, incluso manterá o seu cargo como concelleira en Friol, que compatibilizará co escano parlamentario, mentres que a nacionalista Cristina Ferreiro, xa renunciou á súa acta municipal en Lugo.
Camiñar por diante da lei
Con respecto á presenza das mulleres no Parlamento, a deputada do PPdeG pon de exemplo a representación de Lugo, que cumpre coa porcentaxe de paridade e asegura que "tódalas provincias se deberían de achegar a esas cifras". Ademais, considera que a paridade non pode impoñerse, senón que á hora de falar dos deputados "a valía de cada persoa é o que prima".
A visión da deputada nacionalista é distinta e asegura que "hai que pelexar para que se modifique" a pouca presenza das mulleres na política. Pero Cristina Ferreiro advirte de que "a lei tampouco o vai arranxar todo, se as mulleres non damos o paso de participar" e insta a dar ese paso, porque a lexislación por si soa "non vai a ser resolutiva".
10/09/2007