Datos de interés

  • Xoves 28.08.2008

Axudas para a lingua

800.000 euros para normalizar o galego nos concellos


Etiquetas: concellos, lingua

Xeración/AGN.

Un total de 118 entidades locais de Galicia recibirán 799.000 euros para subvencionar a normalización da lingua galega, segundo se recolle na edición de hoxe do Diario Oficial de Galicia.

Estas axudas adoptan catro posibles modalidades. Os dous primeiros tipos de axudas están destinados á creación e mantemento de servizos municipais e provinciais de normalización lingüística.

As outras dúas modalidades son a posta en marcha de campañas e a elaboración de publicacións co obxecto de lograr o uso normalizado do galego na entidade local; e o desenvolvemento de iniciativas de normalización e emprego do galego nos documentos e programas ofimáticos empregados pola Administración local.

Os servizos municipais e provinciais de normalización lingüística deberán contar, cando menos, cun especialista titulado en lingua galega: licenciado en filoloxía galego-portuguesa, galega ou hispánica (sección galego-portugués). Ademais, desenvolverán o seu labor tanto no aspecto lingüístico coma no sociolingüístico.

Os filólogos realizarán tarefas de tradución de textos e de documentos, corrección documental, deseño da documentación formal e de elaboración dun modelo de regulamento do uso do galego nas entidades locais. Tamén estarán dispoñibles para resolver as consultas lingüísticas dos traballadores.

Criterios de avaliación
Na avaliación das solicitudes dos concellos tivéronse en conta varios aspectos, como que a axuda se dirixise á creación de novos servizos de normalización lingüística ou se destinase a manter servizos de normalización lingüística xa creados, favorecendo ós que leven máis tempo en funcionamento.

Tamén se valorou que o servizo de normalización da entidade local preste apoio a outras entidades e a realización de campañas de difusión dos valores culturais propios da entidade local ou de potenciación do uso do galego nos documentos administrativos, con especial incidencia nos que fomenten o uso de programas ofimáticos en lingua galega.

07/09/2007

4'0 (4 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Buscar máis información sobre




Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso