Anxa Correa. AGN.
Xaime Quessada (Ourense, 1937) representa o que el chama "a loita universal da arte". Máis aló dos seus ideais "galeguistas", Quessada cre que a arte "é algo moi distinto ó localismo". Esa é unha das ideas de partida da Fundación Jaime Quesada, creada en honra do seu fillo, tamén pintor, falecido prematuramente en 2006.
PREGUNTA: ¿Como naceu a fundación?
RESPOSTA: Creámola cando morreu o meu fillo, Jaime Quesada Blanco, e puxémoslle o seu nome como símbolo do artista que naceu en democracia e do galego universal. El comezou Belas Artes e deixouno, porque non aprendía nada. A partir de aí comezou unha andaina rápida, e xa comezaba a expor en Lisboa, Estocolmo... Tiña unha proxección de expoñer fóra, de facer a loita universal da arte. A arte é algo moi distinto do localismo e as patriotadas. A arte en si é seria, é universal.
P: ¿Como era a relación co seu fillo?
R: Eu non sei se era o seu mestre ou o seu discípulo. Sempre digo que son un simple aprendiz das covas de Altamira; ninguén pintou un bisonte tan belo dende hai anos. Había xente que dicía que o meu fillo facía arte abstracta, pero a abstracción é dos tataravós, falar de abstracción é falar do Neanderthal.
P: ¿Como valora a situación actual da arte?
R: É un barullo tremendo como está o mundo da arte. Fai falla un cambio estrutural do mundo, e a arte forma parte disto. As que mandan en España son as galerías comerciais, son o aparato do poder. Isto é malísimo para o país.
Ademais, Galicia ten un problema por resolver: crear memoria. A memoria dun país precisa dunha normalización da imaxe, e nos carecemos dun museo de arte do século XIX ou XX, como pode ter Cataluña. Hai que recuperar a memoria plástica de Galicia, que non é peor que a catalá, nin a francesa ou a vasca. Non hai dereito a que no Centro de Arte Raíña Sofía non estea Colmeiro, Laxeiro ou Castelao. O verdadeiro inimigo da cultura galega é o cipaio.
Propostas
P: Nese contexto, ¿que traballo se marcan dende a fundación?
R: Pretendemos facer un museo de arte contemporánea nunha cidade de Galicia, nun edificio novo ou vello. Doaremos toda a obra do meu fillo e a miña, para o que xa fai falla moito espazo polas súas grandes dimensións. Pero non se trata de potenciar só a nosa obra, senón de integrar outras obras de artistas galegos, e despois nacionais e internacionais do campo da pintura, o deseño, a arquitectura. O noso fin é integrar eventos de arte nunha sede que se proxectaría a nivel internacional.
P: ¿E ten espazo coa oferta xa existente?
R: Non competimos con ninguén. Hai unha oferta de infraestrutura cultural inmensa. A estrutura está cambiando porque as caixas e outras institucións están creando infraestrutura para desenvolver a arte. Iso é un patrimonio importante. O que non está ó mesmo nivel é a rede crítica, ensaística, histórica...
A Fundación ten un proxecto paralelo ó que pode ter a Deputación ou as caixas. Competir aí é absurdo; trátase de sumar, non de borrar. O que queremos é crear unha obra perdurable, facer unha selección moi escasa e facer actividades, pero sen pechar o campo a outras institucións.
P: ¿Onde pensan ubicar a sede?
R: En principio, podería ser calquera cidade galega. Hai varias opcións, e unha delas é Ourense, que é unha cidade cultísima, é o berce da Xeración Nós, que lembran ós humanistas. A Galicia moderna fráguase na cultura da Xeración Nós.
P: ¿Que obras incluirá ese museo?
R: O fin do museo non será glorificar a obra dun artista despois da morte, como a de Laxeiro ou a de Seoane. Imos ter unha obra importante, de grande valor, porque queremos potenciar a arte moderna a niveis internacionais como merece Galicia. Teremos o problema da integración, porque só en Ourense hai 600 artistas, sen contar os domingueiros. Hai que facer unha selección, establecer niveis. Un dos problemas é que o márketing está acabando coas categorías, iguala a Beethoven con Manolo Escobar. Ese populismo é nefasto.
Axuda ós novos creadores
P: ¿Que actividades teñen programadas?
R: Propuxémoslle ó reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, colaborar na convocatoria dun premio de pintura a nivel galego, e dixo que non, que os novos artistas queren un premio galego a nivel internacional. O problema do artista mozo en Galicia é que non pode vivir da arte, non hai case axudas, e por iso os mozos queren ser todos funcionarios. A burocracia está asasinando á arte. A culpa non é dos rapaces, senón de todo o sistema. Está aniquilando todo.
P: ¿Teñen pensado nalgunha forma de financiamento?
R: Simplemente facer que un museo funcione ben é moi caro, polo mantemento. Moitas fundacións en Galicia desaparecen porque non hai diñeiro. Eu era moi remiso á figura das fundacións, porque moitas veces as crean as empresas para evadir impostos, e a maioría son de dereitas. Pero hai fundacións que poden contribuír a unha cultura contra o negocio da arte. Hai varias institucións que colaboran coa fundación, a primeira, a Xunta. Tamén colabora o Concello, a Deputación de Ourense, o Ministerio de Cultura, e case 100 intelectuais, como Alonso Montero, Méndez Ferrín, Alfredo Conde, Díaz Pardo, Virxilio, Ghaleb Jaber, Antón Louro...
P: ¿Cal é o principal reto da fundación?
R: Buscamos potenciar o que sempre foi Galicia, un país universal. Creo que foi unha grande decisión implicar ó Estado na Cidade da Cultura, igual que se financiou a Expo de Sevilla, porque é algo universal. O derrotismo de quen ataca a Cidade da Cultura e adora ó Gugguenheim vén da cultura franquista.
08/09/2007