Xeración /AGN (Santiago).
O BNG reclama a cooperación do Goberno central coa Xunta en todos os procesos administrativos e legais para declarar o Pazo de Meirás, en Sada, Ben de Interese Cultural (BIC) ou iniciar o proceso de expropiación "se é o caso", segundo manifesta o portavoz do Bloque no Congreso, Francisco Rodríguez, a través dunha iniciativa parlamentaria.
Tamén pide ó Executivo a súa colaboración para que dende as competencias do Estado os técnicos da Consellería de Cultura poidan entrar a comprobar o estado do Pazo de Meirás. Considera que, como paso previo á toma de decisións administrativas e legais precisas, é necesario constatar o seu nivel de conservación e realizar un reportaxe gráfico ó respecto.
Rodríguez asegura que a donación deste edificio ó ditador Francisco Franco foi "de xeito irregular, inxusto e anti-democrático". Así, explica que a denominada "Junta Provincial pro Pazo do Caudillo" mercou no seu día as Torres e unha extensión que representaba a metade do que hoxe posúe a familia Franco. Despois incorporáronse propiedades a través de todo tipo de "artimañas" incluso "baixo ameaza e extorsión, e sen compensación económica en moitos casos", asegura.
05/09/2007