Anxa Correa.AGN (Santiago).
Un total de 80 expertos en pobreza e desigualdade de países latinoamericanos, europeos e africanos participarán entre o 2 de outubro e o 29 de novembro no simposio internacional 'Pobre Mundo Rico' que se desenvolverá nas sete principais cidades galegas.
As 39 conferencias e as 14 mesas de debate irán acompañados de 54 proxeccións nas sete cidades de obras audiovisuais vencellados ao problema da pobreza e de escaso interese comercial, así como de oito actuacións de teatro na rúa a cargo do grupo de teatro brasileiro 'Loucas de Pedra Lilás' co espectáculo 'Outro mundo é...'.
Actividades
A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Santiago e Vigo acollerán estas actividades para reflexionar sobre o papel das ONGs, a muller e a pobreza, o cambio climático, a fuga da industria aos países subdesenvolvidos, o narcotráfico en América Latina, a riqueza potencial de África e Latinoamérica, o tratamento dos medios de comunicación á pobreza e desigualdade no mundo, a inmigración, a banca alternativa, o papel das transnacionais enerxéticas ou a función da Igrexa, entre outros temas.
O programa conta coa participación de figuras como Bernard Cassen, fundador de Attac; o filósofo e sociólogo Samí Naïr; o profesor de Ciencia Política Carlos Taibo; Pierre Schori, director xeral de Fride; Alfonso Dubois, do Instituto de Estudos sobre Desenvolvemento e Cooperación Internacional de Euskadi, ou François Houtart, director do Centro Tricontinental de Bélxica.
O groso das actividades estarán protagonizadas por representantes de distintas organizacións de todo o mundo, unidos por un "compromiso e coherencia social", como o frade dominico e escritor Frei Betto, Carmelo García, director do Instituto de Estudos Políticos para América Latina e África; Esteban Beltrán, de Amnistía Internacional; Carmen Velasco, directora Pro Muller Bolivia; Muyi Kabunda, do Instituto de Estudos Africanos, ou Pascual Serrano, de Rebelion.org
Presencia na rede
O simposio está organizado polo Club Internacional de Prensa. Durante a súa presentación en Santiago, a súa directora, Carmen Carballo, destacou que o evento está a ter unha "repercusión en todo o mundo" a través da rede. Así, o blog do simposio recibiu preto de medio millón de solicitudes procedentes de 60 países nos dous últimos meses.
A relación do simposio coa rede manterase constante durante os dous meses que dure ó mesmo, xa que as actividades incluídas no programa poderán seguirse dende todo o mundo a través de televisión por internet, segundo informou o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias.
Ademais do Club internacional de Prensa, tamén colaboran no simposio 'Pobre mundo rico' a Obra Social Caixanova e as tres universidades galegas.
05/09/2007