Navia Franco.
Tan difícil de asimilar coma un recreo sen “bocata” é a suba de ao redor de tres céntimos por peza que experimentará o pan neste mes de setembro. Sen máis voltas que darlle, ás economías domésticas quédalles a resignación ante tal ameaza, non por tantas veces anunciada menos desoladora.
Á cesta da compra vaille sentar mal o outono. Os malos augurios para o inicio do curso escolar non se centran só no encarecemento do pan, senón que a adquisición de ovos, lácteos e carne preséntase tamén máis cara para os petos familiares, abondo furados polas hipotecas.
En realidade, os consumidores non dispoñen nin de armas nin de valedores eficientes que fagan oír a súa voz para lograr cambiar o sino dos prezos. Condenada ao fracaso antes mesmo de ser pronunciada en alto, a protesta dos que levan o carro da compra pode transformarse, en troques, nun potente trono de aquí ás eleccións xerais.
Os responsables políticos poden gabarse dos bos resultados rexistrados en materia de emprego pero cada votante, cada consumidor, coñece polo miúdo canto diñeiro deixa no supermercado, canto ten que gañar para encher a cesta e ata onde chega o seu endebedamento persoal ou familiar.
Sen necesidade de recorrer ás receitas culinarias de Ignasi Doménech -do libro “Cocina de recursos (Deseo mi comida)”, Barcelona, 1941- para aprender a facer tortilla sen ovos ou coñecer todos os trucos posibles para multiplicar as racións sen ter que empregar máis materia prima, algún responsable da cociña gobernamental está a tempo de explicar que medidas se van tomar para atallar a suba da cesta da compra.
05/09/2007