Anxa Correa. AGN (Santiago).
Xavier Bermúdez comezará o luns na Coruña a rodaxe da súa cuarta película, 'Rafael', unha longametraxe atípica no audiovisual galego: dende a produción, dirección e guión ao elenco, pasando pola lingua orixinal e os escenarios, trátase dun produto 100% galego. "Estando en Galicia, tiña que ocorrer", explicou o propio director.
A singularidade da película non se debe só ao seu 'pedigree', senón tamén á proposta creativa. Á parte de levar adiante o filme, "que sempre é difícil", un dos maiores retos para o director é conseguir "facer unha película sen basearse en trama ningunha" e "sen que decaia", baseado en fragmentos da vida cotiá de dous personaxes.
Ó igual que fixera coa súa anterior película, o filme tratará "momentos moi graves" con doses de humor negro e desenvoltura, "sen pedir perdón, falto de lástima e de moralina". 'Rafael' será, en palabras do seu director, un drama "intimista, de corte romántico, narrado con humor negro e pinceladas surreais".
O protagonista (Manuel Cortés) é un home preocupado en exceso pola súa muller embarazada, Bárbara (María Tasende), que un día desaparece. Cando Bárbara reaparece coa súa filla, Rafael mantén unha relación cunha moza coxa, Aurora (Nerea Barros), similar á que tiña coa súa muller. No reparto atópanse tamén Sonia Méndez, Cecilia Viyella, Pilar Pereira, Vicente Montoto e Chema Gagino, entre outros.
Producida por Xamalú Filmes e Televisión de Galicia con axuda da Consellería de Cultura, a película rodarase ao longo de seis semanas pola Coruña, Carballo, Betanzos e Oleiros, maioritariamente en galego e con algún diálogo en castelán.
Lei do Cine
Por outra banda, Xavier Bermúdez amosou a súa preocupación ante o compromiso anunciado hoxe polo novo ministro de Cultura, César Antonio Molina, no Congreso dos Deputados, de acadar un maior consenso na aprobación da Lei do Cine, en trámite de urxencia pola cámara.
"Dáme un pouco de medo, porque sería consensuar co xente que non ten interese en que haxa cine español", expresou o director ourensán en referencia ás multinacionais de exhibición, despois de que as televisións privadas "descafeinasen en certa medida" a norma.
Bermúdez reclama "normalidade" na exhibición do cine europeo e español, para o que será fundamental garantir a aparición en pantallas do audiovisual propio. "Temos que conseguir que o cine español se poida exhibir en igualdade de condicións, para que a xente decida se ve ou non as películas", afirmou.
A xuízo do director, deberían estudarse outras tamén habería que estudar, como a presenza do cine no ensino ou os criterios económicos, artísticos e sociais das axudas, entre outros.
29/08/2007