Datos de interés

  • Venres 03.09.2010

Presentadas no rexistro da Consellería

Máis de 10.000 sinaturas contra o Plan de Acuicultura


Etiquetas: medio ambiente, acuicultura, pesca

Nair Mesejo. AGN (Santiago).

Máis de 10.000 sinaturas e case un milleiro de alegacións contra o Plan Galego de Acuicultura entraron hoxe no rexistro da Consellería de Pesca, da man de cinco organizacións e plataformas ecoloxistas: Adega, Verdegaia e as plataformas veciñais de Quilmas, Seráns e Corrubedo.

As asociacións contrarias ao proxecto veñen reivindicando nos últimos meses que se paralice o plan para a súa revisión detida e, sobre todo, para que se obrigue ás plantas acuícolas a instalar estacións de tratamento das augas residuais nos seus recintos. Así o afirmaba esta mañá o voceiro da Asocación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), Martín Fiz, ao recalcar que o seu obxectivo é acabar cos verquidos contaminantes das piscifactorías.


Proxecto sectorial
O borrador do polémico Plan Acuícola deuse a coñecer o pasado 29 de xuño, e prevé a creación de 13 novas piscifactorías, ademais da ampliación doutras tantas plantas. A superficie total dos 26 parques acuícolas incluídos no novo plan elévase a máis de 3 millóns de metros cadrados, un 31% máis que o anterior Plan Sectorial de 2005, aprobado polo PPdeG e suspendido polo actual goberno da Xunta.

As organizacións ecoloxistas contrarias ao Plan de Acuicultura volveron incidir hoxe nos danos medioambientais, sociais e económicos que, segundo consideran, as piscifactorías ocasionan na costa galega.

O voceiro da Plataforma Medioambiental de Corrubedo, Manuel Suárez, denunciou que a contaminación que xeran estas plantas é inxustificada, ao estimar que a produción en terra de peixes planos só representa un 2% do sector acuícola galego, dado que a meirande parte da acuicultura galega se fai en mar, sobre todo o que respecta ao cultivo do mexillón.


Corrubedo
Adega reclama que Pesca reflexione sobre os beneficios do proxecto sectorial: "ten utilidade ou está beneficiando a un par de empresas?", cuestiona Fiz tras lembrar que son moitos os cidadáns afectados polas instalacións acuícolas.

É o caso dos veciños de Corrubedo, espacio que forma parte da Rede Natura 2000 e recoñecido Lugar de Interese Comunitario (LIC). O novo Plan de Acuicultura proxecta na zona a ampliación de dúas piscifactorías (na praia de Seráns e en Couso) e a creación dunha nova (en Laxe Brava).

Segundo denuncia a Plataforma Medioambiental de Corrubedo, estes tres proxectos afectarían a 50 hectáreas das 9.000 de superficie protexida. A organización presentou esta mañá máis de 3.000 sinaturas recollidas entre os veciños da zona. A plataforma contra a ampliación da piscifactoría de Seráns presentou ademais 7.450 sinaturas, segundo afirmou a súa representante, Lola Romero.

Quilmas
A ampliación da granxa acuícola de Quilmas é outro dos proxectos que atopou unha maior oposición veciñal. O Plan da Xunta prevé ampliar as instalacións actuais de Stolt Sea Farm, de 25.000 metros cadrados, ata os 250.000.

O representante da Plataforma Veciñal contra a ampliación da piscifactoría de Quilmas, José Manuel Casais, depositou 150 alegacións contra o Plan no rexistro da Consellería. Casais denunciou ademais que houbo veciños “ameazados e asustados” pola propia empresa e a Xunta con respecto á expropiación das súas propiedades ou con ánimo de convencelos de que as vendesen.

 

29/08/2007

5'0 (2 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso