Laura Grandal. AGN (Santiago).
Ás veces non basta con que o tempo e a terra cubran as inxustizas para esquecelas. A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) sabe que, aínda que pasaron máis de 70 anos, a única maneira de superar o recordo dos represaliados na guerra civil non é tratar de esquecelos, senón tentar devolverlles, con dignidade, o seu lugar na historia. Hoxe isto faise removendo a terra.
Nas pasadas semanas recuperáronse na Fonsagrada os corpos de varios soldados republicanos do Batallón Galicia. Dentro duns días a cita será en Ponteareas. Pero esta semana, os traballos de localización das fosas comúns da guerra localízanse nun monte de Amenal (O Pino), próximo ó aeroporto de Lavacolla. Ata aló achegáronse integrantes da ARMH xunto con familiares de vítimas, co fin de escavar ata localizar a cinco antigos concelleiros da corporación municipal de Boimorto, que foron asasinados o 20 de agosto de 1936.
Non foron os únicos. En total eran once homes, pero foron divididos en dous grupos e os outros foron trasladados a Ames. En Amenal, varias persoas inspeccionaban o traballo dunha escavadora que, seguindo as instrucións, ía levantando a terra no lugar onde teñen que estar os falecidos. Onte aparecía o primeiro dos corpos, pero o traballo continuará durante varios días ata localizar ós cinco falecidos.
A partir de aí, comezará o labor de identificación. Nalgúns casos, cuestións como a idade ou datos anatómicos coñecidos permiten evitar o complexo proceso das probas de ADN, aínda que na maioría dos casos este paso acaba sendo necesario.
Un proceso longo
Pero isto será máis tarde. Polo momento continuarán as escavacións, que tamén son seguidas por Xosé Luis Rivas, ex concelleiro de Cultura en Boimorto, que como recoñecen os familiares das vítimas, foi un dos que motivou o asunto ata lograr que o concello se implicase nesta causa. Foi no ano 2005 cando comezou a historia, a través dunha moción presentada polo BNG. O obxectivo, explica, “é sacar do silencio non só a esta xente, senón esa historia”.
Foi difícil, pero finalmente aprobouse por unanimidade e decidiuse emprender diferentes actos. Por un lado, depositar “rosas nas tumbas onde sabemos que máis ou menos están”, ata recuperar os restos dos corpos. Nese intre comezaron as investigacións, coa axuda de historiadores e estando en contacto coas familias. Nalgunhas, “había certo recelo”, pero outras recibiron con entusiasmo esta decisión.
As historias soterradas
O caso é que todos sabían onde se atopaban os cadáveres. Dende sempre, á zona na que se están a realizar as escavacións chamóuselle “a chousa ou o campo dos mortos”. Non era casual. Unha das persoas que os enterrou (buscaron a “xente republicana ou de esquerdas” para facer esta tarefa), “tivo a delicadeza de ter limpo o sitio sempre, mentres viviu. Ás veces incluso aparecían flores”.
Neste monte eran máis dunha decena os familiares que agardaban atopar os restos. Incluso fillos, porque os falecidos eran novos e deixaron fillos de escasa idade. No caso de Consuelo García, o seu pai foi asasinado cando ela tiña apenas 10 meses. Non o lembra, a diferencia do seu irmán, xa falecido, que cumprira os nove anos cando se produciu o suceso.
O marido de Consuelo, Juan Lago, é firme: “O caso é que apareza e nada máis, isto paréceme perfecto, pero había que facelo hai 30 anos”. Eles coñecían o lugar no que fora enterrado seu pai e sogro, respectivamente. De feito, “viñemos hai 30 anos eu e meu cuñado para buscar sepulturas”, pero o lugar que lles foi indicado non era o correcto. Non lograron o seu obxectivo, que era “recollelo e levalo” a un lugar no que poder depositar unhas flores ou facer unha visita. Eran outros tempos, explica Juan Lago, nos que “non tiñamos acceso a nada e o que intentara facelo queríano fastidiar, porque o réxime seguiu un tempo grande e non deixaban”.
Tamén recoñecen que na familia hai diferentes visións sobre a exhumación. “Algúns din que non, que non se debe remover, que é unha pena, que para que agora, que xa foi e que non fai falta”, sostén. No outro extremo está a súa opinión, que cren que “xa tiña que ter sido, para levar ó meu sogro a onde está miña sogra e meu cuñado, para que estean xuntos”.
Iso é algo que se lles privou nunha época da que “inda hai rifas”, cre Juan Lago, que non dubida en afirmar que “esa xente que estaba metida no poder crían que ten que ser o que eles digan, que teñen razón”. Iso, asegura, “non é verdade, porque a razón témola todos”. E expón un desexo: “que non volva pasar”.
Cousas inconfesables
Por outra parte, Xosé Luis Rivas asegura que as palabras máis fortes que escoitou a algúns familiares dos fusilados foi que “a partir de agora podemos levar a cabeza alta”, aínda que estas palabras parten de “cousas inconfesables que non son para publicar”. Historias que viviron os que quedaron.
Na actualidade, sostén, “hai centos de fosas comúns”, esparexidas por diferentes puntos dunha Galicia que “era republicana”. Existía, asegura, “unha forza republicana grande, pero afogaron en sangue e con terror”. De feito, a ubicación das fosas non era casual. Estaban próximas á estrada, "para que se visen e para asustar”.
29/08/2007