Datos de interés

  • Xoves 28.08.2008

Verán

Promesas incumpridas


Etiquetas: turismo, Rosa Aneiros

Rosa Aneiros.

Imos xa camiño do fin do verán e vostede aínda con todas as promesas sen cumprir. Todas as primaveras proxecta unha chea de actividades que, a medida que pasan os días, van ficando atrás como todo o salitre que non bebemos neste tempo en que aínda se pode mergullar unha no Atlántico sen sufrir calafríos espantosos.

Aló vai a firme vontade de ir pasear polas Fragas do Eume, por Ons, polo Courel e polo Cabo Udra “en canto o tempo o permita”. Aló van tamén os proxectos de adelgazar, de baixar o colesterol e mais o azucre, de renunciar á televisión e ás cañas polo exercicio físico. Aló van todos os libros que planeamos ler, todos os discos que nos propuxemos escoitar e as películas que iamos ver.

Un mes de vacacións non chega para tanto proxecto, para tanta vida que nos queda por vivir e sempre aparcamos por compromisos profesionais inaprazables. Pero podemos aínda facelo. Podemos retomar todos e cada un dos proxectos, miralos de fite e dicirlles e por que non? Por que non buscar ocos do cotío para a lectura. Por que non pasear cada tarde polo menos media hora. Por que non gozar do patrimonio natural tamén con chuvasqueiro. Por que non? A famosa síndrome postvacacional non sería tan intensa se non nos obrigásemos a renunciar a todo aquilo que nos gusta pola rixidez do calendario invernal.

Deixemos marxes para o lecer e para o pracer. Busquemos furados no tempo onde prolongar o verán ata máis alá do Nadal. Non todos os días poden ser vacacións. Pero tampouco a vida –con todos os seus caprichos, praceres, folganzas e licenzas- pode existir só en vacacións. E agora que as lagarteiras anuncian a súa chegada pode ser bo momento para retomar as promesas incumpridas.

28/08/2007

4'8 (5 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Buscar máis información sobre




Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso