O responsable de Cambio Climático da ONU, Yvo de Boer, considera que os países ricos non terían que controlar as súas emisións de CO2 se conseguen que aqueloutros en vías de desenvolvemento o fagan por eles. A súa proposta: pagarlles ás nacións pobres para que corten as emisións.
Xeración (Santiago).
Coa ONU tentando liderar a loita contra o cambio climático, poucos esperaban que un dos seus máximos responsables fixera unha proposta semellante. Para Yvo de Boer, secretario executivo da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático, os países máis desenvolvidos deberían pagar para que as nacións pobres reduzan as emisións de CO2, en vez de preocuparse por seguir rebaixando as súas.
Para de Boer, os países ricos "estivemos reducindo as emisións e facendo un uso máis eficiente da enerxía nos países industrializados durante moito tempo. Por isto, é moi caro seguir cortando as emisións", tal e como informa a BBC.
De Boer alude tamén a criterios pragmáticos e de optimización. Calquera inversión nun país en vías de desenvolvemento conseguiría resultados máis rápidos e eficaces que nun país industrializado.
Mala acollida dos ecoloxistas
O Protocolo de Kyoto obriga a que as nacións industrializadas reduzan elas mesmas as súas emisións. Un dos mecanismos é a asignación de cotas de emisión a cada país. Nesta liña, se queren manter o nivel de produción sen saltar o protocolo, teñen a opción de mercar parte da cota a outros países -normalmente en vías de desenvolvmento- ou botar man da reforestación.
Sen embargo, de Boer sostén que a envergadura do problema é tal que "é moi caro para as nacións ricas seguir cortando as emisións" polo que a súa proposta resulta máis pragmática.
Malia isto, non foi ben acollida entre os colectivos ecoloxistas, xa que contradiría o espírito das Nacións Unidas. Entenden que os países ricos non poden desentenderse das súas emisións de gases de efecto invernadoiro só por ser máis eficientes, xa que aínda queda moito camiño por percorrer.
23/08/2007