Datos de interés

  • Sábado 17.05.2008

Francia

Sarkozy, veraneo en Tiffany's (e de Prada)


Etiquetas: Francia, Sarkozy

Juan Castro.

Nicolas Sarkozy desvelou por fin o misterio dun dos “culebróns” do verán en Francia. O presidente francés chamou o venres ó xornal Le Monde para explicar quen son os anfitrións das súas vacacións en Wolfeboro (Estados Unidos) que custaron máis de 40.000 euros.

Detrás de tal mostra de xenerosidade están Agnes Cromback, xefa e representante en Francia da famosa  marca de xoias Tiffany e Mathilde Agostinelli, directora de comunicación de Prada Francia. As dúas destacan pola súa profunda amizade con Cecilia Sarkozy e por unha serie de vínculos familiares con importantes figuras do séquito de Nicolas Sarkozy no Palacio do Elíseo.

A finca de Wolfeboro onde Sarkozy pasou as últimas tres semanas coa súa familia é propiedade de Michael App, antigo alto cargo de Microsoft, que a aluga habitualmente por 22.000 euros a semana.

Críticas dende a prensa

A oposición socialista foi a primeira en chamar a atención sobre o oscurantismo que rodeaba as vacacións do presidente, un cabo do que souberon tirar varios xornais franceses encabezados por Le Monde que criticaron acedamente que Sarkozy rompese a promesa de transparencia que leva realizando repetitivamente dende hai meses.

“Nos Estados Unidos, a prensa acreditada segue ó detalle as actividades do presidente durante as súas vacacións” escribiría Le Monde hai algúns días. “En Gran Bretaña, España ou Alemaña, o custo das vacacións do xefe de goberno é obxecto de comunicados de prensa. Aquí, temos que conformarnos con que o voceiro do Elíseo repita 'Isto forma parte da vida privada do presidente, nós non sabemos nada' “

Finalmente, foi o propio xefe de Estado quen aclarou o tema persoalmente con Le Monde. “A casa foi alugada polos nosos amigos os Cromback e os Agostinelli que nos invitaron a pasar este período cos nosos nenos” recoñeceu Sarkozy ó tempo que se queixaba do acoso dos xornalistas.  “Sobre min podedes escribir o que queirades, pero non quero que faledes de Cecilia. Non hai misterio, nada que agochar”, asegurou Sarkozy, “pero é infernal que sen descanso teña fronte da miña casa un barco cheo de fotógrafos".

Dende Le Monde, recoñécese o acoso ó que foi sometido a familia de Sarkozy, pero deslizan acedas críticas sobre o seu comportamento. “Nunca as vacacións dun presidente da Vª República foron tan espiadas, pero nunca un xefe de Estado francés fixo tantas aparicións públicas, con dezaseis comunicados de prensa e media ducia de reaccións antes xornalistas escollidos. Todo isto sucede coma se Nicolas Sarkozy quixera ocupar o espazo mediático cando o considera necesario, e cando non lle convén, poida ocultar o seu modo de vida da curiosidade e da opinión que el mesmo fomenta”.

Invitacións privadas

Cen días despois da súa elección presidencial, a 'Lúa de Mel' entre Sarkozy e parte dos medios franceses que apoiaron os síntomas de ruptura do seu mandato con épocas anteriores parece experimentar as súas primeiras fendas.

A polémica chegou xa antes do mes de agosto cando medios como Le Monde ou “Le Canard Enchainé criticaron que grandes fortunas do país pagaran os seus descansos vacacionais. “O presidente debe situarse máis alá dos intereses privados” sinalaba Le Monde nun editorial secundando unhas declaracións semellantes de Arnaud Montebourg, antigo voceiro de Ségolène Royal.

Non foi o único conflito no que se viu envolto ultimamente o matrimonio presidencial. O pasado 11 de agosto, a ausencia de Cecilia Sarkozy durante a comida organizada por George e Laura Bush foi moi comentada. Nicolas Sarkozy dixo entón que a súa muller estaba convalecente dunha doenza nas anxinas que el mesmo lle contaxiara,  mesmo se o día seguinte Cecilia apareceu ante a prensa en aparente bo estado de saúde. Non é a primeira vez que a ausencia da primeira dama levanta comentarios na prensa francesa.

19/08/2007

0'0 (0 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Nicolas e Cecilia Sarkozy  (Foto: web Sarkozy.fr)
Nicolas e Cecilia Sarkozy (Foto: web Sarkozy.fr)

Buscar máis información sobre




Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso