Anxa Correa. AGN (Santiago).
A banda deseñada galega segue dando que falar. A piques de abrir as portas da décima edición de 'Viñetas desde o Atlántico', vén de fallarse o Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña. O gañador é Jacobo Fernández (Vigo, 1971) e o seu estraño amigo Cacauequi.
PREGUNTA: Quen é Cacauequi?
RESPOSTA: Cacauequi é un protagonista moi pasivo, sen moitas opinións nin inclinacións a facer unha cousa ou outra e que recibe a influencia dende que é pequeno dunha nena estraña que o acompañará durante toda a súa vida, que é a influencia que marca a súa vida. O conflito non o xera el, está aí a ver que lle pasa, déixase querer e vai de aquí para alá. En xeral está contento, ve sempre as cousas pola cara positiva.
P: O seu personaxe máis popular, Archimboldo Roque, segue vivo?
R: Si, está a punto de publicarse en Factoría K a recopilación de Archimboldo, probablemente sairá para a campaña de Nadal. Non son historias novas pero resucitará un pouco o personaxe porque faremos o álbum e volverase falar del.
P:De onde saca eses personaxes tan singulares?
R: É difícil. No caso de Archimboldo, como a propia temática da serie era personaxes raros, había algúns que non viñan de ningún sitio concreto. Outros podían vir de xente que coñeces, do que ves no periódico, ou de cousas que di o meu fillo pequeno,... A procedencia da chispa orixinaria dos personaxes é variada e pode saír de calquera sitio, mesmo dunha frase que di alguén e que che fai coña. A partir de aí, desenvolves o personaxe.
P: Que intenta transmitir a través destas historias?
R: Intento facer historias que entreteñan a xente e intento facer personaxes que, aínda que sexan raros e non sexan realistas, parezan vivos, que reaccionen e poidan ter aventuras. Intento facer historias que entreteñan e que fagan gracia, e outras que fagan chorar.
P: O xurado do premio destacou da súa obra unha ollada inxenua e madura das relacións humanas, foi sempre así ou mudou co tempo?
R: Creo que sempre foi así. Archimboldo sempre tiña esa mezcla, algo próximo ao conto infantil. Algunhas veces dicían de Archimboldo que era como un conto infantil pero para que leran os adultos. Hai un punto de partida de inocencia e inxenuidade e de sinxeleza, pero tratando temas de máis calado.
P: Que significa para a súa carreira recibir esta distinción?
R: É importante. Á parte da contía económica, que sempre axuda, é algo que trae moita publicidade, leva a publicar en galego o álbum, leva a facer a exposición en 'Viñetas desde o Atlántico'...
P: É unha das poucas formas de poder publicar en galego?
R: Si, si, é moi complicado. O outro camiño é facer o cómic e ir presentándoo, e aínda que consigas publicalo, non hai opcións económicas moi boas. Podes acabar publicando, pero non cobrando como merece o traballo de facer un cómic.
P: Cales son as probas que debe superar a banda deseñada galega?
R: O grande reto será que os autores poidan ter unha estabilidade, que se entenda o choio que leva facer un cómic e que se pague ben. Todo vai no mesmo saco, porque se hai mercado se pode facer unha tirada ampla, os autores poden cobrar. A parte débil son os autores. Agora as institucións están apoiando, hai salóns do cómic e hai consideracións a nivel artístico de certo tipo de cómics. Pero que unha persoa poida fundar a estabilidade económica da súa familia facendo cómics, como pode ser en Francia, é outra cousa. Con todo, estamos no mellor momento.
P: En galego, é máis doado publicar libros ilustrados...
R: Si, eu dedícome sobre todo á ilustración e a facer contos para nenos. Tamén fago cómic en Galicia, anteriormente na revista Golfiño e agora en BD Banda, e algunha cousa para revistas de fóra de Galicia. Como todo se envía por internet, pódese traballar perfectamente aquí, sempre que vaias un pouco de picaflor, a través da ilustración de libros, folletos, algún cómic, algún retrato de óleo...
P: Cando comezou Belas Artes, xa ía encamiñado ao cómic ou barallaba outras opcións?
R: Non se sabe. Sempre fixen cómic, porque o meu irmán, Norberto Fernández, tamén é comiqueiro. Na casa sempre tivemos cómics e sempre fixemos cómics. En BUP tirei máis pola pintura, pero sen deixar os cómics. En Belas Artes, inxustamente non existe unha materia de cómic, e se cadra nesa época estaba máis metido na pintura. Creo que o cómic e a ilustración sempre o tiven en mente, e ademais escribir, pero dependía de como saísen as cousas ao rematar a carreira. Sempre quixen contar historias co debuxo e a escrita. Incluso cando pintaba cadros metía letras. No fondo, sempre fixen o mesmo.
P: O que se bota en falta ás veces no cómic é un bo texto...
R: No cómic pode saír o que debuxa e escribe, o que só debuxa, o que só colorea, o que só fai o guión... É difícil que alguén lle dea ás dúas cousas. Ás veces es debuxante e non atopas un guionista para a túa obra e que che guste o que fai, ou ao revés.
P: Vostede era dos que lles pintaba os 'songokus' aos compañeiros do cole?
R: Son Goku pilloume un pouco maior, pero fun fan; xa estaba en Belas Artes, e alí non había moitos afeccionados ao cómic. Pero na miña época xa pintaba os Mazinger ou o que houbera por aí.
P: Cales son os seus referentes en cómic?
R: De todo tipo. Dende os cómics da primeira época, de Popeye, de Walt Disney, Toriyama, Moebius, a cómic español, TBO, Príncipe Valiente, superheroes, Tim Burton, Krazy Kat... É unha cousa variada. Sobre todo, gústanme os dos principios do cómic.
P: Se tivese que elixir un heroe...
R: Popeye.
P: E entre Súperlópez e Superman?
R: Difícil. Creo que de pequeno lin máis a Superlópez.
P: Hai algunha obra literaria que lle gustaría ilustrar?
R: Moitas. O 'Peter Pan', o 'Alicia no país das marabillas', 'O vento nos sauces',... e os clásicos actuais como 'Harry Potter'. Os clásicos xa levan as ilustracións clásicas, entón é un conxunto moi difícil de romper. E se non, os meus.
12/08/2007