Liderado por Jairo Perera, o grupo Muchachito Bombo Infierno toca estes días en Galicia. O xoves estivo en Noia, xunto a Le Punk, e onte pasou por Ferrol. Esta noite, a súa música soará no FAX, o Festival Alternativo de Xinzo.
Anxa Correa. AGN.
Guitarra, trompeta, batería, contrabaixo, saxos e trombón darán saída á vitalidade dun son nacido da rúa. Pintura mural a golpe de guitarra en directo serán os atractivos dos espectáculos nos que Muchachito presentará o seu último disco, Visto lo visto.
Pregunta.- Vostedes practican o rumboxing. O público galego é especialmente pendencieiro?
Resposta.- Pódese dicir que é un bo público. A nós gústanos moito vir por aquí. Ademáis, é dos poucos día do ano que comemos ben.
P.- Cal é a súa táctica para deixar KO ó público?
R.- Deixarme KO a min mesmo. Se nós imos a saco a xente vai participar tamén.
P.- Bombo, pintura en vivo... hai algunha razón novidosa para non perderse o espectáculo?
R.- Si, o Tito Carlos móvese, hai cancións novas, unha coreografía espectacular e Héctor Bellino xa non fuma no escenario.
P.- O seu éxito demostra que se precisan postas en escea diferentes. Xa lle saíron imitadores?
R.- Penso que non. Enterámonos de que algunha orquestras versionan cancións nosas nas vodas. E hai rapaces que gravan a nosa música para colgala na rede.
P.- Catalán e rumbeiro. É vostede o Peret do século XXI?
R.- Non, son o Muchachito, de Santa Comba de Gramalet. Peret é irrepetible.
P.- Quedoulle algunha vez un cadro sen vender despois dun concerto? Que fixeron con el?
R.- Si. Gardámolos e colgámolos na nosa cova.
P.- Que lle fai falta a Muchachito Bombo Infierno para tocar o ceo?
R.- A música ten altibaixos. Nós imos indo paso a paso e sabemos que non nos gañamos unha parcela no ceo. O máis importante é seguir tocando e sentirnos ben co que facemos. Supoño que iso é tocar o ceo.
P.- Cal é a maior vantaxe que quitou da súa experiencia na rúa e nos bares, fronte a un músico de conservatorio e de auditorios?
R.- A música pódela vivir de moitos xeitos e todos son correctos. Para min facer música non é só tocar. É facer as cousas ó teu xeito, é ter empeño, saber encamiñarte e ter orgullo para saber comezar sempre dende cero. Eu non son solista, pero fago cancións que me esgazan, que as sinto e que nunca mas daría unha escola.
P.- Co seu novo disco, Muchachito faise maior?
R.- O día que me faga maior deixarei de ser Muchachito, pero ese día espero que nunca chegue.
P.- Visto o visto, que será o próximo que faga? Cales son os seus vindeiros retos?
R.- Son sorpresas, perdoádeme, pero non podo dicilas. É moi importante non aburrirse dun mesmo, pero seguro que non farei nada con máquinas nin en inglés, son dúas cousas que se me dan fatal.
P.- Que aspiracións tén no mundo da música?
R.- Tocar sempre, xa o facía cando non nos coñecía ninguén. Tócase por condición, non porque vaia ben ou mal. As miñas aspiracións son facer cancións, concertos e discos.
11/08/2007