Datos de interés

  • Sábado 17.05.2008

Prezo do leite

Aprender do conto da leiteira


Etiquetas: agro, leite

Nair Mesejo. AGN (Santiago).

A subida do prezo da leite, en aumento dende finais de 2006, alegrou o verán ós gandeiros galegos despois dun ano marcado polo notable incremento dos seus custes de produción. O interese suscitado polos biocombustibles a escala internacional traduciuse nun forte repunte do prezo dos cereais, os mesmos que se empregan para elaborar os pensos animais.

Dende o outono, o importe dos pensos disparouse un 16%, repunte que supuxo un custe extra de 25 millóns de euros para o conxunto do sector, segundo estima o sindicato Unións Agrarias (UU.AA). A cebada, millo e soia son os máis afectados, un 39%, 22% e 11,4% máis caros, respectivamente.

“Os gandeiros teñen mellores expectativas coa suba do prezo do leite pero tamén unha factura máis elevada coa alza dos pensos”, lembra Francisco Sineiro, doutor en Enxeñería Agrónoma da Universidade de Santiago.

Asegura que a situación de “turbulencia” que atravesa o mercado internacional nos últimos meses non repercute nun incremento excesivo das rendas dos produtores de Galicia. Polo contrario, cre que a incidencia do que constitúe un “problema” mundial está tendo un efecto favorable na comunidade, que compensa a “factura de gastos máis elevada”. Non obstante, ignora canto pode prolongarse esta etapa.

Este experto chama á prudencia ós produtores, ó considerar que son causas conxunturais as que xustifican a carencia de materia prima e o progresivo ascenso dos prezos que se rexistra nos mercados exteriores. “Os prezos internos da Unión Europea sempre foron máis elevados que os do resto do mundo e agora dáse a situación inversa”, sostén con cautela.
Sineiro considera que os produtores lácteos galegos deben advertir que se trata dun período “non estable nin duradeiro”.

Algunhas voces auguran que a situación podería manterse case un ano, pese a que non poida afirmarse con certeza. “Os gandeiros deben aproveitar para tentar negociar mellores condicións coas industrias e, no caso de obterse beneficios, orientalos a reinvestir nas súas explotacións”, apunta.

“Normalizar as caixas”
“É o momento de normalizar a situación das caixas de cada explotación”, asegura pola súa parte o director xeral de Producción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, Antonio Oca. Lembra o mal que o pasaron os produtores lácteos galegos, moitos deles endebedados despois de realizar inversións para adquirir cota produtivo ou mellorar a súas infraestruturas, e recomenda cautela ós gandeiros.

“Non é o intre de meternos en gastos estruturais ou de facer grandes investimentos en construcións e infraestruturas”, subliña. Oca considera que é preciso medir en que grao deste período de prezos elevados responde a factores estruturais e en que medida a causas conxunturais.

Tanto o director xeral como Sineiro destacan que este incremento está vinculado a unha situación puntual. Ó tempo que se rexistra unha grande demanda de leite en pó (de uso frecuente en diversos ámbitos da industria alimentaria) en países destacados como China, a acusada seca en Australia e Nova Zelanda (dous grandes abastecedores do mercado mundial) e o descenso da produción noutros estados explica a escaseza global do recurso.

Vacas fracas
Oca lembra que xa en 1989 se rexistrara un importante aumento no prezo do litro do leite. E, sen embargo, remítese ás “bruscas” caídas da materia prima nas campañas de 1991 e 1992. Así, anima a que os gandeiros galegos sexan prudentes e aproveiten esta situación para reforzarse e sanear as súas contas de explotación.

Incide tamén na posibilidade que brinda este aumento de cara a axustar os gastos das granxas á produción permitida, un obxectivo que obriga ós produtores a realizar innumerables malabarismos para chegar a fin de mes. “O leite levaba sen subir moitos anos e as rendas eran poucas”, sinala.

A subida de prezo desta materia prima, nun entorno europeo caracterizado polos seus altos custes de produción, leva a que o director xeral sosteña que corresponde á Comisión Europea abordar unha nova análise da Organización Común de Mercado (OMC) do leite en 2008. A reforma realizada en 2004, o seu xuízo, non foi a acertada, como evidencia a evolución do mercado.

“Hai que saber que pasará co desacoplamento das primas e como se regulará un mercado con ou sen limitación da produción a través das cotas lácteas”, afirma. E, ante os posibles cambios que se aveciñan, reitera a necesidade de que o gandeiro galego aproveite as boas circunstancias actuais, non afronte novas inversións e se prepare para o medio prazo. “É importante que estea moi ben informado”, advirte.

08/08/2007

4'6 (10 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

As vacas volven ser fonte de riqueza
As vacas volven ser fonte de riqueza (Foto:AGN)

Buscar máis información sobre




Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso