Datos de interés

  • Sábado 04.07.2009

María do Ceo, fadista

'A miña forma de cantar adquirina por vivir entre as culturas galega e portuguesa'


Etiquetas: lingua, música

Sara González. AGN (Santiago).

María do Ceo, unha das voces do fado máis doces e melancólicas, xa ten listo o seu novo traballo para que saia en setembro, baixo o nome de 'Tan longe, tan lonxe'. Ademais, non para de dar concertos tanto nas súas dúas terras, Galicia e Portugal, como alén destas fronteiras, e proxectos non lle faltan de cara ao ano que vén. É o premio á constancia, a quen sabe levar consigo a música para "facela súa" e lograr así ofrecerlla ao público no seu máximo esplendor.

PREGUNTA.- ¿Que é ser fadista?

RESPOSTA.- Hai unha música que di que fadista non é quen quer, senón que hai que nacer. Tés que ter unha alma moi melancólica e moi especial. Non é xa ter boa voz, senón que a voz teña algo que, cando cantes, transmita o que dis.

P.- ¿Como se decatou de que reunía esas calidades?

R.- Vivín o fado dende pequeniña e cando escoitaba cantar a meu pai, facíanos chorar, sen máis. El, sen ter unha gran voz, tiña algo que transmitía, e que creo que o herdei. E despois logras descubrilo a través do público, cando compra os teus discos e enche os teus concertos. Iso fai que te sintas querida e admirada, empezas a recoñecer que algo tés que ter.

P.- ¿É o mundo do fado un mundo máis de mulleres ca de homes?

R.- Hoxe si, pero cando comezou o fado a cantarse, había moi poucas mulleres, o que pasa é que a persoa que o levou ao mundo enteiro, foi Amalia Rodrigues. En Portugal segue habendo moitos homes, pero non saen do entorno, e logo están Carlos do Carmo, Camané ou Carlos Zel, que para min era o home que mellor interpretaba o fado. Pero recoñezo que a xente gusta moito máis da muller que canta o fado, porque, sen que lle pareza mal a ningún home, nós somos moito máis apaixonadas á hora de interpretar.

P.- ¿Por que?

R.- Temos o don da palabra e, en xeral, somos máis abertas que os homes á hora de expresar, de chorar, de sentir, de gritar... e tamén máis íntegras e máis sinceras, pero é a miña opinión.

P.- ¿Foi difícil abrirse camiño na música?

R.- Eu casei moi nova, tiven dous nenos moi cedo e durante moitos anos dediqueime á súa crianza. A min gustábame o fado e iso requiría algúns instrumentistas que só hai en Portugal, e tampouco era fácil que unha muller puidese formar un grupo. Durante moitos anos tiven outros traballos, ata que, logo de levar anos cantando como afeccionada en diferentes grupos, quedei sen traballo e decidín intentalo.

P.- E tivo sorte...

R.- Empecei a cantar nun restaurante portugués e alí estiven durante un mes. Logo a xente comezou a chamar para ir cantar ao Teatro Principal de Santiago, ao Rosalía de Castro da Coruña, a cafés-concerto... A partir de aí foi un ir e vir continuo, sempre moi querida, sempre vendendo moi ben os meus discos e vivindo practicamente en Galicia. Iso non quita de que vaia a moitos lados, como Francia, Italia, Alemaña...

P.- ¿Séntese ben acollida en todos os lugares aos que vai?

R.- Si, pero o meu público é o galego. A miña forma de cantar é unha forma adquirida por vivir entre as culturas galega e portuguesa e ter familia nos dous lados da fronteira. Iso fixo que adquirise a forma galaicoportuguesa, como unha lingua máis ou unha forma máis de cantar. Pero son moito máis querida en Galicia que en Portugal, porque tamén me coñecen máis aquí.

P.- ¿E como é actuar en países doutras falas?

R.- Só sabes que estás ante persoas estranxeiras cando te veñen felicitar nunha lingua que ti nin sequera entendes. Mentres estiveches a cantar, cando lles vías as bágoas nos ollos e os aplausos efusivos, non sabías que non entendían a letra.

P.- ¿Notou a diferencia cando se subiu a un escenario como cantante profesional?

R.- Foi o mesmo. De feito, os mellores fans que sempre tiven eran os que xa me vían de maneira non profesional. Simplemente pasei de non cobrar, a facer da música a miña única fonte de ingresos.

P.- Á parte do fado, ¿que outros estilos de música lle gustan?

R.- Gústanme moito o tango e adoro o bolero. De feito, non descarto gravar un disco de boleros cos anos, pero cando me asente máis. Hai cancións que necesitan vivir dentro de ti un tempo e que collan solera, como os viños, para logo expresalas ante o público.

P.- ¿Como ve o panorama da produción musical en Galicia?

R.- Eu tiven que facer un selo propio, con isto xa o digo todo. Hoxe en día ninguén vive dos discos, só son unha mera carta de presentación. E se ti montas o teu propio selo, tes que pensar que vas vender moito para ter rendibilidade. En Galicia, actualmente, non hai unha boa distribución. É unha vergoña que vaias a Madrid, a Barcelona, a Bilbao... e que te enchas a vender discos nos concertos porque a xente vai a grandes almacéns e non o teñen, se o queren teñen que pedilo por catálogo.

P.- ¿E en cuestións de creatividade?

R.- Voces non hai moitas. Hai pouca xente cantando hoxe en día, sera porque é dificil e é un mundo onde custa moitísimo estar e permanecer. Eu falaría dun Carlos Núñez, que para min é o mellor do mellor, falaría de Susana Seivane e, quitando algún grupo, pouco máis.

P.- Hai pouco participou na curtametraxe 'Reencontros'. ¿Que tal a experiencia?

R.- Boísima. Eu digo sempre que detrás dun bo cantor ten que haber un bo actor, porque se es capaz de subir a un escenario e fas vibrar á xente coas cancións, significa que te estás metendo esas persoas están sentindo contigo. Foi algo moi bonito porque era unha experiencia nova. E unha vez que me deron liberdade para eu facer o que quixera nalgunhas partes do guión, porque eu son moi visceral, creo que saiu un bo traballo. Volvería repetir.

16/08/2007

5'0 (7 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

María do Ceo xa ten listo o seu novo traballo
María do Ceo xa ten listo o seu novo traballo

Buscar máis información sobre




Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso