Datos de interés

  • Luns 12.05.2008

Luís Tosar, actor

Luís Tosar, actor: 'Quero facer o maior labirinto posible de personaxes'


Etiquetas: cine

Sara González. AGN (Santiago).

Luís Tosar ten un novo reto. Chámase Spleen e é un home romántico e especial cun peculiar proxecto vital, características que pouco teñen que ver coas dos personaxes que o actor viña interpretando nos seus últimos traballos cinematográficos.

A partir do vindeiro luns, o Tosar máis bohemio comezará a 'rodar' polas noites de Santiago da man da actriz alemana Nora Tschirner. Seguiraos, ademais, a atenta mirada do director compostelán Alfonso Zarauza, que dende que comezou a preparar o guión da súa ópera prima, 'La noche que dejó de llover', sempre tivo claro que Spleen era Luís Tosar.

Pregunta.- ¿Tiña tan claro como Zarauza que quería facer de Spleen?

Resposta.- Probablemente tan claro coma el non, pero non pola película en si, senón máis por unha paranoia de actor. Un vai pasando por diversos estratos vitais e profesionais e nunca sei qué me vai apetecer facer. Ás veces hai un personaxe que me seduce, pero pasa o tempo e os proxectos vanse enfriando. Pero esta historia foise mantendo, e a ilusión tamén é importante. Ademais notei que aínda non pasaran moitos anos para que puidera facer de Spleen. Se tivera 40 'tacos' igual me quedaba un pouco novo de máis, pero Spleen e eu aínda navegamos nas mesmas idades.

P.- Cales son as súas impresións sobre 'La noche que dejó de llover'?

R.- Dende o comezo me pareceu unha película moi espectacular, interesante e cunha identidade moi sólida e firme. Sempre mantivo a idea moi ben preservada e iso foi unha das cousas que fixo que a historia me seguira seducindo. Alfonso [Zarauza], mantense moi firme con respecto ás súas apostas fílmicas e non perde a perspectiva por influencia dos produtores.

P.- Á parte, este traballo supón un reto para vostede...

R.- Si, porque Spleen é un personaxe cunha ilusión e cunha alegría de vivir moi especial, moi acentuada, e eses son personaxes que a min normalmente non me dan. Adoito interpretar personaxes que teñen a idea de encontrar o seu sitio, pero dende un lugar máis abigarrado, con máis desexos de vinganza ou máis mala hostia en xeral. No caso de Spleen é todo o contrario. Ten un soño que quere cumprir e é un tipo lúdico e realista con ganas de pasalo ben e de que a xente do seu redor tamén o pase ben.

P.- Neste filme teñen a posibilidade de facer ensaios. ¿Como están resultando?

R.- Pois moi divertidos, porque nos podemos permitir o luxo de probar cousas raras, sobre todo na fase de creación do personaxe. Zarauza e eu fixámonos en tipos concretos que coñecemos, así que colliamos cousas de todos e iamos xogando. Á hora de compoñer o personaxe xogar é moi importante.

P.- Ten dito vostede que é un actor autodidacta. ¿Bota de menos algún tipo de formación?

R.- Supoño que si, pero non sei concretamente cal, porque como non a probei... (Ri) Non sei se sería mellor actor, igual depende máis do talento, pero imaxino que á hora de traballar sería menos errático. Á parte son Libra (ri), e aí está a busca continua de camiños...

P.- ¿Onde está o seu maior potencial como actor?

R.- Sempre fun un actor basicamente intuitivo, o que pasa é que son ese tipo de historias que nunca podes explicar. Eu sería moi mal profesor porque non sabería como aprenderlles aos alumnos como se fan as cousas. O primeiro é ler o guión, pero porque che mandan (ri), pero despois ando por mil sitios antes de centrarme nun en concreto.

P.- Nunha ocasión afirmou que estaba "canso" de ser actor social...

R.- Si, estou un pouco canso, é un pouco 'coñazo' porque todo isto trascende despois á pantalla moito máis do que ti queres. En todo caso, o que son é un cidadán comprometido, pero non quero ser a imaxe dun tipo que só fai unha clase de películas. Hai xente que logo incluso se sente traizoada porque fas un tipo de historias que non teñen contido social, pero eu son actor. Como cidadán poderei ter o compromiso que queira, pero como actor quero facer o maior labirinto posible de personaxes ao longo da miña vida, porque teño a intención de dedicarme a isto durante moitos anos.

P.- ¿Que destacaría da súa experiencia en 'Hamlet'?

R.- Pois foi a primeira vez que fixen teatro en Galicia vendo que o teatro estaba cheo de xente, e iso é marabilloso para un actor. Foi unha experiencia moi enriquecedora, porque para min era un reto e unha aprendizaxe brutais. Nunca fixera Shakespeare e tiña moitas ganas, e un personaxe tan complexo como Hamlet, que parece que todo o teatro está metido nesa obra... É unha especie de curso intensivo. E despois houbo moi bo 'feeling' entre a xente. Era un proxecto cun encanto especial.

P.- ¿Que o engancha máis: o obxectivo da cámara ou as táboas?

R.- Depende do proxecto e da época na que estea, porque hai veces que non me apetece moito facer cine. Por exemplo, aí atrás cando fixen 'El zoo de cristal', en teatro, e despois 'Hamlet', foi unha época na que me apetecía especialmente facer teatro porque estaba un pouco queimado do cine. Fixera dúas ou tres pelis das que non quedara moi contento do resultado, co traballo que fixera...

P.- ¿Arrepíntese de algún traballo?

R.- Arrepentirme non, porque de todo se aprende, pero hai traballos dos que quedas máis descontento por unha razón ou por outra. Ás veces sabes que igual a produción non está sendo como ten que ser, ou non tes unha complicidade co director suficientemente boa como para que as cousas vaian para riba, pero aí xoga a intelixencia do actor, de que digas “teño que preservar o meu traballo” e intentar utilizar todas estas cousas que a priori están en contra como algo favorable. Pero, ás veces, un non é tan listo como pensa.

P.- ¿Lembra algún traballo ou personaxe con especial cariño?

R.-Hai varios traballos dos que estou moi contento, como 'Inconscientes'. Era unha película que tiña elementos suficientes e unha alternativa estética con respecto ao cine que se fai en España normalmente, e foi inxusto o que lle pasou. Coincidiu con outra película moi grande que saiu nese momento e aquí parece que só hai sitio para unha. Fixerámola con moita ilusión e era comedia, tamén, que eu case nunca fago.

P.- ¿Por que non o vemos máis en papeis cómicos?

R.-Algunha comedia xa me propuxeron á parte de 'Inconscientes', pero é un xénero do que me gusta algo moi concreto. Na maioría das comedias que fan por aquí, ou polo menos as que me ofreceron a min, non me interesan. Non me interesa ese tipo de humor, os conflitos entre homes e mulleres, por exemplo.

P.- E se lle propuxeran unha boa serie, ¿volvería á televisión?

R.- (Resopra) Si, pero tería que ser moi boa (ri). Teño pouca confianza na televisión como medio, porque me parece que apostan moi pouco polos proxectos.O que realmente non me gusta da televisión é o seu organigrama, e non os produtos, porque penso que os hai marabillosos, pero se podo evitar entrar niso... porque sei non se confía no que se fai.

P.- E dende o seu punto de vista, ¿que consagra máis a un actor: bo teatro ou un bo filme?

R.- No teatro non te podes escudar, porque cando saes estás só enriba dun escenario e aí ou es actor ou non o es. En cambio, en cine un pode disimular máis. Non tés por que ser un 'maquinón'. Hai actores que aínda que non fagan teatro vese que son moi moi bos. Os que fixemos teatro, sabemos que aí pasa algo moi especial que non hai en cine. E á xente que nunca fixo teatro, se o fan unha vez seguramente estean de acordo comigo con que pasa algo especial, que é o directo, o contacto co público real, e a ininterrupción.

P.- Ultimamente tamén se está subindo aos escenarios para poñerse a cantar. ¿que tal a experiencia con 'The Ellas'?

R.- Moi, moi divertida. É un pouco esa historia do que falaba, a min o 'The Ellas' apetéceme porque son colegas, porque foi unha idea común de varios, algo que xurdiu porque eles xa tiñan unha banda montada para un programa de televisión, 'Mundo verbena', e eu fun de convidado, preparamos unha canción xuntos e houbo un 'feeling' curioso de dicir “¡hostia, pois esta era unha banda chula para montar!”.

P.- ¿Cal foi o maior cambio da súa vida nos últimos cinco anos?

R.- Home... saír por aí de noite é bastante máis 'coñazo'. (Ri) Todo o mundo quere falar de cousas moi profundas, que é algo que eu non acabo de entender, porque se saes pola noite de copas, suponse que é para pasalo ben, para rirte e esas cousas. E parece que todo o mundo ten o empeño de falar de pronto de cousas así como “oe, ¿e ti cres que tal...?” Iso dáme moita pereza e fastídiame porque provoca un pouco de paranoia. Pero, á parte diso, hai moitas outras vantaxes de ser coñecido que están moi ben.

05/08/2007

4'6 (19 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Luis Tosar deixa a un lado os papeles escuros
Luis Tosar deixa a un lado os papeles escuros (Foto: Otto.AGN)

Buscar máis información sobre



Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso