Datos de interés

  • Venres 21.11.2008

Carles Montoliu, actor

"Os pallasos poñen en ridículo á xente, pero sen burlarse dela. Esa sensibilidade apaixóname"


Etiquetas: troula, festival, Festiclown

Sara González. AGN (Santiago).

Carles Montoliu, actor da compañía de teatro valenciana 'L'Om imprebís', baixou uns días das táboas para inmiscuirse no fantástico mundo das narices vermellas, o 'Festiclown'. Durante tres días, impartirá clases de improvisación e creación teatral, algo que el poría como “asignatura” nos colexios.

Pregunta.- ¿Fixo algunha vez de pallaso?

Resposta.- Facer o pallaso, moitas veces (rí), pero de pallaso, non, non coñezo as súas técnicas. Pero no escenario sempre digo que son un pouco 'clown', é xogar de outra maneira.

P.- ¿Gustaríalle probar a ser pallaso?

R.- Si, pero ás veces dáme como 'cousa'. Non sei.

P.- ¿Que se precisa?

R.- Esquecerse dos corsés e dos caparazóns que un ten e lanzarse. Espirse máis.

P.- Pallasos e actores, ¿son dous gremios moi diferentes?

R.- Creo que están moi unidos. O que si penso é que hai moita xente que ten prexuízos cara a palabra 'pallaso' ou 'clown', cre que é de outra categoría, pero é porque non coñecen o mundo de facer rir, de actuar diante dun público en espazos diferentes ós teatros, por exemplo.

P.- ¿Que é o que máis admira dos pallasos?

R.- Como se poñen o nariz. Eu supoño que tamén teñen as súas historias e ás veces un xeito precario de traballar, porque véxoos coa súa maleta dun sitio a outro e digo '¡miña nai!'. Admiro como se fan entender. Póñense o seu nariz e esquécense do mundo. Esa enerxía que transmiten. E tamén é moi difícil captar a atención dunha praza, iso para min é admirable. E esa maneira de poñer en ridículo á xente... a empregan, pero sen abusar deles, hai un fío fráxil que saben ata onde hai que estirar. Teñen esa sensibilidade e non hai burla. Iso apaixóname.

P.- ¿Cústalles máis ós actores amosar a súa parte máis ridícula?

R.- Hai de todo dentro deste mundo. Hai xente que se pon diante do personaxe e outros que procuramos que sexa o personaxe o que vaia diante e ti detrás. Eu, por exemplo, son moi tímido. Se me quitan as luces, as bambalinas... e me din “tes que ser ti, falando de”, seguramente non sería capaz de saír ó escenario.

P.- ¿Que técnicas emprega nas súas clases?

R.- Exercicios que levamos na mochila e que nós practicamos día a día. Traballamos dende técnicas corporais, improvisación e físico, a voz... Hai xente que cre que improvisar é facer calquer cousa, e é iso, pero non é iso exactamente.

P.- ¿Como o define vostede?

R.- A improvisación é estar dun xeito auténtico en cada intre, é buscar en cada momento a enerxía que se require para actuar.

P.- ¿É máis difícil do que semella a simple vista?

R.- Bueno, nós cambiamos a palabra “difícil” por “apaixoante” (rí). Pero si, os alumnos recoñecen que o é.

P.- ¿Que é o que máis custa?

R.- Traballar con outros e recoñecer cada un as súas posibilidades e as ferramentas que ten e encauzalas. Logo, cando entran a xogar e a ordenar todos o seu mundo, a imaxinación, e o corpo, facer sínteses de historias... é moi gratificante.

P.- ¿É útil na vida saber improvisar?

R.- Si, tamén é útil. O encauzamos para o mundo do teatro, pero é un xeito de coñecerse a un mesmo e de coñecer ós demais. Eu a poría como asignatura nos colexios, o como obradoiro ou práctica para que non haxa problemas a todas horas. Pero poría ós nenos a xogar dende pequenos.

P.- ¿Hai un perfil determinado de alumnos?

R.- Non, pero adoita ser xente nova, que veñen de diversos campos, dende actores a 'clowns', xente que nunca recibiu clases... É interesante tamén como se unifica a improvisación en grupo. O coñeces, exploras con el e unificas unha linguaxe, é unha maneira bonita de coñecerse. Moitas veces, ós que pasaron por escolas ou son actores, teñen máis medo e reparo e están máis pechados porque creen que teñen que demostrar algo. Teñen máis prexuízos e concéntranse menos en facer e xogar.

P.- Nuns días, que é o que dura o obradoiro, ¿nótanse cambios nos alumnos?

R.- Este curso dáse en dous días e oito horas cada un, non sei por que se pactou así. A min gústame que haxa tempo para a reflexión e que pasen uns días. A ver se conseguimos que haxa xogo e que o ritmo do curso non poida con ese punto de reflexionar e de filtrar as cousas, que é o que fai falta.

P.- O pallaso Chacovachi afirmou que “o pallaso é o máis humano dos artistas”. ¿Que opina?

R.- Non lles poño máis nin menos, porque haberá 'clowns' que si o sexan. Pero iso de poñerse diante de alguén e facer brillar os seus ollos e improvisar, xogar, volverse neno, volver ó espectador tamén neno...Xente que pasa por unha praza e que conseguen transportala a outro mundo, paréceme máxico.

04/08/2007

0'0 (0 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Carles Montoliu admira a capacidade para facerse entender do pallasos (Foto: Otto. AGN)
Carles Montoliu admira a capacidade para facerse entender do pallasos (Foto: Otto. AGN)

Información relacionada

Buscar máis información sobre





Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso