Datos de interés

  • Sábado 17.05.2008

Xosé Manuel Beiras, político

"É inadmisible como me tratou o BNG, pero as feridas ou cicatrizan ou morre o bicho"


Etiquetas: BNG

María Munín. AGN (Santiago).

Vén de publicar o seu libro 'De nunca máis a máis alá", unha escolma dos artigos que cada domingo publica no xornal 'Galicia Hoxe'. Coas súas matinacións repousadas, Xosé Manuel Beiras quere lembrarlle aos galegos, como antes xa o fixera Manoel-Antonio, a necesidade de proseguir na loita pola identidade. Dous anos despois da súa dimisión do Consello Nacional do BNG, este 'irmandiño' é agora esa voz que en cada treito do camiño andado nos berra a todos que hai que ir máis alá.

Pregunta: Como xurdiu a idea de reunir os seus artigos nun libro?

Resposta: A idea foi de Caetano Díaz, o director do xornal, cando comprobou que eu era capaz de manter a periodicidade da colaboración. Eu pensaba que non duraría máis dun mes a un ritmo semanal, porque non teño oficio de xornalista, pero ao final sometinme á disciplina e un día xurdiu a idea de que se podía facer un libro.

P.- No mesmo título fai referencia ao manifesto 'Máis alá' de Manoel-Antonio, do que escribe que foi unha "lostregante revelación" para vostede. Como influiu no seu pensamento político?

R.- Non é tanto que influíse no meu pensamento político porque máis que un manifesto é un chamamento á mocidade do país. O que me impactou foi a actitude dun rapaz tan novo como Manoel-Antonio, que á altura dos anos 20 tiña xa unha visión moi penetrante dos perigos que corría o mundo da cultura no noso país. Foi unha revelación porque eu tamén era un rapaz e vin algo moi claro: non se pode caer no pasotismo nin no labor rutinario, e cando pensas que chegaches a algures aínda hai que ir máis alá.

P.- Quere que esta escolma de textos sexa un novo chamamento para que os galegos loiten activamente pola súa identidade?

R.- Claro, diso se trata. Lembrándomo a min mesmo e a nós mesmos porque nunca me pareceu ben predicar sen dar exemplo.

P.- O movemento 'Nunca Máis' significou un punto de inflexión no cambio de actitude dos galegos. Pensa que se pasou dunha sociedade que algúns calificaban como pasiva e sumisa a outra máis activa e reivindicativa?

R.- En termos absolutos, non. A mobilización que se xenerou foi extraordinaria pero 'Nunca Máis' non foi un fenómeno de xeneración espontánea senón que había un proceso detrás. Nos anos 80, Galiza foi o país do Estado español que máis combatiu cívica e socialmente. Non é un país que estivese durmido pero si que é certo que foi a gran erupción do volcán que provocou cambios de actitude en certos sectores da cidadanía. Eses cambios de actitude tamén deron lugar a cambios políticos e a perda de poder polo Fraguismo ten bastante que ver co que significou Nunca Máis. O que pasa é que esa onda expansiva non cambiou pautas de conducta cotiás e por iso hai outra vez un baixón.

P.- Agora que estamos no ecuador da lexislatura do Goberno bipartito da Xunta, como valora a xestión que se está a levar a cabo?

R.- Hai cambios, evidentemente, e non hai máis que ver quen protesta agora polas liñas de acción política que se seguen. O que pasa é que hai dúas cousas que faltan e que me parecen moi importantes. Penso que na primeira metade da lexislatura habería que ter collido tres ou catro puntos cruciais e pegar cambios drásticos, rápidos e coller ao enemigo por sorpresa. Porque eu penso que o PP só respeta a quen teme. En segundo lugar, é indispensable reduplicar o financiamento na sanidade, no ensino ou nos servizos sociais. Non se pode resolver doutro xeito. Pero non ten nada que ver o talante do novo goberno co que era antes. Antes o goberno era un fiasco absoluto.

P.- Vense de constituír dentro do BNG o Encontro Irmandiño. Con que principios ou obxectivos nace?

R.- Nace e realízase como unha corrente dentro do marco do BNG e polo tanto asume os seus postulados políticos. O Bloque é unha fronte cun proxecto común que ten varias lecturas posibles e a nosa é a que pretende recuperar o proxecto político de longo alcance. Agora está demasiado centrado na alternativa de goberno no marco autonómico e pensamos que debe seguir apostando polo avance do proxecto político que trascende por completo ao marco da autonomía e da constitución actual. Tamén queremos rexenerar as formas de relación dentro do BNG que se foron deteriorando bastante nos últimos anos. De aí que fagamos tanta insistencia no principio da fraternidade, da irmandade, que é unha constante no nacionalismo histórico. E teño que dicir que para ser membro do Encontro Irmandiño non é necesario estar afiliado ao BNG.

P.- A conquista da soberanía nacional é un dos eixos do Encontro Irmandiño. Pensa que o BNG abandonou hoxe esa procura?

R.- Non se perdeu pero cada vez semella máis unha idea que se invoca pero que non repercute na práctica política. Nin sequera como punto cardinal que serve de orientación cara a acción. Tanto no Goberno como no Parlamento ou nos concellos. Tamén é certo que as presións sobre unha organización política coma o Bloque son tremendas.

P.- Como ve o avance de Galicia no tocante á transferencia de competencias dende a conformación do novo Goberno?

R.- As transferencias son complementos que tapan buratos ou cubren ocos existentes antes, pero non significan avances no autogoberno nin na capacidade de libre decisión. Non se pode confundir porque entón non tería sentido facer o esforzo que se fixo para lograr dar un paso adiante na reformulación do Estatuto e abondaría con ir agregando competencias. A maioría da xente asocia máis ou menos autonomía con máis ou menos competencias e non é así.

P.- A constitución do Encontro pretende ser un paso previo para a converxencia, anceiada por moitos, con outros movementos afíns politicamente como Esquerda Nacionalista?

R.- O que centra o noso traballo e as nosas reflexións non é se nos xuntamos cuns ou con outros senón se somos capaces de incidir na dirección que queremos dentro da dinámica do conxunto do BNG. O fundamental é que cada quen, dentro desta fronte plural, desempeñe o seu rol. A pluralidade interna non significa conflito.

P.- Dous anos despois da súa dimisión como presidente do Consello Nacional, arrepíntese de algo?

R.- Non me arrepinto para nada desa decisión. O que lamento é que as cousas chegaran ao punto de ter que tomala porque non me quedaba outra. Sinto que as cousas aconteceran de tal xeito que me forzaran a tomar esa decisión se quería manter a miña propia liberdade e integridade como persoa e non convertirme nun títere.

P.- Segue a estar doído coa executiva do BNG?

R.- Nos tecidos tanto das plantas como dos animais, as feridas ou cicatrizan ou morre o bicho. Non teño percibido que houbese ningunha actitude de reparación e tampouco sei se se ten conciencia de ter actuado indebidamente ou non. Eu cheguei á conclusión de que non actuei indebidamente. Aínda así, non son unha persoa resentida, en absoluto, e hai cousas que están por riba diso como o propio proxecto. Pero eu coido que a maneira en que o aparato do BNG me tratou non é admisible. Pero é o pasado, non imos estar olvidando sempre.

P.- Que lle diría a aqueles que pensan que o seu tempo xa pasou?

R.- E que o meu tempo pasou. O tempo do Beiras que fixo o que fixo, para ben ou para mal, xa pasou e non se pode rebobinar. A pregunta é se pasou o tempo no que o Beiras, á idade que ten, pode ter un rol na vida colectiva do país e do nacionalismo. Aínda que fose verdade iso que sempre se di de que aínda teño moita capacidade de liderazgo, o horizonte existencial que o Beiras ten por diante para poder desenvolver esa capacidade non ten nada que ver co horizonte de hai 20 anos. E iso, a xente tamén o percibe. Pero mentres estea vivo e non estea 'gagá' xa se sabe que un animal coma min é como é.

P.- Que avaliación faría da súa traxectoria política?

R.- O que máis valoro é vivir para contalo, como diría Gabriel García Márquez. Tamén me recoforta moito saber que en 40 anos de traxectoria política non deixei na cuneta ningún morto ou ferido de compañeiro ou compañeira. Ah! E unha cousa moi importante, non ter perdido o humor pasando por varios infernos.

P.- Os resultados das últimas eleccións, coa formación de gobernos de coalición, amosan un avance en termos de cota de poder do BNG. En que medida está satisfeito?

R.- O que está a dicir a dirección é certo. Pero hai que saber en que medida é grazas ao propio BNG ou ao feito de que funcionen acordos de apoio recíproco co PSOE, igual que no Parlamento e na Xunta. Pero é moi alarmante a caída do voto ao BNG nas listas urbanas, cando nos anos 90 chegou a ser a máis votada en determinadas cidades.

P.- Cre que pode deberse a que o BNG se esté convertindo nunha forza homologable ás demáis, que xa non sexa esa forza antisistémica que foi?

R.- En parte si, e é preciso reflexionar acerca diso. Na segunda metade dos anos 90 o Bloque era a forza máis votada con diferencia pola xente nova e xa non digamos polo novos votantes, e aí imos para atrás. A clave está en que o BNG era visto por eses sectores como unha forza distinta, atípica e moi atraínte. Agora, moita desa xente xa non di "eses son diferentes" e iso é un perigo. Se se institucionaliza podemos acabar como o famoso PRI, Partido Revolucionario Institucional, manda truco! O BNG non pode encamiñarse cara o centro e acabar sendo un partido, non pode convertirse en CIU porque isto non é Cataluña.

04/08/2007

4'4 (20 votos)

COMENTARIOS

#1 galicecos
05-08-2007 17:50

Foi unha mágoa que a figura do nacionalismo fora afastado do BNG. De seguro, agora que moitos frentistas estan afeitos a tarefas de governo na Xunta e nalgúns concellos, xa non lembran a un persoeiro da talla do sr. Beiras. Cómpre que volva a liderar o auténtico nacionalismo e así Galiza lle estará agradecida.

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Beiras afirma que o bipartito debeu 'pegar cambios drásticos' (Foto: Pepe Ferrín. AGN)
Beiras afirma que o bipartito debeu 'pegar cambios drásticos' (Foto: Pepe Ferrín. AGN)

Buscar máis información sobre



Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso