Anxa Correa (Santiago).
Unhas 25 persoas aprenderon con Johnny Melville (Escocia, 1948) durante esta semana en Santiago, dentro do Formaclown, o programa de formación do Festiclown. Ademais de divertirse os alumnos puideron aprender a coñecerse mellor para dalo todo de si sobre as táboas.
Pregunta: Antes de nada, acláreme unha dúbida: ¿Por que non lles permite ós seus alumnos levar perfume?
Resposta: Porque os perfumes e aromas químicos deterioran as neuronas. É moi importante no taller abrir as neuronas para aprender máis.
P: Aparte de por esta regra, ¿por que máis o recordarán os seus alumnos?
R: O mundo do clown necesita que liberemos o neno que temos dentro. Hai moitas pistas para conectar co neno, algunhas máis serias e outras máis divertidas. É máis importante xogar que probar. A repetición é necesaria para perfeccionar o efecto final, pero a creación ten que ser espontánea, como un neno. O clown é un mundo de nenos, e o neno interior mostra tamén o noso egoísmo. Ten a súa parte negativa e a súa positiva.
P: É dicir, axúdalles a coñecerse a si mesmos...
R: A través do clown pódense descubrir as cousas. O mundo da creación é espontaneidade, da igual se o que hai é negativo ou positivo, porque é unha expresión de algo. Para min é importante primeiro liberarse e saber que non é un problema expresarse tal como es. Esta semana había xente que tiña medo do seu lado escuro. Se se tenta suprimir isto e non tes conciencia diso, tampouco é bo. Para min é mellor que a persoa saiba realmente que hai dentro e enfrontarse ós seus problemas.
P: ¿Cal foi o descubrimento que máis lle axudou na súa carreira como clown?
R: O mundo do chimpancé, porque é o animal máis próximo ó humano, e ten un poder de relaxación e moitos elementos moi bonitos para axudar ó clown. A xente achégase sempre coa palma da man, nunca co reverso, como fan os chimpancés. É moito máis bonito, porque é completamente suave. Para un actor é importante relaxarse en todas as situacións. A enerxía non sae ben se hai tensión.
P: De todas as súas facetas: actor, mimo, clown, cantante, acróbata, escritor, realizador, ¿con cal se queda?
R: Supoño que con todo, fago cousas moi diversas, e se non me gusta o que fago, non o fago. O clown é como un paraugas para todo, como un actor que fai de todo, é máis desenvolvido.
P: ¿Era vostede o pallaso da clase?
R: (Ri) Si, a miña nai era algo tola, pero tiña moita presión da familia, e para ela a vida non era feliz. Eu era o fillo único, entón tívenme que educar a min mesmo moitas veces. Ós 17 ou 18 fun máis libre para facer cousas e na universidade fixen teatro nun grupo como director ou actor, pero non fixen clown ata os 26 anos.
P: ¿E como acabou sendo clown?
R: Para min, ser clown non é unha decisión, quizais para outros si. Despois da universidade continuei facendo teatro. Durante dous anos fun profesor nunha escola infantil en Escocia, pero non aceptaba o sistema educativo, era unha cousa sen conexión ós desexos ou as necesidades da xente. Así que o deixei.
P: ¿As escolas son 'anti-clown'?
R: (Ri) As escolas non contribúen ó progreso individual, senón que restrinxen o desenvolvemento potencial como individuo. Creo que as escolas son fábricas para a sociedade que temos.
P: E a sociedade non deixa espazo para os pallasos...
R: Si, pero a sociedade necesita clowns como terapia e para prever os seus males. A xente non se da conta ata que descobren o problema que necesitan da risa. O clown é unha terapia para gozar, para previr o problema. En África, por exemplo, o que máis me chamou a atención é que as persoas se rían xuntas na rúa. Quizais España é un pouco máis libre, pero en Europa é moi raro que as persoas se rían moito xuntas na rúa, e se alguén o fai, pregúntaste cal é o problema, cando na realidade, rirse é moi saudable.
P: ¿Como foi que descubriu o seu lado clown?
R: Cando deixei a escola, fun a Londres, e nunha semana tiña traballo cun grupo de teatro de vangarda. Un día, un italiano co que traballaba díxome: "ti es un clown"; pero en Inglaterra chámaselles 'clown' ós pallasos do circo, e eu non podía asimilar a idea. Ó final descubrín que era verdade, que tiña unha natureza para facer clown. É case accidental. Cando eu comecei non había tantas posibilidades, nin profesores de clown nin ninguén que se adicara a isto. Só había circos de teatro alternativo.
P: Dende que comezou ata hoxe o mundo do clown cambiou moito...
R: Cambiou o mundo, en xeral. Hai 30 anos era imposible facer un espectáculo na rúa, con micrófonos e altofalantes. Non me gustan moito ese tipo de espectáculos, para min ten que existir unha intimidade entre clown e público. Os micros e os altofalantes son como unha televisión, no fondo.
P: De todos os números que fixo, ¿de cal se sinte máis orgulloso?
R: Dun que tiña cunha cadeira e cunha toalla por riba. Tentaba coller a cadeira pero non podía levantala. Facía moitos xogos cos meus brazos, camiñaba coas mans, e ó final sentaba, collía a toalla e levantaba a cadeira. Foi a miña maior pallasada, fíxena en Pallasos sen Fronteiras en México, como invitado no centenario do Gran Circo D.F. É un espectáculo moi básico, pero universal.
04/08/2007