Iolanda Fernández (Santiago).
Non lles dicimos adeus, pero si ata a próxima aos pallasos, aos mimos e aos malabaristas que encheron de cor as rúas de Compostela. O Festiclown 2007 rematou. É hora de facer balance. E tamén chega o momento de falar do lado máis humano do festival, do lado máis comprometido. É a hora do Fondoclown Solidario.
Ademais do recadado coas actuacións da 'Mostra Internacional de Teatro', as aportacións desinteresadas do público da 'Gala Fondoclown Solidario' (unha innovación con respecto ao ano anterior), e que chegaron a preto de 11.000 euros, destinaranse á formación dunha escola de pallasos en Chiapas de mans da entidade 'Pallasos en Rebeldía'.
Dende Galicia e co apoio incondicional do Festiclown puxéronse en marcha sendas iniciativas de carácter social que "mesturan a solidariedade humana, a cooperación internacional e o papel socioterapéutico do clown con realidades tan dramáticas como diversas". Deste xeito, dende o 2003 ata o 2006, lugares como Palestina ou Chiapas "foron os portos onde atracaron os navíos cargados de esperanza e pallasadas que partiron dende Galiza".
Os últimos pasos do Festival
Os dous últimos días do Festiclown vivíronse ao máximo. As tardes tornáronse solidarias e as “gorras” enchéronse de euros e incluso dalgún que outro billete para axudar este ano á continuidade dunha escola de formación teatral en Chiapas (México).
As dúas Galas, de menos dunha hora de duración, conseguiron xuntar na Praza de Praterías a cativos, maiores, entendidos na materia e a curiosos, moitos turistas-curiosos, que non se libraron de bromas e burlas. Pero a mellor técnica nestes casos é iso de “seguir a corrente”. A colaboración do público foi esencial, pasando ás veces incluso a ser o protagonista do espectáculo. “Haiche moito pallaso por aí solto…”
Nunca esqueceremos a Tony, o faquir máis pequeno e valente do mundo, e ao seu inseparable amigo (iso dicía el) o pallaso arxentino Alex Risorio. O espectáculo foi unha sucesión de momentos tráxicos/cómicos que espertaron no público unha chea de gargallada.
Tony, tivo que aturar a dor, xa que Alex non facía mais que colocarlle pinzas (da roupa) en parte moi sensibles do seu corpo. Pero o momento crucial chegou cando un amable e despreocupado espectador intentou partir un plátano en dous riba do seu corpiño. Aquilo foi unha traxedia, Tony quedou sen cabeza. Todo se precipitou, comezou a conta atrás para salvarlle a vida…
A isto, sumámoslle a sorte de contar con Trasno como presentador e a Trasniño, como sex-simbol ou bailarín. Xunto cunha serie de acrobacias, puidemos apreciar o pouco xeito que tiña o rapaz para mover brazos e pernas.
Unha escola de pallasos indíxena
Vencellado ao Festiclown, naceu Pallasos en Rebeldía, alá polo ano 2004 no marco da II Caravana de Pallasos aos Municipios Autónomos de Chiapas. Xunto cos 7 Magníficos +1 (compañía teatral galega) integráronse nas comunidades zapatistas e realizaron sendos obradoiros de formación teatral na zona.
Como colofón a este traballo, xurdiu a posibilidade da creación dunha escola de pallasos indíxena. Iniciativa que, finalmente, no mes de agosto de 2005, foi apoiada polo goberno das comunidades coa sinatura dun acordo coa Junta del Buen Gobierno do V Caracol Zapatista, que que se plasma o "compromiso de Pallasos en Rebeldía de avanzar na construción da escola e continuar coa labor de formación nas técnicas teatrais".
Segundo a propia entidade, na escola trabállase "co ritmo zapatista e co galego en talleres de clown, malabares, e en coñecementos de educación popular e de actividades cooperativas." No que leva en funcionamento formáronse xa a 80 persoas e está previsto que no 2007 os alumnos comecen a adentrarse no mundo das acrobacias.
Os dous obxectivos fundamentais deste proxecto son o apoio ao avance na construción da autonomía e a mellora da calidade de vida das comunidades zapatistas. E, como non, tamén se pretende "fomentar o teatro como instrumento de expresión da cultura dos pobos indíxenas". Un proxecto solidario, comprometido e grazas ao Festiclown e aos seus asistentes, unha realidade.
04/08/2007