Datos de interés

  • Venres 21.11.2008

Leo Bassi, cómico

Leo Bassi: 'Letizia era unha xornalista importante e agora só se fala dela como reprodutora'


Etiquetas: festival, Festiclown

Iolanda Fernández (Santiago).

Tremede composteláns, tremede, Leo Bassi xa está aquí. Ademais de impartir o curso "En busca da Identidade Cómica" dentro do Formaclown, presentou na Aula Cultura Caixa Galicia o seu polémico e controvertido libro 'La Revelación'.

Mais ca unha presentación formal dun libro, aquilo era unha conversa entre iguais. Bassi atopábase na súa salsa, rodeado de fans e explicándose sen tapuxos. Entre risos e ironías, comenta que comezou coa representación da obra hai dous anos e medio, "era guión con tres ou catro cousas, para ver se os temas interesaban".  E continúa, "busquei a inxenuidade, non quixen esconder nada, ser agresivo, darlle pracer ao público".

O papel de Leo Bassi non é so facer rir senón facer espectáculo, como el mesmo di. "É extremadamente importante ridiculizar aos poderes para crear un equilibrio na sociedade. E a Igrexa Católica neste caso é un poder." Desta vez tocoulle á Igrexa e ás relixións en xeral, pero que se vaian preparando os políticos de esquerdas. Leo ten para todos. Cousas do equiilbrio...

Simpático e Irónico

Pregunta: Un ano máis en Compostela e no Festiclown co curso 'En busca da nosa identidade cómica', pero como é iso de que todos levamos un cómico oculto no noso interior?

Resposta: Para empezar sempre estiven interesado en saber como un pode facer rir a outra persoa, cal é o mecanismo, como se transmite o riso. Hai xente que ten a capacidade de facer rir e para eles é algo instintivo e hai outros que non o conseguen. Foi entón cando se me ocorreu plantexar este curso. A idea é axudar a unha persoa a realizarse, non aprenderlle a ser cómico senón espertar a comicidade que leva dentro e darlle esa valentía, esa forza. O obxectivo pois é axudar ás persoas a asumir a súa propia personalidade e entender a súa propia comicidade.

P: Agora vai unha pregunta tópica pero, un pallaso nace ou faise?

R: Eu creo que por un lado, si que se nace pallaso, pero ao mesmo tempo é un acto de auto confianza de querer selo. Eu coñecín a persoas moi graciosas, pero que nunca traballaron nisto. Hai quen sabe facer rir, pero non deu o paso para chegar a ser de verdade un pallaso, porque ao mellor non tivo confianza en si mesmo. Así, un nace pallaso pero por outro lado ten que facer un camiño interior para chegar á conciencia de ser pallaso e de querer vivir desta maneira.

P: Pertences a unha gran familia que viviu dende sempre por e para o circo, sen embargo ti decidiches continuar ese legado cun estilo diferente, como foron eses primeiros momentos?

R: Meu pai desexaba que eu mantivese esa tradición existente xa dende seis xeracións.  Custoulle entender que o mundo no que vivimos mudou. Ademais, para manter unha tradición o importante non é a forma senón o espírito, e eu manteño ese espírito, só que o contexto e o mundo no que vivo non me permite facelo dun xeito clásico co nariz vermello ou facendo o pallaso. Hoxe en día, na miña opinión, mudou o significado da comicidade. Creo que amosei que podo manter o espírito da miña familia pero doutro xeito.

P: Nunca pensaches en adicarte a outra cousa?

R: Si, é por dúas razóns diferentes. Cando era novo, tería uns vinte anos, estaba farto de escoitar falar do circo e da tradición. Fixen ata o imposible para afastarme dese mundo, incluso cheguei a vender cousas nos mercados para poder deixar o mundo do circo. Normalmente a rebeldía sería deixar un traballo tradicional para adicarse ao circo, pero para min a rebeldía era tentar ter un traballo normal. Pero, tras uns anos descubrín que a min o que realmente me gustaba era traballar no circo...

P: Despois de todo o rebumbio que se armou coa posta en escena de 'La Revolución' no teatro Alfil de Madrid, ti agora escribes un libro no que plasmas do teu puño e letra os contidos da obra...

R: Na miña opinión a polémica que se formou ao redor da obra foi patética. As persoas que criticaron o espectáculo nin sequera  o viron. Tiven que ler nos xornais cousas que nada tiñan que ver coa miña obra. É un texto rigoroso, analítico, racional e ateo, que amosa, na miña opinión, porque a Biblia é totalmente contraditoria. Eu quero que lean o libro e logo que falen. O libro é para min unha xeito de ir contra estas críticas e para demostrar o absurdo e patético das persoas que o criticaron...

P: Imaxino que escribir non che resultou difícil, pero conseguir que che publicasen o libro...

R: Foi moi sinxelo escribilo, parece mentira, pero eu son unha persoa de tradición oral e veño do circo. E ninguén no mundo do circo nunca escribiu un libro. É algo que non se fai. Entón, isto foi un salto. Á hora de publicar o libro si que tiven problemas, unha empresa moi grande da edición dábame largas e nunca mo publicou. A verdade é que tiñan medo de publicar este libro. Ao final editouno unha editorial pequena de Barcelona. Pero unha vez editado chega un novo problema, a distribución. El Corte Inglés, por exemplo, non quere vender o meu libro. Os seus clientes son cristiáns e podíanse molestar ao ver á venda un libro contra o monoteísmo. Isto serve para que vexas ata onde chegou a miña loita.

P: Falando da publicación do libro e da representación da obra, imaxino que o momento no que che puxeron unha bomba no teatro marcou un antes e un despois, cóntame como foi...

R: É un incidente que aínda a día de hoxe sigo sen crer, como se poder chegar ata este punto. A verdade é que sentín moita rabia, pero non contra as persoas que ma puxeran, senón contra os xornais que animaran á xente a iren na miña contra. Publicaron unha chea de artigos dicindo que eu era un blasfemo e que representaba o declive dos valores en Europa. Animando ao fin a algún tolos que poidan poñer bombas.

P: Cal foi a túa primeira reacción nese momento?

R: Foi ir a un xornal e comezar a dar ostias e a segunda reacción foi... unha depresión. Cando marchou a policía e a xente, fun para o meu camerino, e alí estaba diante dun espello dicindo, eu non son español e estou arriscando a miña pel aquí e, sinto dicilo pero nesa ocasión, pasóuseme pola cabeza marchar de aquí. Pero despois dixen, non! Eu decidín vir a vivir aquí a España e hai xente moi boa e non vou marchar por uns tolos.

P: Nesas circunstancias, sentícheste arroupado polos teu compañeiros do circo e do teatro?

R: Si, o mundo do circo arroupoume e axudoume moito. Dise que nos momentos duros un sabe quen son os seus verdadeiros amigos. O mundo do teatro, na miña opinión, non me axudaron moito..

P: Imaxino que estás ao tanto da polémica que se organizou ao redor da portada da revista 'El Jueves'. Foi para tanto?

R: Hai unha lectura do incidente da revista 'El Jueves' que eu quero  facer e que ata o de agora non se fixo. O que eu vexo como obscenidade é que nos últimos anos desta parella o único que vimos son os nacementos dos fillos. Letiza era unha xornalista importante e xa non se fala desta muller como unha profesional, fálase dela como unha "reprodutora" e que está sempre en maternidades. Entón para min, unha obscenidade son as portadas de revistas como 'Hola' e todas estas revistas do corazón que modificaron a imaxe de Letizia.

P: Que ten Santiago de Compostela para que eu ateo coma ti volva sempre?

R: En Santiago hai unha maxia, un algo que vai máis alá do cristianismo que conseguiu atraer á xente durante miles e miles de anos. Teño a sensación de que por debaixo destas igrexas e catedrais hai lugares de culto moi antigos que eles chaman paganos, pero que son un misterio, repletos de maxia. Estou fascinado con Santiago, de como atrae á xente. Isto é marabilloso.

03/08/2007

4'9 (8 votos)

COMENTARIOS

#1 RoDRi
03-08-2007 20:53

Digamos si a la libertad de expresion

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Leo Bassi nun momento da entrevista nunha cafetería da Rúa do Vilar (Santiago). Foto: Otto.AGN
Leo Bassi nun momento da entrevista nunha cafetería da Rúa do Vilar (Santiago). Foto: Otto.AGN

Información relacionada

Buscar máis información sobre




Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso