Anxa Correa (Santiago).
Non pode evitalo. En calquera momento aposta con algún dos seus trucos de maxia, enreda e idea novos xogos. Deixar a alguén indiferente sería o seu peor pesadelo.
Magic Andreu pechará por arte de maxia o programa do Festiclown deste ano. Será o domingo ás 22 horas no Teatro Principal. O festival contará cun final ao grande, co primeiro mago cómico de España.
P: Hai un rexurdimento dos magos grazas a 'Harry Potter'?
R: Creo que os magos están de moda grazas á boa maxia que se fai. 'Harry Potter' é outra historia. Creo que aos nenos lles gusta a maxia que facemos os magos. Pero todo axuda, como cando sae David Copperfield en televisión, ou Juan Tamariz nun programa.
P: Os nenos séguense deixando enganar?
R: Non, son os maiores os que se deixan enganar, hai xente que ata non quere saber "o truco". O neno sempre quere saber como o fixeches, por se el tamén pode facelo. O neno é imitador por natureza.
P: Algunha vez lle descubriron o "cartón"?
R: Eu sempre procuro ter o truco e o contratruco, e así sempre podes demostrar que non hai trampa. Pero o neno é máis intelixente cós de outrora, sabe pensar, sabe calcular, a lóxica tena moi clara, así que é moi difícil facer maxia para nenos.
P: Cal é o as que sempre se garda na manga?
R: Creo que é o as que non existe. O as que ninguén sabe e que nun momento determinado hai que sacar. É un comodín o que me gardo, porque serve para todo.
P: Poderíanos adiantar algo sobre o espectáculo que ofrecerá o domingo no Teatro Principal de Santiago?
R: O espectáculo poderiámolo chamar 'Compañía Magic Andreu. 25 anos de maxia', e como na compañía sempre estiven eu só, estarei eu só. É unha recompilación das maxias que considero máis fortes, que máis gustaron e que estiveron máis en boga, xunto coas últimas e cun anaco do espectáculo que fago cada ano en Barcelona, que vou renovando.
P: Cal foi o seu mellor truco?
R: O meu mellor truco foi cando naceu a miña filla. Isto si que foi unha maxia fantástica... Eu non falo de trucos, senón de maxia, e a mellor do meu espectáculo é cando saio sen nada nas mans, as pecho e saco un pano vermello de 40 centímetros. Aí o público quéntase moitísimo.
P: Existe esa competencia entre magos que se ve en 'El truco final'?
R: Si, si [responde enerxicamente]. Sábeme mal, pero hai que ser coherente. Existe unha competencia desleal a algúns niveis. Aos profesionais cámbianos a xente, o público, o cal é un bingo. Podemos facer sempre o mesmo, e así chegas a facelo moi ben, pero no caso dos magos semiprofesionales ou afeccionados, a xente é sempre a mesma, e así ten que cambiar as maxias, e nunca chega a facelas ben. Entre afeccionados e semiprofesionales ás veces danse moita leña entre eles. Isto pasa na moda, no teatro, na televisión, na empresa... e na maxia tamén.
P: Os magos galegos comezan a organizarse profesionalmente.
R: Galicia ten moi bos magos: desde o Mago Antón, que creo que é o David Copperfield de Galicia, é un tío que arrisca moito, moi bo e coñecido en todo o mundo, ata Tanito, que tamén é moi bo. Galicia é sitio de magos ¡e de meigas!
P: Vivir do ilusionismo é maxia?
R: Non, vivir do ilusionismo é vivir da ilusión. Se non che gusta o teu traballo, vas durar catro días. Se che gusta, de aquí a 20 anos estarás facendo isto moitísimo mellor porque terás aprendido. No meu caso é igual. O outro día falaba cun clown e non o parecía, porque era serio e case non ría. Creo que a filosofía tes que levala encima. Se vou pola rúa e vexo a unha nena enfadada, sácolle unha cousa da orella e cámbialle o sorriso. É unha forma de vida.
P: Vostede dá clases a empresarios. Pídenlle o truco para crear diñeiro da nada?
R: O empresario normalmente é intelixente, sabe levar ben o negocio, en cambio nun momento dado, quizá non é líder do grupo, ponse nervioso... Eu ensino a técnica da mirada, a expresión non verbal, como ir tirando redes para que a xente te escoite, como saber se te están escoitando,... e ademais ensinámoslles a facer algunhas maxias con obxectos normais e correntes que pode levar encima un executivo, como un billete, un cartón de crédito ou un bolígrafo. Así poden ser o centro de atención, pero teñen que saber cando e a quen se lle pode facer a maxia.
P: Para impresionar?
R: Non, ata para romper o xeo en calquera momento. Para o que menos lle interesa é para ligar ou para impresionar.
02/08/2007