Datos de interés

  • Venres 21.11.2008

Entrevista

Chacovachi, pallaso da rúa: "O pallaso é o máis humano dos artistas"


Etiquetas: Festiclown

Anxa Correa (Santiago).

"Deixei de contar as funcións cando ía polas 3.000, fai xa dez anos", lembra este artista todoterreo, que comezou hai un cuarto de século en Arxentina para despois viaxar por todo o mundo vivindo "de gorra". Durante o fin de semana ofrecerá ademais un obradoiro para quen queira seguir os seus pasos.

Pregunta: ¿Que se lle ensina a un pallaso de rúa?

Resposta: O máis importante é a filosofía e a ideoloxía do teatro de rúa. É difícil traballar nun lugar no que está todo o mundo: as putas, os ladróns, a policía, os nenos pobres, as mulleres con diñeiro... Ten que haber unha diversidade de comunicación na rúa, moito máis grande que nun teatro.

P: Hai que improvisar máis...

R: Si, eu ensino un método baseado no xadrez, onde xogas contra o público. O rei é a enerxía e a dignidade. Se un pallaso perde o rei, perde a partida. A reina é a súa personalidade, a súa visión persoal do mundo, a que pode defender ou atacar segundo o día. As torres, os cabalos e os alfís son os números archicomprobados, cunha vida propia.

E despois están os chistes peóns, que creo que son os máis importantes, que podes usar ou non, que poden ser kamikazes... Segundo como se mova o público, moves ti. Por iso, co mesmo material, nunca saen dúas actuacións iguais.

P: ¿Pasar a gorra ten a súa arte?

R: Hai pallasos fantásticos que non poden sobrevivir porque non son capaces de pasar a gorra. E hai pallasos que non son moi bos, pero saben pasar a gorra, gañan diñeiro, e iso permítelles seguir. Tes que xuntar á xente antes da función, se non, cando se enche pola metade e pasas a gorra, non funciona.

P: ¿Cales son as dificultades coas que se atopan os seus discípulos?

R: Son trabas interiores, porque un clown non é máis que un mesmo libre e esaxerado co fin de asombrar. Un pallaso ten que aprender o oficio, porque para algo serven as xeracións anteriores. Despois ten que transformarse nun artista. Para poder crear hai que aprender a criticar, a denunciar, a delirar, a somerxerse máis dentro. O máis importante é a personalidade do pallaso, a súa visión persoal do mundo e o compromiso dos seus pensamentos.

P: É dicir, que os mellores pallasos nacen das inquietudes existenciais e da súa propia liberdade.

R: Sen dúbida. Os pallasos ó principio buscan cousas de fora, necesitan algo que os separe do público normal: maxia, malabares... Pero despois queren deixar todo iso para transformarse no que son e facer rir. Creo que o pallaso é o máis humano dos artistas. E o pallaso da rúa é o máis humano de todos os pallasos.

P: ¿E que tal se leva o risco con gañar as fabas?

R: Depende da experiencia de cada un. Eu nunca vira ningún pallaso ou a ningún artista, para min artistas eran os da televisión e cagaban mármore. Cando con 20 anos deixei de ser soldado na Guerra das Malvinas, estaba bastante perdido. Vin unha escola de mimo e pensei que estaría ben, porque era de noite, había mozas... a fantasía do artista. Empecei a facer iso por facer algo.

P: ¿Como chegou a actuar na rúa?

R: Buscaban un alumno que quixese facer algo nunha praza en resistencia contra os militares que estaban no poder. Por unha cuestión ideolóxica, fun e preparei unha cousa na rúa. E namoreime. Durante moito tempo non souben que se podía pasar a gorra, e cando o descubrín, comecei a gañar uns 100 euros. Imaxínate o que significaba para un rapaz que nunca gañara nada...

P: ¿Que é o que lle ofrece o traballo na rúa?

R: Dáche liberdade física, psíquica e emocional. Ti decides onde ir. Eu vivo viaxando, cambias de público, pero non de número. Así non estás competindo, podes tomar números dos demais, porque a ninguén lle importa se iso é teu. O que importa é o que provoca. Gañas o que mereces en relación coa túa arte e o teu poderío físico.

P: Notou un cambio na exhibición de pallasos en España?

R: Si, España era un lugar onde se traballou fantástico, pero cada ver hai menos lugares, sobre todo nas grandes cidades. Apareceron moitos festivais fantasmas que están matando á artista da rúa. Hai dez anos chegaba á unha aldeíña para traballar na rúa, tres ou catro días... era un éxito total. Agora nesa aldea hai un festival de rúa, ofrécenche moi pouco diñeiro para traballar, un albergue... Un festival de rúa ten que ter unha parte ideolóxica que non ten que ver coa parte económica nin participativa. Se non, a función vai saír ben, pero para min non ten sentido.

P: Non entende o espectáculo sen compromiso...

R: Trato de espertar á xente un pouquiño do seu letargo. O que a xente entende a través da risa, non o entende doutra forma. Cando te poder rir de algo, aí superar ese algo. Detrás de cada chiste hai unha traxedia, e só te podes rir de algo cando tomas distancia.

P: ¿Cal é a maior pallasada que fixo?

R: A mais orgullosa, fíxena no ano 89 ou 90, cando morreu o xeneral Viola, un dos tres presidentes de facto do país, responsable da morte de moitas persoas. Eu levaba dez anos traballando a 50 metros do cemiterio máis 'pijo' de Buenos Aires, fronte ó centro sociocultural. Cando chegou o cortexo fúnebre, dixen: "Querido público, pido un minuto... de barullo en deshonra da morte deste fillo de puta". E todo o mundo me seguiu. Pudriuse todo.

Cando rematou a función véuseme a policía enriba. Tiven que saír correndo, non puiden traballar en seis meses, e cando voltei, secuéstranme a camioneta, lévanme preso por pasar a gorra, outro día non paso a gorra e detéñenme por permiso de disfrace... Acabei traballando vestido normal sen pasar a gorra durante meses para gañarlles, pero estaba morrendo de fame. A xente deixábame diñeiro pola ventanilla do coche. Pero foi fabuloso.

02/08/2007

5'0 (8 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Chacovachi, un pallaso contestatario (Foto: Otto. AGN)
Chacovachi, un pallaso contestatario (Foto: Otto. AGN)

Información relacionada

Buscar máis información sobre



Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso