Datos de interés

  • Venres 21.11.2008

Festiclown

Xogando a ser pallasas


Etiquetas: Festiclown

Sara González. AGN (Santiago).

Se alguén nos pide que imaxinemos un pallaso, o máis común é que pensemos nunha figura masculina vestida cun traxe de mil cores, grandes zapatos, perruca e nariz colorado. En cambio, se nos preguntamos como é unha pallasa, quizais non sexa tan doado dar unha resposta concreta.

Pepa Plana, ou o que é o mesmo, Pepa pallasa, dedícase ao oficio de provocar risos dende hai máis de dez anos. Ademais de participar na edición actual do Festiclown, en Compostela, co seu espectáculo 'L'atzar', esta artista catalana tamén imparte un curso dentro do 'Formaclown', coa peculiaridade de que nel só se admiten alumnas.

A Pepa Plana pareceulle “moi interesante” a forma en que se propuxo desenvolver o curso. Na súa opinión, por unha parte “é fantástico” que non exista un referente de muller pallasa, porque así tense que inventar. Á parte, os cursos de 'clown' adoitan estar orientados a homes e cando se inscriben mulleres, moitos profesores "non saben orientar o seu traballo".

Pallasas versus pallasos
Cada pallasa -ou pallaso- é un mundo. Pepa Plana explica que “rimos do que coñecemos”, e por iso non hai dous pallasos iguais. Esta afirmación tamén esconde o que diferencia un pallaso dunha pallasa, pois os referentes femininos “son particulares” e, segundo ela, ás rapazas “gústanos rir dos nosos códigos máis propios”, como a maternidade, a limpeza, o estar guapas...


Nos exercicios das súas alumnas hai mostras de que o que di Pepa se cumpre, pero a imaxinación e a creatividade van moito máis alá. Dun xesto, dunha mirada ou dunha actitude ao camiñar, poden saír os personaxes cómicos máis insospeitados, dende un peculiar 'Popeye' a unha graciosa 'Rocío Jurado'.

“Traballamos a parte vulnerable da nosa persoa para xogar ao ridículo e facer rir”, opina Pepa Plana. A súa experiencia lévaa a deducir que cando se traballa con grupos mixtos, as rapazas tenden a adoptar roles de protexer os rapaces ou de poñerse guapas, por exemplo, pero en canto se elimina a figura masculina, xorden xogos moi interesantes.

A artista catalana explica que, sen homes no grupo, a seducción perde protagonismo para darlle paso a temas tan femininos como “a maternidade, a menstruación, ou as tetas” sen ningún tipo de pudor nin de erotismo, o que resulta “moi divertido”.

Ademais cando unha rapaza xoga a ser pallasa, Pepa Plana asegura que é como facer unha regresión no tempo, pois trátase de atopar “a esa nena que xoga, que fuches e que aínda es”.

Todos temos un pallaso

Ao longo desta semana, Pepa Plana pretende transmitirlle ás súas alumnas o que significa “ser unha pallasa” ao seu entendemento. Para ela o imprescindible é “xogar”, porque aí “vive a pallasa”, esa persoa secreta que todos temos, tal e como explica no decálogo da súa 'filosofía pallasística'.

A timidez ten pouco tempo de existencia nun lugar onde o ambiente está dominado pola risa e polo compañeirismo. Non se precisa demasiado para participar nun curso de pallasas -ou pallasos-; quizais, algún elemento de apoio, como obxectos para compartir, ou pezas de roupa que dean xogo.

Tampouco hai que ser dunha determinada maneira nin posuír ningún coñecemento previo antes de atreverse a descubrir o noso lado máis cómico. De feito, as alumnas de Pepa Plana non cumpren ningún requisito máis que o de querer pasalo ben, ao tempo que descobren a pallasa que levan dentro.

Cuestión de narices

Aínda que algunhas das que se inscribiron no curso de Pepa “levan horas de nariz”, outras nunca fixeron nin teatro nin nada semellante. Porén, malia que ter experiencia no mundo da interpretación proporciona certa base, carecer dela non importa, porque se trata de “atopar a propia tontería”, de xogar cun nariz e cun mesmo.

Nas clases de Pepa Plana as alumnas xogan tanto co característico nariz colorado de 'clown' coma sen el. “Ao xogar sen nariz amosas o difícil que é mostrarse un mesmo”, afirma a profesora. Por iso é importante coñecerse ben, saber onde están os nervios de cada un e controlar a mirada e a respiración.

Ao parecer, resulta máis "sinxelo" e “agradecido” poñer a máscara, aínda que sexa tan pequeniña coma un nariz de goma, que estar sen facer nada e "sen tontería". O nariz "protexe e é todoterreo".

Risos en grupo

O primeiro que fan as alumnas nas súas clases, que se desenvolven todas as mañás de xeito intensivo, é un quentamento a base de xogos rápidos. Ademais, mentres quencen, van practicando expresión corporal.

De repente, Pepa Plana mándalles ás rapazas que anden nas puntas dos pés, por exemplo, e que pensen a que personaxe atoparían na rúa camiñando con esa actitude. E logo proban con outras moitas máis. E así, destes xogos sairán improvisacións e, como non, moitos risos.

O que é fundamental nestas clases é o traballo en grupo. Pepa puntualiza que xogan a coñecerse “entre irmás”, e non a “listos e a tontos”. A complicidade, a escoita e a paixón á hora de brincar son elementos claves para un bo exercicio.

Logo, chega a parte da autocrítica e da propia valoración da mestra. “Os erros son regalos dos deuses” afirma Pepa Plana, e é normal que nun exercicio saian cousas susceptibles de mellora, pero a cambio saen outras que ata sorprenden ás propias protagonistas. Iso si, sexa como sexa, os aplausos das compañeiras están asegurados.

 

02/08/2007

5'0 (5 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Os risos baixo o nariz vermello non faltan no curso de Pepa Plana
Os risos baixo o nariz vermello non faltan no curso de Pepa Plana (Foto: Otto.AGN)

Información relacionada

Buscar máis información sobre



Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso