A revista satírica lanzou hoxe un número especial sobre o secuestro do seu número de hai dúas semanas, no que aparecía en portaba un debuxo de Felipe e Letizia mantendo relacións sexuais.
Betti Vázquez (Santiago).
Un avergonzado bufón que pasa a rolda de recoñecemento nunha comisaría de policía na compaña dun maltratador, un etarra e un suicida islamista.
Con esta imaxe chegou hoxe ós quioscos a revista satírica El Jueves, cun número especial que lembra o secuestro sufrido pola publicación hai dúas semanas tralo escándalo provocado por unha portada na que aparecían os Príncipes de Asturias mantendo relacións sexuais.
Tralo incidente e coma se da nai dos Dalton se tratase, un lector enviou á redacción de El Jueves unha barra de pan cunha lima dentro para facilitarlle a fuga ós presos. Mostras de solidaridade tan orixinais coma esta sucedéronse dende o secuestro, e a revista quixo agradecelas con este especial no que tamén contan como viviron aquel venres no que viron como o seu traballo era retirado dos quioscos.
A expectación coa que se agardaba o anunciado especial animou ós traballadores da revista á montaxe deste trailer, ó máis puro estilo hollywoodiense, que recibiu un número tal de visitas que a páxina ficou bloqueada en varias ocasións durante a tarde de onte.
E aínda que o cambio de cabeceira que prometían no número anterior non se levou a cabo finalmente, desta vez enriba da revista si que pode lerse o novidoso eslogan: A revista que secuestran os venres.
01/08/2007