Xeración/AGN.
O movemento polos Dereitos Civís denunciou que a Delegación do Goberno lle remitiu un escrito no que se declaraba "de carácter reservado" os informes sobre a actuación policial hai unhas semanas no conflito de Reganosa, na localidade coruñesa de Ferrol.
Segundo o Movemento, esta institución considera "de difusión prohibida" o informe no que se consideraba que as manifestacións poderían provocar unha traxedia "ou mesmo informar de por que se agrediu a un xornalista dun medio".
Cargas policiais
O MpDC lembrou que o pasado 9 de maio, o operativo despregado pola Delegación do Goberno que impediu "o lexítimo dereito dos mariscadores ó seu traballo".
Días despois, o 29 de maio, a institución "provocou unha batalla campal" en Ferrol, para permitir o paso dun novo gaseiro. A Policía Nacional "cargou de forma brutal e indiscriminada contra os cidadáns concentrados pacificamente no porto".
Por iso, considerou que este silencio por parte da institución do Estado "dá conta de como queren esconder unha neglixencia clara das forzas de Seguridade".
O Movemento incidiu na "falla de transparencia" nas actuacións policiais e mostrou a súa "disconformidade total" co comportamento da delegación do Goberno. "Máis que unha institución ó servizo dos cidadáns semella un caixón onde esconden actuacións neglixentes das Forzas e Corpos de Seguridade", concluíu.
30/07/2007