Ana García (Santiago).
Os veciños dos concellos afectados polo novo Plan Acuícola preparado pola Xunta están decididos a non deixar que as súas costas sexan modificadas polas piscifactorías proxectadas, e comezan a realizar diversas actividades para amosar o seu rexeitamento ante esta situación.
Asociacións ecoloxistas apoian tamén estas reivindicacións coas súas propias iniciativas, como no caso da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), quen comezou a realizar unha serie de reunións informativas coas asociacións veciñais das zonas implicadas, expoñendo os datos que levan recompilando nos últimos meses.
Contaminación e postos de traballo
As principais alegacións que Adega destaca á hora de analizar o Plano Sectorial xiran arredor de dous puntos: en primeiro lugar a contaminación que producen estas piscifactorías, xa que afirman que non cumpren as normativas para este tipo de infraestrutura ó non ter depuradoras que eliminen os residuos.
O outro punto son os postos de traballo que se xerarán por cada unha das plantas de produción. “Dende as empresas afirman que serán entre 200 e 300 pero en realidade non superarán os 30” explica Fins Eirexas, secretario executivo da asociación ecoloxista.
Concienciación social
“O que máis destaca nas reunións informativa é o interese que amosa a xente sobre as consecuencias de tipo ambiental e paisaxístico, máis aló do aspecto económico e laboral”, conclúe Eirexas. Sen dúbida, o que destaca das reaccións que está producindo o Plan Acuícola é a iniciativa dos propios habitantes, que se están a organizar para levar a cabo as mobilizacións.
A primeira manifestación realizouse a pasada semana, contra a ampliación proxectada para a piscifactoría de Quilmas (Carnota), onde participaron outras asociacións como a Plataforma pola defensa do litoral de Seráns. “Semella que os que fixeron este texto non se molestaron en coñecer o sitio”, explica Xosé Manuel Casais, representante da Plataforma contra a ampliación da piscifactoría, “este proxecto destruiría a economía do pobo, coa contaminación, etc”.
A próxima reunión informativa levada a cabo por Adega será este mesmo sábado en Corrubedo, onde se ten proxectado construír unha planta de 308.000 metros cadrados na zona coñecida como Laxe Brava, moi preto do complexo natural.
Mentres, os veciños doutras localidades como a Mariña lucense, Foz, Ribadeo e a Costa da Morte comezan tamén a moverse para evitar a destrución dun dos bens máis prezados de Galicia, como é a paisaxe. En todos estes lugares os seus habitantes destacan que a man do home non interferiu na natureza, posibilitando unha conservación única que se vería gravemente alterada se se leva a cabo o Plan Acuícola.
Prazo para alegacións
O prazo para a presentación de alegacións sobre o Plan de Acuicultura remata o 31 de agosto e Adega está a rematar as súas alegacións marco, nas que aposta pola a potenciación da pesca tradicional, marisqueo e acuicultura a flote fronte á unha acuicultura da terra da que afirman que “só é beneficiosa para os seus promotores”.
Pola súa parte, as plataformas locais preparan tamén as súas alegacións, cun carácter que atenderá ós elementos específicos de cada unha das áreas. No caso de Quilmas, por exemplo, destácase que a ampliación das infraestruturas non só suporá a destrución dunha paisaxe única senón tamén do patrimonio cultural da localidade. Quilmas conta con restos de almacéns dunha fábrica de salazón do século XVIII que desaparecería cos accesos proxectados para chegar á piscifactoría.
“Todo o que precisamos está aí, no litoral do que vivimos. Por iso estamos dispostos a chegar ata o final, pase o que pase”, remata Xosé Manuel.
03/08/2007