Juan Castro.
¿Unha primeira dama como enviada especial para resolver conflitos diplomáticos? Dende esta semana, a Revolución Sarkozy ten outra columna máis sobre a que apoiarse. Se non fose suficiente con invitar a históricas figuras da oposición a ocupar carteiras no goberno ou importantes postos internacionais, agora a sorpresa chega da man da súa muller, Cecilia.
Acusada durante anos pola esquerda de ser unha muller floreiro que simplemente ocupaba o seu rol mediático nas ambicións do Petit Nicolas, Cecilia Sarkozy converteuse agora nunha peza clave para conseguir a liberación das enfermeiras búlgaras acusadas por Libia de transmitir o VIH a 400 nenos.
Envíada especial da UE
A resolución deste conflito, enquistado dende hai anos, supón un gran éxito diplomático para o presidente francés que continúa no seu particular estado de gracia (cun apoio nas enquisas cercano ó 80%). Pero garante tamén un aura de popularidade inédito para unha primeira dama, un rol que ata o de agora, igual que en España, se reducía normalmente a simples actos protocolarios. Tampouco existen grandes referentes en Occidente ¿JFK e Jackie Kennedy? ¿Bill e Hillary Clinton?
Sexa como sexa, as fotos das enfermeiras búlgaras e do médico palestino no aeroporto de Sofía tras ser liberadas e acompañadas de Cecilia Sarkozy, supoñen un éxito diplomático para o presidente francés, que se xogara parte do seu prestixio internacional en convencer á UE para que a súa muller fose a Libia como enviada especial. Un pasiño máis para establecerse como o abandeirado francés na escala internacional, unha vez asimilada a marcha de Blair e comprobada a súa boa sintonía con Merkel, Prodi ou Zapatero.
Cando se lle pregunta polo papel xogado pola súa muller, Sarkozy finiquita a pregunta coa súa contundencia habitual, "non se trata dunha nova forma de Diplomacia. Había un problema, resolvémolo. Iso é o que conta e o que quere os franceses. Punto".
A esquerda esixe “luz e taquígrafos”
En todo isto, á oposición tócalle xogar un difícil papel, cunha nova fronte de conflito. Unha vez comprobado o éxito das xestións, non poden entrar a criticalas por temor a que se lles acuse de xogar sucio ou a ser tachados de desleais. Pero tampouco poden estirar unha alfombra vermella baixo os pés da nova gran parella mediático-política francesa, unha vez que romperon François Hollande e Ségolène Royal.
Os responsables políticos piden clarexar cal foi exactamente a función da Primeira Dama e esixen que se non fagocite o traballo realizado durante meses pola Unión Europea atribuíndose todos os méritos só por poñer a guinda das negociacións. O deputado socialista Arnaud Montebourg preguntábase na Asemblea Nacional “¿Para que está o Ministro de Asuntos Exteriores Bernard Kouchner ou a Secretaria de Estado dos Dereitos Humanos Rama Yade, se son desposuídos das súas competencias constitucionais en beneficio da muller do presidente?".
Máis conciliador, pero tamén incisivo, se amosaba o voceiro do grupo parlamentario do PS, André Vallini, “Hai que alegrarse polo final feliz, e se Cecilia Sarkozy foi útil, moito mellor. Agora ben, mañá haberá que preguntarse quen fixo cada un e que contrapartidas foron acordadas co coronel Gadafi”.
Contrapartidas e rescate
E certamente, Vallini chamaba a atención sobre un punto importante. Nicolas Sarkozy chegaba onte a Tripoli para entrevistarse precisamente con Mouammar Gadafi. A maquinaria presidencial xa se ocupou de desvincular os feitos, por moito que a coincidencia cronolóxica sexa unha evidencia difícil de negar, afirmando que a reunión estaba prevista dende hai meses.
En todo caso, dela sae o compromiso francés de axudar a Libia a desenvolver un reactor nuclear de uso civil que permitirá desalar auga mariña e de elaborar diferentes proxectos de cooperación técnica, científica, cultural e militar.
Todo un alivio para o réxime libio de Gadafi, que tenta escapar de décadas de “eclipse diplomático”. Conseguir a amizade do aliado francés, ben pode valer unhas vidas que ata hai ben pouco estaban condenadas sen practicamente posibilidade de recurso.
26/07/2007