Sara González. AGN (Santiago).
Os seus ollos, testemuñas de 87 anos da nosa historia, seguen cheos de forza e de vitalidade... e de certo pesimismo. Díaz Pardo teme que o futuro do galego quede reducido a unha lingua litúrxica, "nunha sociedade que é de consumo, como todas".
Pregunta: O 25 de xullo recibe a medalla de Ouro de Galicia. ¿Que significa para vostede?
Resposta: Para min é máis ben un desagravio por parte de xente responsable que está na Xunta. Entendo que non é por min só, é un mérito e un recoñecemento maior, a máis xente.
P: Por primeira vez hai un grupo nacionalista no Goberno. ¿como valora a súa actuación?
R: Están facendo o que poden. O que pasa é que a realidade pode moito e pasa o da vaca de Castelao, que uns danlle de comer mentres os señoritos a moxen. Iso é modernísimo.
Entón tampouco pode facer nada, chegan ao poder pero atópanse con que a maior parte das empresas son estranxeiras, que hai unha economía que non funciona ben porque o sector primario, que é o que trata de alimentarnos, está abandonado, case todo o importamos... Hai moitas cousas coas que se tropezan no goberno que quixeran cambiar, e non poden.
P: ¿Perdeuse ese entusiasmo por facer cousas con respecto á xeración que lle tocou vivir?
R: Cambiaron as cousas, porque iso tiña unha época determinada. O cambio é enorme: a técnica das cousas, os medios de transporte, novos sistemas de comunicación... Entón os conceptos tamén cambiaron.
P: ¿E cara onde camiña Galicia?
R: Se eu o soubera... (ri). Habería que entender moi ben, non de maneira moi teórica nin académica, a economía de Galicia desde un punto de vista realista. Se funciona ben iso tería posibilidades de saír adiante, Galicia é un país verde. Pero se abandonamos o campo como o temos abandonado, sobre todo a provincia de Lugo e de Ourense, seguramente haberá complicacións.
Por outra parte, a sociedade galega, como todas as demais, é unha sociedade de consumo. Isto é o que hai.
P: ¿Como ve o futuro do galego?
R: O galego terminará nunha lingua litúrxica porque o pobo en xeral non o fala. Os rapaces fan ata o amor en castelán. Xa non din “¡que riquiña estás!”, senón “¡qué encanto de niña eres!” . Entón eu non o vexo ben... a lingua é dos que mandan, dos que teñen o poder das empresas...
P ¿ E o decreto do ensino en galego non vai solucionar nada?
R: Tanto dá unha cousa como outra, porque desgraciadamente o galego non vai ir arriba a pesar dos esforzos que se están facendo. Marisol López paréceme estupenda, magnífica, pero... Eu penso que o que habería que facer sería abrirlle as portas máis a onde quedou a nosa lingua que é Portugal, que é onde mellor nos podemos entender.
P: ¿Que lle parecen as declaracións do Nobel José Saramago falando dunha futura anexión de Portugal a España?
R: El estao facendo ao revés, abríndolle as portas a Castela e cerrándollas a Galicia. Pero estou de acordo completamente con el.
P: ¿Como ve o proxecto da Cidade da Cultura?
R: Agora non hai máis remedio que terminalo. Eu fun o primeiro que escribiu sobre o proxecto nunha revista que fixeron os empresarios, e botei abaixo a Cidade da Cultura porque o que facía era repetir as cousas que xa había en Santiago. Agora habería que facer unha cousa dinámica que trouxera xente aí, ao mellor facer uns encontros. A dificultade é que alí non hai nin un bar e menos hospedaxe para a xente. Se queren levar iso adiante non teñen máis remedio que facelos.
Ollada ó pasado
P: Hai 60 anos deixou de pintar para dedicarse á cerámica. ¿Por que renunciou á pintura?
R: Son moitas cousas. A forma máis rápida de contestar sería dicir porque me deu a gana! Pero deume a gana porque era moi comercial e na época do Franquismo ter que andarlle facendo retratos aos ricos era penoso. Iso de andar pintando cadros e expoñelos, non ía comigo vendo que no país había problemas máis importantes. Entón non me pareceu demasiado ético continuar coa pintura e vivir dela. Foi unha cuestión de principios.
P: Entón comezou coa cerámica...
R: Si, empecei poñéndome máis na realidade das cousas e do pobo, e coa idea tamén de poñerme en contacto cos exiliados. Hai uns cantos que coñecía xa antes da guerra: a Seoane, a Rafael Dieste, a Núñez Búa... e facíame ilusión volverme a poñer en contacto, sobre todo con Seoane, que estaba publicando ‘Galicia Emigrante’, e terminei moi ligado a eles. Eu débolle moitísimo a toda esta xente importante que había alí.
P: ¿Foron un grande apoio no exilio?
R: Ideoloxicamente eran a miña vía de salvación. Era xente que tiña unha preocupación polas cousas e viamos que se volviamos a Galicia algún día, o que había que facer era recuperar memoria histórica do que pasou, das prohibicións do Franquismo, de todo.
Luís Seoane máis eu consideramos que había que facer unha institución que recuperara cousas esquecidas, a memoria e de aí saíron os proxectos. O Museo Carlos Maside é unha institución feita polo Laboratorio de Formas para recuperar a obra e a documentación do movemento renovador da arte galega, por exemplo.
P: ¿Arrepíntese de algo?
R: De todo. Fixen moitas 'tonterías'.
P: Iso recórdame ao que manifestou vostede hai dez anos cando lle concederon o Premio da Crítica. Dixo que a súa vida “era unha sucesión de fracasos”.
R: Si, iso está nun libro que fixen repetindo o que fixemos Luís Seoane máis eu no exilio, ‘Galicia hoy’, publicado por Ruedo Ibérico. Na tapa fago unha especie de autobiografía e digo que fracasei cando quixen ser arquitecto e non puiden, un fracaso; estudei para pintor e non puiden ser pintor, outro fracaso...
P: Pero tamén fixo cousas positivas na súa vida, moitos logros...
R: Si, pero hai moitas cousas negativas, e pesan algo máis que as outras. Fun a América e tamén fracasei como emigrante, non vin con cadeas de ouro, nin nada...
P: Fixo moito por Galicia...
R: Bueno, non sei... oxalá que fora certo.
P: E tamén dicía que “Galicia é unha terra fermosísima, pero ¡que carallada de xente!”...
R: Si, si, ¡claro!. Como dicían de Marín tamén: Marín é un porto precioso, pero ¡vaia tropa do carallo!.
25/07/2007
O primeiro darlle os meus parabéns a Isaac que foi quen de albiscar un futuro real para unha Galicia imaxinada... e sobre todo darlle as grazas pola seu clarividente REALISMO!
---------------------------------------
R: O galego terminará nunha lingua litúrxica porque o pobo en xeral non o fala. Os rapaces fan ata o amor en castelán. Xa non din “¡que riquiña estás!”, senón “¡qué encanto de niña eres!” . Entón eu non o vexo ben... a lingua é dos que mandan, dos que teñen o poder das empresas...
P ¿ E o decreto do ensino en galego non vai solucionar nada?
R: Tanto dá unha cousa como outra, porque desgraciadamente o galego non vai ir arriba a pesar dos esforzos que se están facendo. Marisol López paréceme estupenda, magnífica, pero... Eu penso que o que habería que facer sería abrirlle as portas máis a onde quedou a nosa lingua que é Portugal, que é onde mellor nos podemos entender.
-------------------------------------------------
Primeiro foi Barreiro dende a RAG...
agora Isaac dende a súa experiencia vital...
Pero parece que ninguén quere escoitar:
AS LINGUAS NON SE FALAN POR DECRETO!!!
Agora tamén lle tocou o turno ó novo Valedor do Pobo (o Callón xa anda a pedir demisións... se demitira il e os seus cabezas cadradas...)
Supoño que nin siquera o CELGA (novo certificado de competencia lingüística) sérvelles ós que están fartiños de comer da lingua galega e como teñen altofalantes dabondo... insitirán na barbaridade de IMPOÑER unha lingua por Decreto... que como dí Isaac, rematará sendo unha simple LITURXIA DE CATRO INTELECTUAIS AFASTADOS DA REALIDADE DO PAíS...!
Agora só falla co Bieito Lobeira consiga publicar as normas ortográficas no DOG para que se chegue ó punto máis ridículo da historia da Normalización ANORMALIZANTE.
Ninguén pensa decir BASTA?