A. Espiño. AGN/Xeración (Pontevedra).
Primeira porta aberta a que Elnosa quede na Ría de Pontevedra. O xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra vén de emitir unha sentenza a favor da química, revogando o informe negativo que remitira o concello para concederlle a autorización de impacto ambiental.
A sentenza xudicial, con data do 9 de xullo, dalle así unha primeira vitoria á cloreira. Ao desautorizar o informe negativo do concello, permite que Elnosa poida solicitar a autorización ambiental integrada que precisaba para seguir funcionando.
Batalla xudicial
Electroquímica del Noroeste (ELNOSA) comparte con ENCE o complexo industrial de Lourizán, na Ría de Pontevedra. Precisa que a Consellería de Medio Ambiente lle conceda a autorización ambiental integrada, da que carece, antes do 31 de outubro. Do contrario podería enfrontarse a unha multa de ata 200.000 euros, inhabilitacións dun ano e o peche total da planta.
O concello de Pontevedra emitira un informe desfavorable sobre as instalacións de Elnosa, polo cal Medio Ambiente en ningún caso podería emitir a autorización ambiental integrada. O concello baseábase en que a fábrica de cloro non se axusta á ordenación urbanística actual e nas negativas repercusións medioambientais das instalacións, para informar negativamente sobre a planta.
Elnosa recurriu este documento ante os xulgados, que agora lle dan parcialmente a razón. A sentenza xudicial anula o informe do concello, por considerar que contiña varias eivas no seu contido. O xulgado considera ademais a posibilidade de que parte das instalacións da cloreira poidan ser "ilegalizables". Deste xeito, a empresa química ten a porta aberta para solicitar a autorización que precisa para quedar na Ría.
Posición municipal
O Concello de Pontevedra pode recurrir esta sentenza ante a Sala do Contencioso Administrativo do TSXG nun prazo de quince días a contar dende o pasado 12 de xullo, data na que se notificou o contido da sentenza ás partes implicadas.
O alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, xa anunciou que pensan recurrir a sentenza xudicial aportando "novos datos sobre a situación de Elnosa e os seus plans urbanísticos". Lores referíase así a un informe elaborado polos técnicos municipias que non fora incluído inicialmente no contencioso interposto contra a cloreira.
Lores reiterou que a sentenza xudicial tampouco implica unha decisión en firme, “xa que o que di o auto é que o informe urbanístico presentado é insuficiente”. Ademais, engadiu, "independentemente do que diga o xuíz, a autorización ambiental está denegada pola consellería de Medio Ambiente, e nós imos seguir pelexando para que a cloreira se traslade da súa ubicación actual, e niso non hai unha variación substancial”.
Pola súa banda, a Consellería de Medio Ambiente, que ten a facultade de outorgar a polémica autorización ambiental integrada aínda non se pronunciou ao respecto. Dende a Consellería afirman que aínda non lles chegou a sentenza, e que no momento en que a coñezan estudarán os seus argumentos para desbloquear ou non a petición de Elnosa.
24/07/2007