Datos de interés

  • Sábado 17.05.2008

Historia do I+D+I galego

'Finisterrae', da fin do mundo á vangarda da supercomputación


Etiquetas: supercomputación, I+D+I, Cesga

Betti Vázquez (Santiago).

Simular a realidade para coñecela mellor. Con ese obxectivo nacía o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) hai xa 14 anos. Botando man do cálculo intensivo e da comunicación avanzada, o Cesga comezou a prestar os seus servizos na tentativa de adiviñar o devir de fenómenos naturais imposibles de ser observados no laboratorio porque a súa duración se limita a milésimas de segundo. Os ordenadores toman entón o relevo de probetas e microscopios, xa que as simulacións recrean unha situación ideal na que é posible acelerar ou ralentizar o tempo.

Con esta idea, no 1991 os investigadores galegos coincidiron co goberno da Xunta na necesidade da supercomputación. Os dous intuíron xa daquela a oportunidade que suporía para Galicia a creación dun centro destas características, “xa que no conxunto do estado unicamente estaba en funcionamento o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC)”, tal e como explica Javier García Tobío, director xerente do Cesga. Daquela aposta pola innovación naceu o centro de supercomputación, que botaría a andar dous anos máis tarde.

Dende entón e ata hoxe a metodoloxía empregada segue a ser a mesma: un investigador enuncia un problema e moitas solucións en forma de hipóteses, que son probadas polos especialistas en supercomputación para darlles o visto bo ou, pola contra, botalas abaixo.
Os físicos e químicos son os 'máis aditos' ós ordenadores do Cesga. Os seus campos fixéronse moito máis complexos nas últimas décadas ata superar a capacidade de cálculo do cerebro humano. Novos estudos sobre a localización de fontes de enerxía, deseño de novos fármacos ou materiais ou simulación de mecanismos de prevención de lumes serían imposibles sen estas máquinas.

Finisterrae, o supercomputador galego
Dende o Cesga, e sempre con software libre, deseñouse unha plataforma capaz de articular diferentes proxectos científicos, aplicando os cálculos e as simulacións que os investigadores necesitaban.
Proxectos que permitiron, por exemplo, o programa de asistencia a lesionados medulares, “Un programa de ordenador que lle permite ó lesionado mover o rato coa cabeza, ou mesmo cos ollos, para posibilitarlle o acceso ó ensino”, segundo aclara o seu director xerente. Os resultados son óptimos e nun futuro implantarase noutros complexos hospitalarios do estado.

Pero ó final, todas as iniciativas chocaban cunha gran traba: a comunidade investigadora do Cesga precisaba de máis capacidade de cálculo. Así xurdiu unha idea tola pero que co tempo se plasmou nunha das apostas máis fortes da comunidade: dotar a Galicia dun dos supercomputadores máis potentes do mundo. Así naceu o Finisterrae, anunciado en marzo do 2006.

Vindicouse unha resposta a esas necesidades que abrise ó mesmo tempo unha porta á interrelación con grupos de investigación con peso no panorama internacional. E a Xunta decidiu apostar forte: en marzo do 2006 sóubose que Galicia albergará un dos supercomputadores máis potentes do mundo. E a esta prodixiosa máquina chamáronlle Finisterrae.

Máis apoio estranxeiro que propio
Na procura desta infraestrutura singular a nivel estatal e europeo xorden as primeiras dificultades, derivadas da falta de apoio inicial do Goberno estatal. Segundo lembra o Director Xeral de Investigación e Desenvolvemento, Salustiano Mato de la Iglesia, “conseguimos convencer a empresas coma HP ou Intel e ós americanos de Palo Alto de que Galicia tiña oportunidades, pero en Madrid chocou a idea dun centro potente de investigación no noso país”. A implicación do Estado acadouse finalmente, pero o esforzo e os recursos para dar os primeiros pasos miraron sempre cara territorio galego.

Trátase dun computador “cunha capacidade de cálculo equivalente á de trinta mil ordenadores convencionais” asegura Javier García Tobío.  Pero a súa singularidade reside na gran capacidade de memoria. O Finisterrae será o único ordenador operativo en territorio español “capaz de recibir un problema moi grande e resolvelo sen dividilo”. Así, o computador catalán Mare Nostrum confórmase a partir de unidades máis pequenas, de tal xeito que cada problema se desfai en partes para distribuílas entre as unidades, “pero hai problemas que non poden dividirse”, explica o director xerente do Cesga.

A día de hoxe, o supercomputador non é máis ca un puzzle con pezas que se están xuntando en Alemaña. O deseño rematou hai cinco meses e agora son os investigadores de HP e Intel os que lle dan forma para que en outubro o Cesga faga as primeiras probas. Segundo as estimacións de García Tobío, “a máquina comezará a funcionar no primeiro trimestre do 2008”.

Aplicacións
O Finisterrae permitirá traballar máis rápido nos proxectos nos que agora está mergullado o centro galego, pero as súas aplicacións van máis alá. A longo prazo, Galicia poderá colaborar no deseño de fármacos para combater enfermidades coma a malaria, e traballar polo aproveitamento dos recursos enerxéticos que pare o noso país, así coma procurar outros novos para explotalos.

Así mesmo, unha lacra que o noso país revive cada verán, os incendios forestais, poderá paliarse grazas á tecnoloxía deste computador: mediante fotos tomadas vía satélite e os datos da forza do vento poderá adiviñarse por onde atallar o lume para frear o seu avance.

Pero estas son só algunhas das utilidades dun computador que tornará competitiva a situación de Galicia nos proxectos internacionais de índole tecnolóxica. Este país, que ata o de agora foi “o gran esquecido, aquel recuncho onde existe capacidade de sobra pero onde ninguén quixo apostar polo eido da comunicación”, como o define Salustiano Mato, pode situarse entre as rexións que máis aposten pola investigación. Así o determinan os últimos indicadores de innovación europeos, que concibe á nosa coma unha rexión start up, das que aínda está medrando, pero que avanza a pasos axigantados, moi por enriba da media.

Pese a todo, o director xerente do Cesga recoñece que “para nós o máis importante son as cabezas pensantes”. O Finisterrae instalarase, e permitirá grandes adiantos, pero pasados uns cantos anos tornarase obsoleto. Sen embargo, do contacto dos investigadores coa industria punteira en supercomputación a nivel mundial dependerá o éxito ou o fracaso dun ambicioso proxecto que pretende facer de Galicia un país moderno, que explota os recursos que produce para avanzar e redundar no propio beneficio.

23/07/2007

3'8 (36 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Modelo do que será parte do Finisterrae (Fotos: Cesga)
Sistema de supercomputación HP Superdome do Cesga (Foto: Cesga)
Reunión da constitución do Finisterrae (Foto: Cesga)
Reunión da constitución do Finisterrae (Foto: Cesga)

Buscar máis información sobre





Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso