Xeración /Axencias.
Os avances científicos na loita contra a Síndrome de Inmunodeficiencia Humana non se están empregando a efectos prácticos. É a principal denuncia que nos deixa o primeiro día da IV Conferencia Internacional sobre Patoxénese e Tratamento do VIH que se celebra en Sidney e na que participan uns 7.000 expertos.
Pedro Cahn, copresidente da Conferencia e director da 'Fundación Huésped' en Arxentina, indicou que menos dun terzo das persoas que viven co VIH en países de ingresos medios e baixos teñen acceso á medicación, "e aínda menos a servizos de prevención probados, como os preservativos e as xeringas estériles", engadiu.
Cahn fixo fincapé en que isto supón un fracaso para a loita contra a Sida, polo debe ser unha prioridade que se logre o acceso universal a métodos preventivos e tratamentos para 2010. "A ciencia deunos os instrumentos para previr e tratar o VIH de forma efectiva, pero o feito de que aínda non trasladasemos esta ciencia á práctica é un fracaso vergoñento", denunciou Cahn.
Prevención para frear a pandemia
Na actualidade case 40 millóns de persoas foron infectadas polo VIH, segundo Michel Kazatchkine, director exectutivo do 'Fondo Mundial para a Loita contra a Sida, a Tuberculose e a Malaria'. Pero as previsións non son boas "en 2015 o número de persoas infectadas aumentará ata os 60 millóns se non se incrementa o esforzo na prevención".
Kazatchkine explicou que en 2007 se adicarán uns 9.500 millóns de dólares a loitar contra o virus da Sida. Pero reclamou que é preciso que era cifra se duplique en 2008 e siga medrando a partir de 2010 ata superar os 22.000 millóns, para que os esforzos sexan realmente efectivos.
Ir máis aló da ciencia
Os expertos que estes días se reúnen en Sidney avogaron porque a conferencia, aínda cinguíndose ao ámbito científico, non eluda aspectos políticos. "É a nosa responsabilidade como investigadores asegurarnos de que os avances cheguen aos pacientes nos países máis afectacdors, manifestou David Cooper, director do Centro Nacional australiano de Epidemioloxía e Investigación Clínica sobre o VIH.
Na IV Conferencia Internacional sobre Patoxénese e Tratamento do VIH participan máis de 6.700 científicos de 130 países, que ata o 25 de xullo exporán diferentes avances e tratamentos para enfermos da Sida. Exporán ademais novas estratexias de prevención biomédica e o modo de achegalas á poboación.
O encontro, organizado pola Asociación Internacional da Sida, está considerado o máis importante do mundo nesta materia.
23/07/2007