Iolanda Fernández (Santiago).
O Goberno fixou onte o novo imposto de matriculación en función das emisións de CO2 que xenere cada coche. Deste xeito, os os automóbiles máis limpos pagarán menos e os que máis contaminen terán que pagar unha cota moito máis elevada. O obxectivo é que España comeze a cumprir as medidas do Protocolo de Kioto.
O novo imposto de matriculación ten como finalidade incentivar a compra de automóbiles que emitan menos dióxido de carbono, ao tempo que se volven máis respetuosos co medio ambiente e coa capa de ozono. Por iso, a partires do día 1 de xaneiro do vindeiro ano, aplicarase un gravame progresivo sobre o imposto de matriculación. Actualmente establécese un gravame de entre o 7% e o 12%, dependendo da cilindrada do automóbil.
Segundo informaba o Goberno, os automóbiles que emitisen ao aire menos de 120 gramos de CO2 por quilómetro percorrido estarán exentos do pago do imposto. Entrementres, aqueles que sobrepasen os 200 gramos de CO2 por quilómetro, penalizaranse cun gravame tipo 2 (o máis alto, 14,75%). Nun termo medio establécese un tipo impositivo do 9,75%.
Esta reforma foi pactada coa Asociación Española de Fabricantes de Automóviles y Camiones (Anfac) e prevese que beneficie a máis de 1,1 millóns de automóbiles en toda España.
Accións concretas
A nova medida aprobada polo executivo emárcarse dentro da Estratexia Española de Cambio Climático e Energía Limpia, Horizonte 2007-2012-2020, que inclúe máis de 80 iniciativas para tentar paliar o cambio climático, reducindo as emisións que o orixinan.
Tras recibir varias alegacións e sendas solicitudes de medidas máis concretas, o Goberno, optou por aprobar un Plan de Medidas Urxentes que se porá en marcha antes de finais do 2007.Concentrará os seus esforzos en sete sectores -Industria, Transporte, Edificación, Servizos Públicos, Equipamentos residencial e Ofimático, Agricultura e Transformación de Enerxía- e especifica medidas concretas para cada un deles. Deste xeito, o Plan contempla máis do 65% das iniciativas contidas na Estratexia e referidas ao cambio climático.
O Protocolo de Kioto
O seu obxectivo é reducir, nun 5% aproximadamente, as emisións de seis gases -dióxido de carbono (CO2), metano (CH4) e o óxido nitroso (N2O), ao que lle sumamos tres gases industriais fluorados: hidrofluorocarbonos (HFC), perfluorocarbonos (PFC) e o hexafluoruro de xofre (SF6)- que provocan o quentamento, entre os anos 2008 e 2012, en relación coas emisións existentes no ano 1990.
Esta iniciativa promoveuse dende a Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (CMNUCC), no ano 1992, dentro do que se coñeceu como a Cumbre da Terra de Río de Janeiro.
O acordo entrou en vigor o 16 de febreiro de 2005, trala ratificación por parte de Rusia o 18 de novembro de 2004.
21/07/2007