Beatriz Vila. AGN.
A día de hoxe, e segundo informou o secretario xeral do Sergas, Cayetano García Escudero, 34.296 pacientes galegos están en lista de espera agardando por unha intervención cirúrxica. Do total de pacientes que agardan por unha operación, 651 levan unha demora de máis de 12 meses.
A esta cifra hai que engadir outras 14.000 persoas que se atopan na chamada 'lista de espera non estructural'. Trátase de pacientes que por causa médica ou por propia decisión renunciaron no seu día a seren operados, pero son susceptibles de volver a entrar na lista en canto a súa intervención sexa preceptiva. García Escudero fixou como obxectivo para fins de 2007 lograr que “ningún paciente espere máis de 12 meses para ser intervido”.
Demora media de 80 días
Segundo a Consellería de Sanidade, as listas de espera reducíronse no último ano en 16 días. Así, o tempo medio de demora para unha intervención cirúrxica en Galicia sitúase en 80 días, fronte aos 96 de hai un ano.
A pesar desta baixada, a Consellería recoñece que as listas de espera se volverán a incrementar en setembro, pola redución no número de operacións programadas durante o verán. Así, márcase como obxectivo manter a media en 80 días de aquí a final de ano. A lista espera media no conxunto do Estado sitúase en 70 días.
Consultas externas
No tocante á lista de agarda nas consultas de Atención Especializada, a demora media sitúase en 68 días segundo os datos de xuño. Isto supón unha reducón de sete días con respecto ao ano anterior, segundo informou o director xeral de Asistencia Sanitaria, Julio Villar.
Recoñeceu que o tempo medio para as consultas externas "aínda está lonxe do que o Servizo Galego de Saúde pretende acadar" e que a súa redución "é moi complicada".
E é que eran 223.567 galegos os que ao peche de xuño estaban en lista de agarda para unha consulta con algún médico especialista. Segundo o Sergas, máis de 163.000 persoas agardan entre menos tres meses para seren atendidos, pero outros 2.500 teñen que esperar máis dun ano.
20/07/2007