Datos de interés

  • Venres 21.11.2008

Ferrol

Aprobado no Consello da Xunta o Plan de Emerxencia Exterior de Reganosa


Etiquetas: Xunta, Reganosa, Ferrol

Silvia Canabal (Santiago).

O Consello da Xunta vén de aprobar o decreto polo que autoriza o Plan de Emerxencia Exterior da planta regasificadora de Reganosa en Mugardos. A Administración autonómica sostén que este documento "establece o sistema de resposta ás situacións de risco que a empresa ten identificadas".

Segundo declarou en rolda de prensa o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, este paso "é o último trámite para o outorgamento da licencia definitiva de operación desta planta", que ten que concederlle o Ministerio de Industria. O texto do Plan de Emerxencia estará dispoñible ao público na web da Dirección Xeral de Protección Civil a partir da súa publicación no DOG.

O Plan de Emerxencia fíxose a partir de información aportada pola propia empresa, que foi revisada pola Consellería de Innovación. Unha vez redactado, foi presentado á Comisión Galega de Protección Civil que na súa xuntanza de 2 de xullo aprobou un informe favorable sobre o plan. A continuación, o documento remitiuse á Comisión Nacional de Protección Civil que o homologou o día 10.

Estratexia de control e actuación
Segundo o Goberno galego, o texto realizouse no cumprimento dos reais decretos 1254/1999, 1196/2003, 119/2005 e 948/2005, que establecen as medidas de control dos riscos en accidentes graves con substancias perigosas. A Xunta asegura que o Plan de Emerxencia establece un perímetro de seguridade de 400 metros para a planta regasificadora "que son a distancia máxima que de acordo coa directiva SEVESO de risco químico, se podería ver afectada por riscos derivados da actividade da empresa".

Dende a empresa, negouse sempre todo risco ambiental da planta, defendendo que as instalacións son seguras, tanto para a entrada dos buques como para a actividade da planta. O Plan de Emerxencia aprobado hoxe estipula, por exemplo, a constitución de "grupos de control, intervención e seguemento da seguridade nas instalacións".

O documento recolle, segundo informa a Xunta, a estratexia para a súa implantación, os sistemas de comprobación da súa efectividade e os recursos asignados para levalo a cabo. Explica ademais o seu propio mecanismo de activación, o tipo de accidentes que poden ocorrer e como actuar, e a organización das comunicacións durante a emerxencia.

Denuncian 'irregularidades'
Dende o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol rexeitan por completo este Plan de Emerxencia, que consideran "irregular e ineficaz". A plataforma cidadá mantén que un perímetro de seguridade de 400 metros non abonda, en base a que "a distancia mínima entre poboación e industrias perigosas é de 2.000 metros segundo o RAMINP".

O Comité Cidadán remitiu en días pasados varios escritos á Dirección Xeral de Protección Civil solicitando que o Plan de Emerxencia de Reganosa non fose aprobado cun informe favorable. Consideran que a poboación con vivendas máis próximas á regasificadora "estase vendo ameazada pola actividade de probas que a planta realiza dende o pasado 9 de maio".

Nun destes escritos, unha veciña de Mugardos certifica que a súa vivenda se atopa a tan só 150 metros duns tanques de almacenamento de gas licuado da planta, polo que denuncia que as instalacións incumpren o Real Decreto 1254/1999 sobre a distancia a núcleos de poboación.

Engaden ademais que "non está garantida a saída ao mar dos buques gaseiros en caso de emerxencia durante a descarga". O Comité reclama que se anule o Plan de Emerxencia de Reganosa e que non se autorice a licenza que permitirá a entrada en funcionamento da planta de xeito 'oficial'.

Trala aprobación do Plan de Emerxencia, no día de hoxe, o Comité volveu reiterar o seu rexeitamento ao documento e remitiu dous escritos á Xunta de Galicia para solicitar unha entrevista co presidente e o vicepresidente do Goberno galego. Esperan deste xeito poder expresarlle ao Executivo galego a súa posición respecto á legalidade da planta e solicitarlle o seu traslado fóra da Ría de Ferrol.

19/07/2007

4'8 (4 votos)

COMENTARIOS

19-07-2007 15:43

aquí todos têm caixa registradora... nem governo de progresso nem de retroceso... agora como nos tempos mais escuros o que tem o dinheiro é o que mais ordena e o povo já se esquecerá até que um gaseiro encalhe na entrada da ria ou algo pior... ia dizer que lisco pra Portugal a pedir asilo político mas já vejo que se lhe fazemos caso a Saramago volveria a estar em este Estado lamentável chamado Espanha, por mim que estoupe todo e assim deixo de preocupar-me polas cousas... que pena de mundo (nom apreendemos)

19-07-2007 17:20

Parabéns pola noticia. Un exemplo perfecto de como se elabora un hiprtexto, con ligazóns a todas as cousas relacionadas e importantes.

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso