Iolanda Fernández (Santiago).
A Comisión de Urbanismo do Concello de Ferrol acordou esta mañá iniciar os trámites administrativos para a paralización das obras da Praza de España. Esta medida, que responde a un compromiso electoral do PSOE, ratificarase nun pleno extraordinario o vindeiro venres.
Co apoio da Esquerda Unida e previsiblemente do BNG, o PSOE convocará á Corporación municipal a pesares de non chegar aínda a ningún acordo coa construtora Abeconsa, tralo parón das obras.
Nesta liña, o edil de Urbanismo, Ángel Mato, explicou que o Concello está a espera de que a construtora presente un desglose da cantidade que lle reclama á administración local en concepto de compensación pola paralización das obras e a supresión da concesión outorgada para a explotación do polémico edificio.
Obras e política
Trala retirada da estatua ecuestre de Francisco Franco, no ano 2002, deron comezo as obras de remodelación da praza de España da cidade ferrolá, baixo o goberno do nacionalista Xaime Bello. Foi no seguinte mandato PP-Independentes por Ferrol, cando se modificou o proxecto para incluír a construción dun edificio de 21 metros con fins privados.
Aos poucos, a Xunta de Galicia, paralizou a obra por considerar que incumpría a normativa urbanística vixente e ameazou con levar ao Concello de Ferrol ata os tribunais.
Despois das últimas eleccións municipais, e coa formación dun novo goberno local do PSdeG e coalición coa Esquerda Unida, o novo rexedor Vicente Irisarri, anunciou a paralización -nun primeiro momento de 15 días- das obras. Ao tempo que facía públicas as súas negociacións coa empresa construtora Abeconsa para tentar buscar unha alternativa ao conflitivo edificio de uso privado.
Chalés no Menáncaro
A Corporación municipal tamén acordou iniciar os trámites para a anulación do Plan de Sectorialización do Menáncaro, na parroquia de Serantes e que fora aprobada pola Corporación anterior. Ademais, este proxecto, que prevía a construción de 69 chalés e un hotel a carón da centenaria fraga do Menáncaro, fora xa denegado pola propia Consellería de Medio Ambiente ao non tramitarse a pertinente declaración de impacto ambiental.
18/07/2007