O escritor e xornalista será o encargado de ler o pregón inaugural da XXIII edición da Mostra Internacional de Teatro, que a vila ourensá acolle dende hoxe ata o vindeiro domingo.
Betti Vázquez (Santiago).
Teatro sobre o pasado, guións que falan da realidade dos nosos días e espectáculos tan variados coma innovadores, aptos para tódolos públicos. Con esta oferta arranca hoxe a vixésimo terceira edición da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, que se celebra na vila ourensá ata o vindeiro 24 de xullo. Serán 21 compañías, catro delas galegas, as que fagan de Ribadavia a capital do teatro por unha semana.
O encargado de subir o telón será o escritor e xornalista Camilo Franco, que lerá o pregón inaugural nun acto previsto para as sete desta tarde e que presidirá a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo.
Rematada a súa intervención, o teatro tomará as rúas da man da compañía francesa Bouldegon, para concentrar posteriormente o seu espectáculo de animación na Praza Maior a partir das oito da tarde. O mesmo enclave acollerá ás nove a actuación dos cataláns Mar Gómez.
E ás once da noite serán os galegos Pista Catro os encargados de pechar o programa de hoxe coa posta en escea da súa obra Kamikaze, un espectáculo cómico no que sete misteriosas personaxes do mundo da farándula se dan cita no funeral dun amigo para mostrar o seu pesar, ó tempo que defenden o seu modo de vida.
Cita co teatro galego
Ademais da compañía Pista Catro, serán outras tres compañías do país as que fagan as delicias do público coa súa interpretación.
Lagarta Lagarta porá sobre o escenario As últimas lúas, unha comprometida reflexión, entre a tenrura e o humor, sobre o papel dos nosos maiores na sociedade actual.
Os Sarabela Teatro presentan na capital do Ribeiro Margar no Pazo do tempo, unha comedia tan terrorífica coma excitante ateigada de fantasía onde as personaxes non reflexan senón o patetismo do xénero humano.
A quenda do espectáculo galego péchase coa animación de Zancalino, que percorrerá as rúas na procura do sorriso dos viandantes con dous zanqueiros sobre unha bicicleta e outros dous camiñando a máis de dous metros de altura.
Pequeno público
O certame contará cun público moi especial: cativos de entre os seis meses e os tres anos. Para eles actuarán os leoneses Teloncillo e os andaluces Date Danza. A primeira das compañias cautivará a atención dos pequenos na tarde do mércores coa obra Muuu...as cousas de Celia, unha maleta-vaca da que saen dende música ata xoguetes e trucos de maxia.
O movemento, a diversidade de sons, as imaxes e as sensacións que se crean na posta en escea de Tonto Redondo (Date Danza, venres ás oito da tarde) procurará entablar comunicación cos nenos.
Pasado e presente
Un ano máis, Ribadavia non descoita a memoria histórica. Este ano ofrécense dúas visións de momentos anteriores á Guerra Civil. Os madrileños K.Producións recrean sobre o escenario o primeiro acto oficial do franquismo celebrado en Salamanca a través da narración da pantasma de Millán Astray.
Os gañadores do premio do público da MIT na pasada edición, Micomicón, renden desta volta unha homenaxe ós anos da república, un tempo que na obra Cancioneiro republicano se concibe coma de ilusión e da razón fronte á imposición violenta das ideas.
E das aproximacións ó presente destaca a posta en escea do Centro Dramático Nacional de Móbil, obra que conxuga o humor amargo cunha crítica sobre a incomunicación a través destes aparellos que presenta a María Barranco como cabeza de cartel.
Un programa completo que culmina á unha da mañá do domingo. A compañía Ziya Azazi chega dende Turquía para pechar o telón da vixésimo terceira edición desta mostra de teatro, ata o ano que vén.
17/07/2007