Datos de interés

  • Venres 21.11.2008

Encontro con Alberto Núñez Feijoo

'Antes, a lingua materna era a dos pais, non a do Goberno'


Etiquetas: PPdeG, Núñez Feijoo, política

'O PSdeG sen o BNG sería unha forza testimonial en Galicia' 'Con que sigamos así, en Galicia vai a haber un cartel que diga se cambian dúas alcaldías pequenas por unha macro concellería de urbanismo'

AGN (Santiago).

Alberto Núñez Feijoo é un vigués máis dos que naceu en Ourense (1961). No 2006, substituiu a Manuel Fraga á fronte do PPdeG con tres obxectivos, “sumar, seguir e gañar”. Hoxe, ano e medio despois, aínda mantén presentes estes criterios e asegura que hai que seguir sumando, porque a renovación que iniciou dende a dirección non concluiu. Para esta tarefa considera que atoparse na oposición “veu ben”, malia que a meta segue sendo “gañar” a Presidencia da Xunta no 2009.

Pregunta: ¿Rematou a renovación do partido que anunciou cando asumiu a presidencia?

Resposta: Non, porque un partido tan grande como este, con 160 alcaldías, 700.000 votos e que é o maioritario, non se renova en 15 meses. Pero a renovación non é so de persoas, senón de ideas e actitudes. A nós veunos ben este tempo, nalgún momento iamos sair do Goberno e preferiamos saír desta forma, gañando as eleccións. Agora temos que empregar este tempo na oposición para renovarnos e seguir servindo a Galicia, a ser posible a partir de 2009.

P: Despois dos resultados das eleccións municipais, ¿como queda o PPdeG e como afronta o futuro?

R: É a primeira vez en 23 anos que o PPdeG afronta unhas municipais sendo oposición, e sae co descenso menor en votos dos últimos 16 anos, o que quere dicir que o PP resistiu ben os dous anos de bigoberno e que está moi sólido.

Estes resultados extrapolados ás autonómicas daríannos entre 37 e 39 escanos. Así que o PP sae moi vivo con todas as opcións para seguir optando a unha maioría suficiente para gobernar.

Pactos de goberno: 'O BNG  ten a madurez para pactar co PP'
P
: O PP só pode alcanzar o poder con maiorías absolutas, porque non pode pactar con ninguén, ¿iso causa preocupación no partido?

R: É mentira e falso que o PP non estea disposto a pactar. Cousa distinta é que na vida política galega alguén prefira facer de 'camillero' doutro partido, que neste caso é o PSdeG. Iso é un problema estrutural dos nacionalistas galegos, que non acadaron a maioría de idade para facer o que consideran oportuno, respectando os votos.

P: O PP estivo facéndolle chiscadelas ao BNG tralas municipais, ¿poderíase dar un pacto BNG-PP nunha gran cidade sen ter que expulsar aos posibles candidatos?

R: Xa funcionou a experiencia en Vigo na anterior lexislatura, onde sacamos cousas fundamentais con acordos puntuais co Bloque. Cando o PP gañe e teña que completar un goberno estable, eu estou disposto a falar cos nacionalistas co único limite da Constitución. Outra cousa é que neste momento non teñan liderado in madurez para facelo. E o PSdeG sen o Bloque sería unha forza testemuñal.

 

 

P: ¿Ten a esperanza o PP de que nesta lexislatura poida haber outro caso como Vigo, e que algunha das coalicións non dure os catro anos?

R: Ao PP o que lle preocupa é que Galicia vaia ben e haxa gobernos estables. As coalicións son meramente interesadas pero non son boas para o país. Hai unha partida de póker na que se aposta Lugo e Pontevedra, e mentres non se solucione Lugo non se solucionará Pontevedra, e viceversa, cun espectáculo dende o punto de vista da democracia lamentable.

Decreto do galego no ensino
P: Un dos temas mais polémicos das últimas semanas é o novo decreto do galego, ¿que pasos dará o PPdeG para intentar modificalo?

R: Nós o que queremos é que os rapaces sexan competitivos, o demais é simplemente enredar e perder de vista o importante. Cando un galego remata os seus estudos ten que coñecer tres idiomas, no só un.

O PPdeG propón tres garantías: o 50% de clases en galego ou castelán, a garantía do dereito dos alumnos a poder dirixirse ó profesor no idioma que queira e a garantía dos pais de elixir a primeira lingua en que vai a aprender a ler un rapaz. Son garantías de dereitos, de liberdades e de bilingüismo cordial. O decreto abre a porta ó monolingüismo.

P: ¿Que aspectos dese novo documento considera menos inaceptables?

R: Hai dúas modificacións no decreto que non estaban pactadas: o feito de que os alumnos teñan que usar o galego en todas as clases que se dean en galego, sen posibilidade de elixir, e, por outro lado, que a lingua educativa se vaia a decidir de acordo co mapa sociolingüístico que faga o Goberno.

Antes, a lingua materna era a dos pais, non a do Goberno. Non se lle poden cercenar os dereitos ós alumnos; os pais son os responsables da educación dos seus fillos, non os gobernos, os pais.

P: Os socios de Goberno din que o PPdeG actúa segundo as directrices que marca Madrid, no Estatuto ou no Decreto do galego...

R: Son críticas recurrentes. Cando Fraga facía un cambio de Goberno sempre se vía en clave madrileña. No Estatuto, eu informei ó presidente nacional do PP despois da reunión, porque o único límite era a Constitución. Do tema do Decreto do galego non falei nin un minuto con Rajoy. Estamos orgullosos de pertencer a un partido que ten un proxecto para España, pero o PPdeG ten un proxecto para Galicia.

'Agora hai unha transferencia por ano. Co PP había seis"
P: Falando do Estatuto, ¿cando se poderá retomar a sua reforma?

R: É sorprendente, nós estabamos dispostos a falar despois das municipais e o presidente da Xunta dixo que non tiña ningún interese en facelo. Incluso os nacionalistas na campaña electoral xa non lle chamaban a Galicia nación, chamábanlle país. Estamos na época dunha maior conxelación da autonomía. Levamos unha por ano, co Partido Popular a media de transferencias era de seis ó ano.

P: Na elección do Valedor do Pobo e na renovación do Consello de Contas sí se alcanzou un consenso.

R: Si, hai consenso porque se buscou o consenso. No caso do Estatuto e do decreto do galego non pasou o mesmo. Cando hai respecto entre as forzas políticas hai acordo, pero non se non se pode levar a ideoloxía ás aulas. Hai que formar en liberdade ós alumnos, e despois os alumnos libremente terán a súa propia ideoloxía.

Deputación de Lugo: 'A decisión de Barreiro hónrao'
P
: En Lugo ¿como se presenta a situación política para o PPdeG despois de perder a Deputación?

R: A decisión de Barreiro é coherente e acertada, Lugo o que necesita é un liderado e unha dedicación especial, creo que a mellor mostra que pode dar alguen é estar as duras e as maduras. E eu creo que Barreiro asume a necesidade de liderar Lugo dende a oposición. Hónrao esa decisión.

P: Barreiro ¿asumiu de maneira voluntaria marcha a Lugo?, porque non parece moi convencido...

R: Iso hai que preguntarllo a el. Despois das municipais falei con todos, fixemos unha valoración e parecía oportuno que cada un asumira a súa responsabilidade. Cando unha persoa é candidato a unha institución tan importante como a Deputación de Lugo, é candidato para gañar e para, aínda gañando, non gobernar.

Cacharro: 'o exercizo nostálxico non é unha prioridade'
P
: Cacharro non apoiou na campaña e di que non participou porque non o invitaron. ¿Como influiu esta actitude do presidente provincial nos resultados?

R: É verdade que Cacharro dixo en plena campaña que non tiña nin frío nin calor, que non tiña interese na campaña electoral, e iso descríbese por si só. Pero agora Barreiro é o lider da oposición en Lugo e dentro de seis meses tentaremos revalidar o número de deputados e senadores. O exercizo nostálxico da política está ben cando un se retira pero non é unha prioridade cando se está en plena actividade.

P: Visto o visto, ¿Cacharro terá complicado repetir no Senado?

R: Imos utilizar os procedementos do partido como sempre, as listas para unhas eleccións xerais propóñenas as presidencias provinciais e apróbaas a presidencia autonómica. De todas formas, quero recordar que o señor Cacharro dixo que non tiña ningún interese na campaña electoral anterior.

15/07/2007

3'3 (6 votos)

COMENTARIOS

#1 LOISDESILAN
18-07-2007 18:40

Évos ben certo que todo ten límite menos a ignorancia e a malicia! Estou certamente abraiado da capacidade de galegoexterminio que exhibe o PP sen o máis mínimo rubor!

Sería moi conveniente que o PP e os seus simpatizantes ( e semella que os do PSdG-PSOE e BNG tamén!) se esforzasen unha miguiña en diferenciar entre lingua propia, lingua allea, e lingua ou linguas oficiais; pois, o feito de ser oficial tamén na Galiza o castelán non o converte en lingua propia aquí.

O castelán é lingua propia de "Castela", oficial no seu territorio propio e mais no resto do territorio do Estado; mais, iso non o converte en lingua propia da Galiza.

A oficialidade do castelán fóra do seu territorio propio, xunto coa obriga xeral de coñecelo, ten unha finalidade antidiscriminatoria, de evitación da discriminación a que poderían verse sometidos os españois en territorios de España con lingua propia distinta á súa. Funciona como lingua común ou universal no pequeno universo das linguas españolas; mais, iso, insisto, non a converte, non a equipara ás outras linguas españolas nos seus respectivos territorios.

O castelán fóra do seu territorio propio é unha lingua de uso EXCEPCIONAL. Á que lle corresponde un uso NORMAL, XERAL ou habitual é á lingua propia do territorio....como acontece co castelán no seu territorio propio!

Pretender outras interpretacións, equiparacións, igualacións entre o galego e o castelán na Galiza, ou en calquera dos outros territorios de España con lingua propia distinta ó castelán, évos ir en contra da Constitución, évos violar frontalmente o artigo 14 CE, évos ser exterminadores, conscientes ou non, das linguas españolas distintas do castelán! .........Évos ser moi pouco español!!

É obvio que o discurso do Goberno galego IGUALANDO lingua propia do territorio (galego) con lingua allea (castelán) polo feito de seren ambas oficiais É MANIFESTAMENTE INCONSTITUCIONAL por violación do preceptuado no artigo 14 CE!! (TRATAR IGUAL O QUE É DIFEFENTE É DISCRIMINAR); mais, non polo que con absoluta irresponsabilidade e malicia din os do PP!!

Así as cousas, é obvio tamén que na Galiza é perfectamente constitucional (outra cousa é a constitucionalidade plena ou non da literalidade da Lei de Normalización Lingüística) IMPOÑER o uso do galego en todas as materias que se queira, sempre e cando quede garantida a competencia referida en castelán. E isto, madia leva, sen prexuízo dos outros obxectivos que en materia de linguas estranxeiras estableza o currículo correspondente, e sen prexuízo de respectar e aplicar os criterios pedagóxico-didácticos máis apropiados segundo a lingua de procedencia, española ou estranxeira, dos discentes

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Alberto Núñez Feijoo, presidente do PPdeG (Foto: Pepe Ferrín, AGN)
Alberto Núñez Feijoo, presidente do PPdeG (Foto: Pepe Ferrín, AGN)

Buscar máis información sobre





Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso