M.L. AGN/Xeración (Ferrol).
O Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol anunciou hoxe que convocará para o vindeiro mes de setembro unha "gran manifestación cidadá" contra a actual ubicación da planta gaseira en Mugardos.
A plataforma anunciou esta convocatoria nunha rolda de prensa trala entrada do cuarto buque metaneiro na planta de Reganosa. Ata daquela, as accións do Comité continuarán coa recollida de firmas contra a gaseira e outras accións reivindicativas como a venda de camisetas, ademais de seguir coas accións legais que xa teñen en marcha.
O Comité informou de que o pasado 22 de xuño, a plataforma presentou ante o Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid medidas cautelares contra a autorización de construción de Reganosa. Solicitan a anulación da acta provisional de probas por tres meses en virtude da que a planta gaseira comezou a súa actividade. O pasado día 5, solicitaron ademais ante o mesmo tribunal a suspensión parcial de dita acta para "que sexa paralizada a actividade de Reganosa e non entren máis metaneiros cargados de GNL".
Membros do colectivo proxectan tamén viaxar a Bruxelas para aportar máis información ao informe xa remitido á Unión Europea, no que se presentan alegacións contra a instalación da gaseira. Continúan así coas accións pola vía administrativa e legal para solicitar o traslado da planta fóra da Ría, segundo explicou o voceiro do Comité, Carmelo Teixeiro, quen reivindicou unha vez máis o “desmantelamento do potencial de destrución masiva que desde o pasado 9 de maio supoñen as instalacións de Reganosa”.
Chega o cuarto metaneiro
O Port Harcourt, o cuarto buque que chega á gaseira de Mugardos, entrou esta mañá con normalidade na Ría de Ferrol pasadas as 12 do mediodía. O barco, de 275 metros de eslora e unha antigüidade de 31 anos, transportaba o equivalente a 110.000 metros cúbicos de gas natural licuado.
Dende o Comité de Emerxencia insisten en que a entrada de metaneiros na Ría é "unha temeridade", xa que, segundo lembran, "este tipo de barcos cargados de gas natural licuado non ten garantida a saída ao mar en caso de emerencia durante a descarga”.
09/07/2007