AGN/Xeración.
O persoal laboral do Servizo de Defensa contra Incencios Forestais (SDCIF) convoca dous días de folga para o 19 e o 31 de xullo se "a Administración non responde" ás súas reivindicacións, segundo anunciaron hoxe as centrais sindicais CCOO e CSI-CSIF.
Os sindicatos advirten que deixan de prazo ata o 15 de xullo para negociar coa Administración, pero se nese tempo "non chega unha resposta ou non é satisfactoria, manteríanse os paros". Reclaman melloras laborais e salariais para o persoal laboral do Servizo contra incendios, "así como a homologación e normalización como persoal da Administración galega".
Este conflito laboral esténdese xa dende hai 18 meses, segundo lembran os sindicatos. Nas últimas semanas os traballadores pasaron á mobilización e protagonizaron varias concentracións ante a Consellería do Medio Rural. Na última delas, o pasado 14 de maio, anunciaran unha tregua nas protestas, pese a que advertiran que se non se concretaba ningunha melloría nas súas demandas, iniciarían medidas "máis contundentes" durante o verán.
Reaccións
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, declarou hoxe que espera que "a Consellería do Medio Rural dirima da mellor forma posible este conflito e subliñou que o que lle preocupa é "gañar a batalla dos incendios".
Pola súa banda, o líder do PPdeG aludiu tamén a este anuncio dos servizos contra o lume ao solicitar ao Goberno que "baixe o nivel de crispación que hai coas brigadas e o servizo de defensa contra os incendios". Nunha rolda de prensa, o líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, declarou que un conflito laboral durante a época de maior risco de lumes sería "un gravísimo erro".
Así, Núñez Feijjo fixo un chamamento a Xunta e sindicatos para que "redobren os esforzos de diálogo para non repetir o desastre medioambiental da pasada tempada de incendios".
09/07/2007