Datos de interés

  • Venres 21.11.2008

Francia

O regalo envelenado de Sarkozy


Etiquetas: Strauss-Kahn, FMI, Nicolas Sarkozy, Francia

Juan Castro.

No seu proceso de “apertura gobernamental” -visto tamén dende o prisma da desestabilización da oposición-, Nicolas Sarkozy proporá a candidatura do socialista Dominique Strauss-Kahn para relevar a Rodrigo Rato á fronte do Fondo Monetario Internacional (FMI). Un regalo envelenado que podería torpedear definitivamente as aspiracións de Ségolène Royal en favor dun dos seus máis firmes rivais.

Ministro de Economía de Finanzas en varios gabinetes de Lionel Jospin, Strauss-Kahn -coñecido nos medios franceses como DSK- é un enfant terrible do socialismo francés. A súa escisión do partido hai cinco anos para presentarse ás presidenciais acabaría provocando a división da esquerda. Os seus votos resultarían definitivos para privar a Jospin da segunda volta, en favor.Jean-Marie Le Pen. Trala aventura en solitario, o seu retorno ó partido foi saúdada como a volta do fillo pródigo, pero non contribuíu a calmar as convulsas augas polas que navegou o socialismo francés nestes anos. Ben ó contrario, fervente partidario do “Si” no referendo sobre a Constitución Europea, foi nestes anos unha das voces máis críticas coa xestión de Segolène Royal e amosa sen ambigüidades a súa aspiración a tomar as rendas do partido no Congreso do 2008.

Por iso a proposta de Sarkozy non deixa de semellar un ataque en toda regra a Royal, por moito que o presidente defenda que DSK reúne o perfil idóneo. Esta candidatura de Strauss-Kahn contaría entre outros co apoio español, inglés e alemán e tería que facer fronte ós nomes designados por  Italia e Polonia. O FMI, institución ideada en principio para axudar ós países en vías de desenvolvemento, foi dirixido tradicionalmente por un europeo, nun pacto tácito con Estados Unidos que, a cambio, queda coa presidencia do Banco Mundial.

Un perfil "social-liberal"
Reputado economista, e con experiencia internacional, DSK amósase partidario do que el denomina “modelo de esquerda europeo”, particularmente o de Blair e Schroeder. A súa xestión no ministerio de economía permitiu o cumprimento dos acordos de converxencia de Maastricht e a súa entrada na zona euro, pero levou a cabo políticas impopulares para os socialistas, como as privatizacións do servizo de correos ou de France Télecom, e opúxose á xornada laboral de 35 horas. Un discurso económico que o sitúa na “ala dereita” do partido. Certos rivan que ven no que el chama “socialdemócracia” un modelo extremadamente “social-liberal”.

Poucos elementos poden pesar na contra de Strauss-Kahn. Quizais a historia sexa o seu principal rival, pois Francia dirixiu o FMI en 31 dos 60 anos da institución. Moitos países en vías de desenvolvemento, liderados por Brasil, China e a India, piden unha ruptura da “entente EEUU-Europa” e que se abra a dirección do FMI e do BM a outros países. Ademais, Francia xa conta con importante representación noutros organismos financeiros, como a dirección xeral da Organización Mundial do Comercio, en mans de Pascal Lamy, ou a presidencia do Banco Central Europeo ostentada por Jean-Claude Trichet.
 
Sarkozy, un presidente 'sen 'gracia'
Pola súa parte, Sarkozy segue a romper moldes e tradicións. Despois da insólita “política de apertura” que leva nestes primeiros meses e os seus intentos de desestabilizar -aínda máis- á esquerda, o presidente da República afirmou nunha entrevista ó 'Journal du Dimanche' que non botará man da habitual amnistía do 14 de xullo, día de festa nacional en conmemoración da toma da Bastilla que dera inicio á Revolución Francesa en 1789.

Ata o de agora, o 14 de xullo era aproveitado polo xefe do Estado para beneficiar con reducións ós condenados con penas máis lixeiras. De paso, a medida servía para aliviar ó obstruído sistema penitenciario francés, con taxas de ocupación que en moitas ocasións superan amplamente o 50% da súa capacidade máxima.

Sarkozy reafirma así un propósito expresado durante a campaña electoral, mesmo se recoñece a “utilidade, por razóns humanitarias ou excepcionais de facer algúns indultos individuais”. A “gracia colectiva” do 14 de xullo, respectada dende os inicios  da Vª República hai 61 anos era, máis alá da tradición, un instrumento para regular esta “superpoboación penal”. Tal como dicía Daniel Dreux, secretario da Confederación xeral de cadros penitenciarios, á cadea de televisión TF1, “é o principio da olla expréss. Trátase de deixar escapar un pouco de aire para evitar a explosión”. 

Os franceses tampouco desfrutarán da entrevista televisiva na que todos os anos os presidentes daban conta do estado da nación e dos proxectos a afrontar polo goberno nos seguintes meses. “Quero ter un diálogo continuo cos franceses”, explica Sarkozy, “non vexo motivo para unha excepción excepcional un día ó ano”. Será cousa de non saturar á cidadanía, pois nos seus escasos tres meses de mandato, xa sorprendeu con varias aparicións televisivas inesperadas.

09/07/2007

4'8 (5 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

O presidente francés Nicolas Sarkozy
O presidente francés Nicolas Sarkozy
Dominique Strauss-Khan, candidato francés para dirixir o FMI
Dominique Strauss-Khan, candidato francés para dirixir o FMI

Buscar máis información sobre






Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso