Datos de interés

  • Xoves 28.08.2008

Especial Rapa das Bestas 2007

Sabucedo 2007, a crónica


Etiquetas: Sabucedo, troula, patrimonio, Rapa das Bestas

Marcos Ferro (Sabucedo).

A rapa das bestas de Sabucedo mantén un sentido que se lles escapa a moitas outras celebracións da xeografía galega. Foráneos hainos, moitos. Turistas e chiringuitos atraídos pola aglomeración humana (incrible o éxito que teñen os vendedores de sombreiros texanos). A pouco que se camiñe entre a multitude comezan a recoñecerse acentos franceses e ingleses. Esta atracción que ten para os estranxeiros a rapa das bestas motivou que a partir deste ano, a festa pase a ser de interese turístico internacional.

Pero a pesar desta afluencia non se trata dun espectáculo montado para os visitantes. Os veciños realizan un traballo centenario, e os turistas son invitados a ver, pero sen tocar.

O sábado, despois da misa, e dos foguetes, os veciños afanáronse no labor de localizar ós animais. A pé e a cabalo, rodearon as greas nos montes e vales máis afastados para levalos ó punto de encontro, nun lugar chamado o Peón. Ata aquí só chegan os visitantes con máis gañas de camiñar, ou os que teñen un todoterreno, porque este sitio se atopa a varios quilómetros da aldea.



A maioría da xente que está aló arriba pertence á parroquia, e moitos veñen a ver se atopan os seus cabalos, pois trece das catorce manadas que pastan nos montes de Sabucedo son privadas. A outra, a meirande, é a chamada 'do Santo' adicada a San Lourenzo, e descendente dos cabalos que comezaron a tradición.

A baixada, polos camiños habituais, non deparou demasiadas sorpresas. Neste punto, as persoas rodean ós cabalos para evitar que estes, asustados, escapen. Desta vez só uns poucos animais, a maioría poldros pequenos, conseguiron romper o cerco.

A comitiva entrou á vila, cunha hora de atraso pola vella igrexa, como se o patrono puidese pasar revista ós seus animais dende o campanario. O curro, que debía comezar ás 19.30 da tarde acabou empezando algo máis tarde das oito, para que homes e animais tivesen un descanso.

Alí agardaban o resto dos visitantes, que se contan por miles. "Menos que outros anos", afirmaba unha veciña do lugar, pero en todo caso, suficientes para que, a falta de media hora para a rapa, o curro estivese cheo ata a bandeira.



Dentro do recinto, o público pasaba o tempo de espera facendo a ola, pero esa foi a única concesión á modernidade que se fixo. Trala chegada dos cabalos, a tradición mandaba. Primeiro a separación dos poldros, levada a cabo polos rapaces máis novos, que comezan así a ensaiar a técnica coa que os seus pais comezaron a continuación a derribar os cabalos.

A continuación, o curro convértese nun remuíño de golpes, galopadas, e berros dende a bancada, uns de ánimo, e outros de burla, dependendo das simpatías dos aloitadores. Estes saltan sobre os cabalos, un no lombo, outro agarrando a cabeza e un terceiro inmobilizándoo polo rabo. Cando o teñen no chan, cúrtanlle as crinas, que recollen e amontoan os nenos, ignorando os cabalos que corren arredor.

Un par de horas e un cento de cabalos rapados despois, remata o curro. Os que non puideron entrar no recinto o sábado aínda tiveron outra oportunidade o domingo ás 12.30.

Despois deste curro, durante a tarde, os campistas comezaron a baleirar de tendas os lameiros que rodean Sabucedo. Aínda queda un día de rapa, pero xa son poucos os que se poden permitir quedar. A do luns é unha rapa para o pobo, na que cada familia pela os seus cabalos en pequenos curros e cercados privados.

Con esta sesión de 'corte e peiteado' remata unha tradición a medio camiño entre traballo e festa. Os cabalos xa están listos para volver ó monte, ata o ano que ven.

09/07/2007

4'9 (35 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Buscar máis información sobre






Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso