Datos de interés

  • Venres 21.11.2008

Entrevista a Manuel Lourenzo

'O teatro sempre estivo pegado á política, foi a miseria que lle tocou vivir'


Etiquetas: Manuel Lourenzo, libro, literatura

Anxa Correa. AGN (Santiago).

Manuel Lourenzo (Ferreira do Valadouro, Lugo, 1943), coñecido para moitos a través da televisión polo seu papel como 'Melgacho' en 'Mareas Vivas', é distinguido agora por unha dilatada e intensa traxectoria na literatura e no teatro en galego. Trátase da Letra E, que hoxe recibe das mans da Asociación de Escritores en Lingua Galega nun acto de homenaxe na súa terra natal.

Pregunta.- Con este premio séntese como se lle desen o Día das Letras, pero de vivo, ¿non?

Resposta.- [Risos] Eu non sei se estará inventado para que os vivos nos consolemos un pouco, e non nos queixemos dos mortos. Para min é unha alegría, un orgullo e unha satisfacción moi grande, e un pouco de peso tamén porque non é habitual recibir un recoñecemento así dos compañeiros. Máxime cando os meus traballos me deixan tan pouco tempo para colabroar coa asociación.

P.- ¿Que relación segue a manter co Valadouro?

R.- Intensa e cada vez de máis tempo. Teño unha casa alí e vou moito, non para pecharme, senón para traballar. O domingo irei alí e penso quedar dous meses, naturalmente non ancorado alí como unha barca varada, senón que terei o meu horario de traballo e o meu tempo para mil cousas, ben por traballo ou por pracer.

P.- ¿Non hai vacacións como tal?

R.- A iso chámolle eu vacacións. A estar coa miña neta, cos meus fillos, cos amigos, a intervir en campañas arqueolóxicas, a recoller literatura popular, a ler un pregón de festas nalgún sitio na Mariña, a coller a bicicleta e desaparecer. Móvome bastante por alí.

P.- ¿Que proxectos ten de cara ao futuro?

R.- Literarios, moitos. Un entregareino este ano, de pezas breves que teñen o pano de fondo da guerra pero en cómico, e outro o próximo ano. Na carteira levo varias cousas máis: temas teóricos de teatro, que sempre estou adiando e que este verán vou intentar comezar. E outro tipo de estudos e publicacións. Teño moitos proxectos, tantos que sei que a vida non me dará para eles, pero procuro non volverme histérico coas presas.

P.- Vén de impartir un curso na Mostra de Teatro Cómico de Cangas. Non cesa de dinamizar o teatro galego...

R.- O que podo facer fágoo. En realidade é unha escusa para dinamizarme eu mesmo.

P.- ¿Pensa na retirada?

R.- (Risos) O país non está para retiradas, nin sequera estratéxicas. Nin o meu corpo tampouco está aínda para retirarse.

Novo teatro galego
P.-
O seu estudo teatral CasaHamlet sérvelle para estar en contacto con novos creadores, ¿como ve as novas fornadas?

R.- Nestes últimos tempos, bastante boas. Na última revista de CasaHamlet aparecen catro ou cinco novos creadores con obras breves singulares e que permiten ter esperanza de que o futuro será un pouco menos áspero có presente.

P.- ¿Que salientaría da dramaturxia galega actual?

R.- Depende da franxa de idade. Os maiores, que somos poucos; unha franxa media, que tamén son moi botados para adiante e moi traballadores; e despois os novísimos, que van supor unha carga de profundidade grande porque están a vivir unha sociedade un pouco distinta, con percepción das cousas diferentes e con respostas diferentes.

P.- Este ano celébrase o 125 aniversario do teatro galego, ¿que balance fai?

R.- O camiño andado é interesante, é importante ter memoria do que vén de atrás para afianzarse e non perder o principal. Eu creo que foi un dos elementos dinamizadores da respiración do país, pero que ten que selo máis aínda.

P.- ¿Cales cre que deben ser os obxectivos?

R.- Todos e ningún. Sen límites. Implicar a toda a sociedade sería o reto principal e non sería suficiente.

Apoio e dependencia institucional
P.-
¿Que apreciación fai do borrador do Plan Galego de Artes Escénicas?

R.- A miña opinión é que está moi ben articulado, pero hai que debatelo, que é o que se vai facer. Cando pase a ser lei, vén o momento difícil, porque proxectar unha mellora nas condicións de produción teatral, mesmo da creación, é relativamente fácil e precisa de vontade. Aí teño as máis serias dúbidas, debido a que o campo está bastante viciado. Habería que reformar moitas cousas e meterse no cambio radical noutras para que a execución do mellor plano posible se realice sen trabas de tipo político, persoal, económico, sociolóxico... A práctica está aí como un compás que nos di que hai que navegar doutra maneira.

P.- ¿Refírese á dependencia que hai das subvencións?

R.- E tamén a execución da Administración do diñeiro público. Non teño por costume falar de diñeiro cando falo de teatro porque parece que é o único tema que sobresae sempre. O teatro sempre estivo máis ou menos pegado á política, foi a miseria que lle tocou vivir. E posiblemente iso non o podemos mudar. O que si podemos mudar é a práctica da política que facemos as persoas de a pé e os que nos dedicamos ao teatro. Creo que hai pouca intervención da sociedade na vida pública, e iso é o que hai que cambiar primeiro.

P.- ¿Que papel cre que está a desempeñar o Centro Dramático Galego (CDG) na actualidade?

R.- Non coñezo moi ben a situación, pero creo que ten que facer unha análise sobre si mesmo e que tería que fortalecerse cun proxecto que non sexa de centro dramático. O CDG precisaría ser máis independente das decisións políticas e ter o seu organigrama reelaborado para permitir que sexa máis un teatro nacional ca un centro dramático, exposto a todas as eventualidades.

Teatro nas veas
P.-
Outro dos temas arredor do teatro que máis interese suscitou nos últimos tempos foi o peche da Sala Yago en Santiago...

R.- Lamentei moito o peche da sala, porque era unha mostra de que se pode facer un teatro cuns mínimos de dignidade e un tanto independente da xestión cultural conducida directa ou indirectamente con fins políticos. Na Sala Yago podía estar catro días alí cun espectáculo e depender do público. Foi un ensaio de normalidade que se frustrou e espero que os xestores fagan o posible e o imposible por continuar cunha iniciativa fundamental para restaurar nalgún punto da cidade de Compostela ese ámbito de intervención teatral tan importante.

P.- ¿Cal foi a primeira obra que lembra ver e que lle meteu o "gusanillo"?

R.-  Algunha na que eu intervin sendo moi pequeniño, alá en Ferreiro do Valadouro. Só recordo títulos dalguhas nas que intervin daquela, como a zarzuela de Chapí 'El rey que rabió', na que traballei de moi pequeniño, e unha cousa horrenda que se chamaba 'El limpiachimeneas'. E despois as primeiras compañías vinas alí e a partir dos 10 anos en Lugo e despois na Coruña. Fun un rapaz e incluso un adolescente vicioso do teatro, o diñeiro sobrante gastábao neso e esperaba a que chegasen as compañías, xa que había moi pouco. Pero unha das obras que me marcaron máis profundamente, non pola escenificación nin nada así, senón porque estaba o Teatro Colón da Coruña cheo, e porque era a primeira vez que vía unha obra en galego, foi o 'Don Hamlet' de Cunqueiro. A obra case podo dicir que a sei de memoria.

P.- ¿Atopou algún problema para introducirse no mundo do teatro?

R.- Non te metes, es metido. Hai outros ventos que te empurran e eu non son en absoluto responsable do lugar onde estou, senón que ao mellor me deixei empurrar por algo que era o teatro e todo o seu entorno.

08/07/2007

5'0 (1 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Buscar máis información sobre





Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso