Xeración (Santiago).
O alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, anunciou hoxe que anulará o Plan de Sectorialización que pretendía construír 69 chalés adosados e un hotel a carón da centenaria fraga de Menáncaro.
O rexedor ferrolán fixo pública esta decisión despois de recibir un requerimento da consellería de Medio Ambiente, no que se instaba á cancelación desta actuación no prazo dun mes.
Neste escrito, Medio Ambiente lembráballe a Irisarri que o anterior goberno municipal aprobara o Plan de Sectorialización sen pasar o trámite de avaliación medioambiental que esixe a lei. No pleno do concello no que se lle deu luz verde a esta actuación alegouse silencio informativo por parte da Xunta, que entregou o informe de avaliación fóra de prazo.
O alcalde socialista de Ferrol comprometérase durante as eleccións a paralizar a construción deste bloque de vivendas. Ademais, Irisarri declarou que non ten intención de iniciar un proceso contencioso coa Administración, sobre todo porque "os formulacións da Xunta coinciden cos nosos".
Vicente Irisarri mantivo durante esta semana reunións co promotor das obras de construción e cos colectivos afectados polo plan de Sectorialización para recabar información sobre o proxecto.
Evitar futuras ameazas
A anulación do Plan de Sectorialización de Menáncaro-Serantes supón unha vitoria para os colectivos veciñais e ecoloxistas, que viñan denunciando que os edificios proxectados acabarían coa carballeira centenaria. A proposta das asociacións que defenden a fraga pasa por buscar unha figura que protexa este espazo natural, para evitar futuras agresións á carballeira.
06/07/2007